O descenso do impacto da COVID en Galicia non evita que se detecten aínda o dobre de casos que antes do Nadal

Galicia detecta aínda máis do dobre de casos diarios que antes do Nadal CC-BY-SA Foto: Xunta | Montaxe: Praza Pública

A incidencia da pandemia en Galicia continúa descendendo moi rapidamente, na liña do acontecido nas últimas semanas. A situación mellora a bo ritmo, pero non lle chega para deixar atrás os dramáticos números froito dun empeoramento --o que se dá desde principios de ano-- igual de intenso que a baixada actual pero moito máis prolongado. 

Os datos feitos públicos este sábado polo Sergas indican que se rexistraron en Galicia 522 novos positivos por coronavirus, 430 por PCR nas últimas 24 horas, aínda que foron realizados uns 1.500 test menos que na xornada anterior. 

O descenso de casos detectados cada día non impide que sigan sendo máis do dobre do nivel previo ao Nadal 

O descenso de casos detectados cada día non impide que sigan sendo máis do dobre do nivel previo ao Nadal e que a incidencia acumulada continúe tamén multiplicando por dous á de comezos de xaneiro. O 21 de decembro facíanse públicos 190 casos novos detectados por PCR en 24 horas; este pasado venres achegáronse a 500

A redución de positivos de COVID nos últimos días en Galicia é evidente, tanto como que as UCI continúan demasiado cheas tamén, mantendo unha presión hospitalaria que non dá tregua. 

Así, o número de camas ocupadas nas UCI baixa lixeiramente de 234 a 228 en Galicia, unha cifra que é aínda máis do dobre do máximo pico alcanzado no outono, con 110, e tamén bastante por riba do maior nivel acadado na pasada primavera, cando se chegara a 177. 

A mellora é algo máis importante nas camas de hospitalización ordinaria. O total de persoas ingresadas con test positivo do coronavirus leva cinco días seguidos diminuíndo, ata quedar nas 1.084. 

Ademais, o volume de casos activos --persoas que padecen COVID e seguen sendo positivo-- continúa baixando en Galicia, con arredor dun milleiro menos que na xornada anterior ata quedar nos 14.487. 

Galicia suma xa 2.080 mortes por COVID, 304 notificadas nas últimas dúas semanas e case 600 nos últimos trinta días

As pequenas novas positivas das últimas semanas non agochan, no entanto, un drama que é moi palpable no reconto de mortes. Galicia suma xa 2.080 falecementos de persoas diagnosticadas con COVID, logo de que a Xunta comunicase 24 máis este pasado venres. 

Son 304 persoas falecidas por coronavirus nas últimas dúas semanas e perto de 600 (593) nos últimos trinta días. 

Con respecto ás 24 mortes notificadas este venres, dez delas proceden de residencias, aínda que só un dos falecmentos é recente, o acontecido no no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol o pasado xoves e que procedía do centro Mi Casa, da mesma cidade. 

Respecto dos outros nove usuarios de residencias falecidas, o Sergas explica que dous falecementos se corresponden ao pasado luns e que os sete restantes correspoden a semanas pasadas e que foron comunicados agora por dúas residencias logo de que fosen "advertidas" pola Xunta. Precisamente, un dos centros requiridos é Paz y Bien, de Tui, que tivo que ser intervido pola Administración autonómica. 

Sexa como for, o número medio de falecementos notificados diarios en Galicia é aínda de case 18, unha cifra que só se alcanzara antes no pasado mes de abril e durante a primeira vaga da pandemia. 

En canto á positividade, sitúase en Galicia no 5,19% na media dos últimos sete días, o que supón que a taxa deixou de descender por primeira vez dende o pasado 22 de xaneiro. Ademais, as diferenzas son moi importantes segundo a área sanitaria. Mentres que na Coruña a cifra sitúase en case o 9%, Ferrol e Pontevedra roldan o 8% e Lugo o 5%, ao tempo que no resto é inferior ao 4%. 

Estes datos, con todo, merecen ser tratados con cautela polo posible influxo dos cribados masivos realizados nalgunahs localidades. Ademais, e tal e como demostran as cifras deste sábado, o número de PCR que se fan cada día en Galicia descendeu considerablemente: das case 13.000 do venres 5 de febreiro ás 8.203 do venres 12

De feito, a media de probas realizadas dos últimos sete días é de 11.352, a máis baixa tamén desde o 22 de xaneiro. 

Moeche e Cabanas son os concellos con peor incidencia acumulada, que é moi importante nas comarcas de Bergantiños e O Salnés

No que respeta á incidencia acumulada (IA) (casos novos /100.000 habitantes) nos 14 días anteriores, Moeche e Cabanas son nesta altura os concellos con peores datos. Ademais, segue habendo 12 municipios en Galicia onde esa IA continúa por riba de 1.000. 

Por comarcas, as de Bergantiños e O Salnés seguen en niveis moi altos, mentres que Betanzos, Poio, Sada, Ordes, Arteixo e Carballo son os concellos de máis de 10.000 habitantes con maior incidencia. 

Nas cidades, continúa a mellora xeral das últimas xornadas, aínda que con niveis moi altos en varias delas. A Coruña segue destacada como a urbe con maior IA, con máis de 600, seguida de Ferrol, con máis de 550, e Ourense, perto do medio milleiro

Alén de todas estas cifras, o número total de persoas que se infectaron e foron diagnosticadas con COVID en Galicia desde o principio da pandemia achégase ás 108.000, das que se teñen curado xa perto de 91.000. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.