O encallamento do quimiqueiro 'Blue Star' en Ares en 2019 remata con deberes para Estado e Xunta en materia de salvamento

O 'Blue Star' na costa de Ares en 2019 tras o baleirado do seu combustible CC-BY-SA Iago Varela

Os investigadores atribúen o accidente, que acabou co barco embarrancado 18 días, á descoordinación da tripulación ante unha avaría, pero piden medidas para que en situacións similares os remolcadores de auxilio poidan chegar antes 

O 22 de novembro de 2019 o quimiqueiro Blue Star, fondeado mentres agardaba para entrar no porto da Coruña, acabou encallando en punta Miranda, Ares, onde permaneceu 18 días ata que logrou ser retirado. Agora, máis de cinco anos despois, a Comisión de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos (CIAIM) vén de facer públicas as súas conclusións, que atribúen o sucedido a unha avaría mal xestionada pola tripulación pero que remata poñendo deberes en materia de salvamento marítimo ás capitanías marítimas da Coruña e Ferrrol, dependentes do Estado, e a Portos de Galicia, da Xunta.

Segundo a investigación, en medio de malas condicións meteorolóxicas o barco sufriu unha avaría que provocou un incendio e a tripulación non estivo ben coordinada. "Non houbo unha comunicación eficaz entre o capitán e o xefe de máquinas" e "o capitán non foi dilixente ao non comunicar inmediatamente ás autoridades marítimas os problemas que estaba experimentando", di a investigación. Cando o barco quedou á deriva avisouse aos servizos de salvamento, ás 22.33 horas, pero os remolcadores mobilizados "non puideron chegar á zona antes da embarrancada", fixada nas 23.40 horas.

A investigación da CIAIM recomenda ao armador do buque unha auditoría externa completa sobre os procedementos de seguridade a bordo. E á autoridade marítima de Malta, onde estaba rexistrado o barco, que informe á sociedade de clasificación emisora dos certificados do buque "das graves deficiencias detectadas" para que "revisen os seus procedementos de inspección e aprobación".

Recomendacións de seguridade dos investigadores do encallamento do 'Blue Star' © CIAIM

Pero os investigadores tamén recomendan melloras en materia de salvamento marítimo. Tras o aviso do Blue Star, o primeiro barco de salvamento saíu do porto da Coruña ás 22.50 horas, uns 20 minutos despois da alerta, e ás 22.58 saíu un remolcador do porto de Ferrol. Os dous barcos de salvamento chegaron á zona do sinistro ao mesmo tempo, ás 23.58 horas, pero o Blue Star xa encallara uns 20 minutos antes.

Os remolcadores mobilizados desde A Coruña e Ferrol chegaron uns 20 minutos despois de que o barco encallase, o que leva a recomendar que en situacións similares haxa un barco de salvamento en Sada, para o que a Xunta ten que mellorar o porto

Tras o accidente tomáronse xa medidas para axilizar as actuacións de salvamento en circunstancias similares, de xeito que en condicións meteorolóxicas adversas as capitanías da Coruña e Ferrol e os centros de coordinación de salvamento "valoran a mobilización" dun buque de salvamento que estea pendente do que poida pasar no fondeadoiro da ría de Ares. Pero esa mobilización "ten unha limitación: a carencia de calado para o seu atraque no porto de Sada, o máis conveniennte para este servizo".

Así que a CIAIM remata recomendando ás capitanías da Coruña e Ferrol "que valoren establecer un procedemento para xestionar o fondeadoiro en situacións de meteoroloxía moi adversa, dispoñendo puntualmente remolcadores en portos próximos (Ares ou Sada) ou con outras medidas de eficacia similar. E a Portos de Galicia "que se habilite no porto de Sada", titularidade da Xunta, "un calado suficiente para que poidan atracar buques de salvamento".

O 'Blue Star' encallado na costa de Ares en novembro de 2019 mentres era extraído o seu combustible Dominio Público @DelGobGalicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.