Así foi o rescate do 'Blue Star' , o barco que fixo tremer a costa de Ares hai un ano

Imaxe do vídeo de SMIT sobre o reflotamento do 'Blue Star' © SMIT Salvage

Hoxe hai xusto un ano, o 25 de novembro de 2019, a Delegación do Goberno en Galicia acollía unha reunión na que o Estado decidía extraer a terra o combustible do buque Blue Star, quimiqueiro de 129 metros de esolora encallado na costa das Mirandas, na ría de Ares, dous días antes. 

O 'Blue Star' foi desencallado e remolcado cara ao porto de Ferrol o 10 de decembro de 2019, tras 18 días embarrancado na costa de Ares

Logo de varios intentos infrutuosos para remolcalo, e co pesadelo do Prestige presente 17 anos despois, o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, advertía de que a "prioridade" era extraer as 120 toneladas de fuel e gasóleo que contiña o buque para logo intentar de novo sacalo a flote. Medios públicos intentaran xa nos días anteriores, e sen éxito, unha operación na que insistiu, tamén sen logralo, a empresa SMIT, contratada pola armadora.

Foi finalmente o 10 de decembro, 18 días despois de que encallara, cando o dispositivo de rescate do Blue Star conseguiu por fin o seu obxectivo pouco antes das 14.30 horas. Os remolcadores encargados pola empresa SMIT Salvage lograron sacar o buque das rochas onde quedara embarrancado o pasado 24 de novembro, cando un incendio e un posterior problema na sala de máquinas deixárano a mercé dun forte temporal que o acabou levando contra as rochas da costa.

A empresa SMIT detalla nun vídeo os labores de extracción do fuel e de reflotamento do buque

Os labores do dispositivo de rescate, que durou varios días, foron gravados con todo luxo de detalles pola compañía SMIT, que resumiu a operación nun vídeo duns tres minutos onde explica como se levou a reflotación do buque, canda unhas impresionantes imaxes gravadas desde o aire. 

Fora no terceiro intento en dous días cando, coa pleamar prevista para as 15 horas, a acción coordinada dos remolcadores Boka Pegasus e Union Princess, ambos exercendo presión desde a popa e babor, lograron desencallar o Blue Star coa axuda dunhas ondas que foron finalmente maiores do que se pensou nun primeiro momento.

Antes, como explica SMIT no vídeo, construíuse "unha tirolina para bombear as 120 toneladas de hidrocarburos a bordo" e "evitar así danos ao medio ambiente". Aquel 10 de decembro, "impulsado polas mareas crecentes e o duro temporal" logrouse un remolque cunha potencia de "máis de 460 toneladas de tiro á súa disposición". 

Imaxe do vídeo de SMIT sobre o reflotamento do 'Blue Star' © SMIT Salvage

Logo de sacar o buque das rochas, os remolcadores de SMIT lograron levalo ata o centro da ría de Ares "para realiazar máis inspeccións". Ata ese lugar "protexido" achegáronse logo os remolcadores Veintiocho e o Don Inda, que prestaron apoio. A continuación, o Blue Star foi conducido cara ao porto exterior de Ferrol, onde foi sometido a unha revisión para avaliar os danos que presentaba, tanto os que sufriu polas case tres semanas que estivo encallado, como os que provocou o incendio na sala de máquinas que acabou por desencadear o accidente. 

"O Blue Star foi devolto aos seus propietarios, coa satisfacción da aseguradora e das autoridades", presume a compañía, que lembra que "o impacto no medio ambiente reduciuse ao mínimo" e púidose "evitar unha campaña intensiva de eliminación de restos". O paradoiro do buque, un ano despois, é unha incógnita. 

Logo de arranxos de emerxencia, o Blue Star tiña dirixiuse a Turquía. Cara alá saíu o 10 de marzo deste ano, na última data da que se coñece o seu paradoiro, o porto de Ferrol, que segue a ser o que indica o rexistro público.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.