O hospital de Lugo comezará o 19 de xullo a cociñar para os doentes dos hospitais de Vigo

Aspecto da cociña do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo na súa apertura, no ano 2015 CC-BY-SA Sergas

A CIG-Saúde denunciou o peche da cociña do Cunqueiro de Vigo tras seis anos de uso e estuda pedir unha investigación dos "controis de calidade" da construción do edificio 

A cociña do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) de Lugo comezará o vindeiro 19 de xullo a elaborar as comidas para as e os doentes do Hospital Álvaro Cunqueiro (HAC) de Vigo e mais para as persoas ingresadas nos hospitais Meixoeiro e Nicolás Peña, segundo puido confirmar Praza.gal de fontes coñecedoras da operación. A comida, que nun inicio estaba previsto que chegase en camións desde Zaragoza, percorrerá finalmente os case 200 quilómetros que separan ambas cidades por estrada.

A CiG-Saúde denunciou a principios deste mes que a cociña do Cunqueiro ía ficar pechada durante os meses de xullo e agosto por mor dunhas obras de mellora necesarias, segundo lle trasladou ás traballadoras a empresa concesionaria privada, que xestiona este e outros servizos non hospitalarios do centro sanitario vigués. "O chan da cociña precisa dunha reparación importante tras só seis anos de funcionamento", explicaba o sindicato.

Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo © Cedida por Vigoé

As fontes consultadas por Praza.gal sinalan que o Sergas coñeceu o inminente peche da cociña do Cunqueiro pola denuncia da CIG-Saúde. A empresa que ten subcontratada a cociña pretendía empregar unhas instalacións propias situadas en Zaragoza, mais desde a Consellería de Sanidade puxeron o freo a esta intención. Resta coñecer a fórmula concreta que se vai empregar para esta colaboración entre o Lucus Augusti e os hospitais vigueses.

A xerencia da área sanitaria de Vigo confirma que os servizos centrais do Sergas son os que estaban a buscar alternativas ao traslado dos menús desde Zaragoza. Con todo, esta xerencia asegura non ter aínda coñecemento exacto das datas nas que as e os doentes ingresados nos hospitais vigueses van recibir as comidas desde fóra, xa que este servizo fica xestionado por entes privados.

A CIG-Saúde critica "que se teña que recorrer á cociña dun hospital público para solucionar o problema creado pola privatización dun servizo esencial"

O Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo foi construído cun modelo de colaboración público-privada que demostrou diferentes eivas, pois a propia Xunta desbotou volver empregar esta fórmula na cidade de Pontevedra, onde hoxe está en marcha a ampliación do Montecelo. 

A CIG-Saúde, sindicato maioritario no sector da sanidade en Galicia, dirixiu estes días senllos escritos ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e mais ao conselleiro de Sanidade –e ex-xererente da área de Vigo–, Julio García Comesaña, nos que reclama a "reversión total da concesión" do hospital vigués. Para a central sindical este peche obecede a que "se primaron os intereses económicos da empresa concesionaria no canto da calidade da construción".

"O feito de que se teña que recorrer á cociña dun hospital público, con persoal público, para solucionar o problema creado pola privatización dun servizo esencial, non fai mais que reforzar a nosa defensa dunha sanidade 100% pública, tanto no financiamento como na provisión de tódolos servizos implicados na asistencia sanitaria", sinalou o sindicato.

Accesos do Hospital Lucus Augusti Dominio Público Ajuanta

Investigación da construción

Por outra banda, perante a situación das instalacións da cociña do Hospital Álvaro Cunqueiro, a CIG-Saúde de Vigo estuda solicitar unha investigación dos "controis de calidade" da construción do edificio inaugurado no ano 2015.

O sindicato estuda reclamar unha investigación dos "controis de calidade" da construción do hospital de Vigo

Segundo o proxecto de Orzamentos da Xunta para 2021 que recolle o sindicato, neste ano a concesionaria recibirá 42,5 millóns de euros "para devolver o custo da construción" e 30,9 millóns "pola xestión de servizos como a limpeza, o mantemento ou a lavandería". 

En total son 73,4 millóns de euros os que a Xunta ten que aportar este ano polo Cunqueiro á empresa concesionaria, cuxa composición accionarial está en mans de fondos de investimento internacionais como Meridiam (43,3%) e River Rock (16,6%) e empresas como Puentes y Calzadas (23,3%) e Veolia (16,6%). "A esta cantidade hai que sumarlle os beneficios por explotacións comerciais como o aparcadoiro, a cafetería, as televisións das habitacións ou as máquinas de vending", engade o sindicato.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.