Xa son máis de 32.000 as hectáreas ardidas nos principais incendios dos últimos dez días, pero ningún rexistra xa perigo para vivendas
Dez días despois do inicio da actual vaga de incendios, orixinados na súa maioría polos raios caídos en toda Galicia na noitiña do 14 de xullo, o parte ofrecido pola Consellería de Medio Rural a última hora da tarde deste domingo 24 segue reflectindo unha relativa estabilidade, como nas dúas últimas xornadas. Os grandes incendios do Courel e Valdeorras, os maiores desde que hai rexistros comparables en Galicia, seguen activos pero sen aumento no número de hectáreas estimadas.
Porén, o que se iniciou en Pradoalbar, en Vilariño de Conso, e que afecta ao Parque Natural do Invernadeiro, medrou notablemente na última xornada, algo que non se producía desde a noite do xoves ao venres. Se na mañá deste sábado a Xunta informaba de que afectara a 5.500 hectáreas, unhas horas despois aumentaba a cifra a 5.800, a primeira hora da tarde deste domingo situábao en 6.300 hectáreas e pasadas as sete da tarde xa ascendía a 6.500.
En total, a suma das hectáreas ardidas en todos os incendios dos que a Xunta vén informando nos últimos días -só o fai dos que superan as 20 hectáreas, afectan a espazos protexidos ou poñen en risco vivendas e persoas- supera xa as 32.000. Porén, ningún dos incendios aínda non controlados, cinco a última hora da tarde deste domingo, supón xa perigo para vivendas.
A última hora da tarde deste domingo a Xunta informa de cinco incendios aínda non controlados e outros seis xa controlados pero pendentes aínda da súa extinción completa
Dos cinco incendios que a Xunta aínda non dá por controlados, catro son cualificados como activos: o principal do Courel (10.000 hectáreas), outro que se iniciou na parroquia de Seceda tamén en Folgoso do Courel (1.100 hectáreas), o de Valdeorras (10.500 hectáreas) e o de Vilariño de Conso (6.500 hectáreas). Outro incendio, o de Nocedo en Quiroga (15 hectáreas) é considerado como estabilizado, paso previo ao seu control, situación na que están outros seis incendios aínda pendentes da súa extinción completa, entre eles xa o de Rabal en Oímbra, que a Xunta deu por controlado a primeira hora da tarde deste domingo cun superficie de 2.100 hectáreas. Nas últimas horas a Xunta tamén informa de que vén de exinguir o de Videferre, tamén en Oímbra, que cifra finalmente en 919 hectáreas.