O número de casos de COVID aumenta nos centros de ensino, con 100 positivos máis na última semana

Evolución da incidencia da COVID no ensino CC-BY-SA Praza Pública - CIG

A incidencia da COVID en Galicia continúa a medrar moi lentamente, manténdose en cifras que aínda non permiten falar dunha cuarta vaga da pandemia. Mentres outras comunidades autónomas, como Euskadi, Madrid ou Navarra roldan os 400 casos por cada 100.000 habitantes en 14 días, en Galicia as cifras superan por pouco os 80 casos.

Este sábado o Sergas notifica 194 novos positivos, 176 deles detectados por proba PCR nas últimas 24 horas, cifras moi semellantes ás de hai sete días

Este sábado o Sergas notifica 194 novos positivos, 176 deles detectados por proba PCR nas últimas 24 horas, cifras moi semellantes ás de hai sete días. A media diaria de novos casos na última semana é de 155, menos da metade dos que se rexistraban en decembro, nos días anteriores ao inicio da terceira onda.

Con todo, os contaxios si semellan estar a medrar nalgunhas zonas, destacando a contorna da ría de Arousa, tanto no Salnés coma no Barbanza e, igualmente, nas cidades de Vigo e Lugo, onde a incidencia aumenta con forza este sábado. Iso si, aínda en niveis reducidos. E, igualmente, nos centros de ensino, onde dende o regreso das vacacións de Semana Santa o número de positivos medrou de forma considerable.

Este venres, por terceiro día consecutivo, non se rexistrou en Galicia ningunha morte relacionada coa Covid-19. É o quinto día que isto sucede nos últimos oito

A mellor nova é a diminución nas últimas semanas do número de falecementos, un efecto directo do avance do proceso de vacinación, que xa está a protexer á maior parte da poboación maior de 80 anos e a unha porcetraxe moi elevada das persoas entre 70 e 79 anos. 

Este venres, por terceiro día consecutivo, non se rexistrou en Galicia ningunha morte relacionada coa Covid-19. É o quinto día que isto sucede nos últimos oito.

Ademais, por segundo día consecutivo non hai ningún caso activo de coronavirus entre o persoal ou os usuarios das residencias, todos e todas inmunizados xa ante o virus coas dúas doses da vacina contra a Covid-19.

Carballeda de Valdeorras, O Grove, Trabada, Cortegada, Lobeira, Cualedro e A Pobra do Caramiñal son os concellos con máis incidencia

Carballeda de Valdeorras e O Grove son os concellos con máis incidencia da Covid-19, con valores tamén elevados en Trabada, Cortegada, Lobeira, Cualedro e A Pobra do Caramiñal, todos por riba dos 500 por cada 100.000 habitantes nos últimos 14 días.

Pola contra, 133 concellos non rexistraron ningún novo positivo nas últimas dúas semanas e 171 non os tiveron na última semana

Vigo é a cidade con peores datos, pero cunha incidencia aínda por debaixo de 150

En canto ás cidades, no último día destaca o aumento da incidencia en Vigo (que leva un mes nun lento ascenso) e Lugo, que duplicou o seu número de casos nas últimas dúas semanas. Aínda que a cidade olívica é a urbe con peores datos, mantense por debaixo dos 150 casos por cada 100.000 habitantes. O resto das cidades amosan unha pequena tendencia de ascenso, aínda pouco significativa.

Nos hospitais a situación é estable, aínda que no último día aumentou de 26 a 31 o número de persoas ingresadas nas UCI. En cambio, a cifra total de persoas ingresadas nas diferentes unidades de hospitalización descendeu de 195 a 183. Os datos son moi semellantes aos de hai sete días.

Importante aumento dos positivos nos centros de ensino

Nos centros de ensino si que se se está a producir un aumento dos contaxios dende o regreso das vacacións de Semana Santa. Nestes momentos hai 482 casos activos, con 19 aulas pechadas e un centro clausurado na súa totalidade (a Escola infantil de Quiroga). Hai unha semana o número de casos era de 384, con só 4 aulas pechadas, acadándose entón os niveis máis reducididos dende comezos de outubro.

O IES Afonso X O Sabio de Cambre, con 10 casos activos, é o centro con máis positivos. 8 teñen o CPR Plurilingüe Santa María del Mar da Coruña, o CEP Plurilingüe de Ventín (Ames) e o IES Monte da Vila (O Grove), nunha lista na que destaca o gran número de contaxios nos centros privados e concertados.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.