O plan estatal ante maremotos prevé en Galicia elevacións do mar de 2 metros orixinadas onde o gran sismo de Lisboa

Vista da costa galega desde as Illas Cíes CC-BY-SA Praza Pública

O documento aprobado polo Goberno de España establece os procedementos de alerta e determinación do nivel de risco e di que no caso galego o tempo de chegada dos efectos “sería superior a unha hora”

“En Galicia poderían chegar elevacións máximas de ata case 2 m, que estarían asociadas a maremotos provocados por terremotos de elevada magnitude xerados no Banco de Gorringe. O tempo medio de chegada destes maremotos sería superior a unha hora”. 

Esa é a análise da perigosidade de maremotos nas costas galegas que fai o Plan Estatal de Protección Civil ante o Risco de Maremotos, aprobado este martes polo Consello de Ministros e publicado este xoves no BOE. Un documento que establece os procedementos de alerta e determinación do nivel de risco en toda a costa estatal e que no caso galego pon o foco a máis de mil quilómetros de distancia, no lugar ao suroeste do Algarve no que os expertos sitúan a orixe do maremoto que arrasou Lisboa en 1755 e que tamén deixou danos en Galicia.

Gravado sobre o terremoto de Lisboa de 1755 Dominio Público Orixinal no Museu da Cidade de Lisboa

O plan sinala que “as menores elevacións máximas se localizan na cornixa cantábrica”, con valores “inferiores a 0,5 metros"

O obxectivo declarado do plan agora aprobado é o de “transmitir, no tempo máis curto posible, a información aos órganos competentes en materia de protección civil dos ámbitos territoriais potencialmente afectados, co obxecto de que poidan adoptar as medidas de prevención e de protección de persoas e bens que en cada caso correspondan, e alertar á poboación residente nas áreas de risco”. Un sistema de alerta baseado na rede de detección de sismos do Instituto Xeográfico Nacional que a partir dos lugares nos que é máis previsible que se produzan maremotos establece os seus posibles efectos en terra a través de tsunamis ou elevacións do nivel do mar.

Segundo eses estudos, “as menores elevacións máximas se localizan na cornixa cantábrica”, con valores “inferiores a 0,5 metros”. No resto da costa galega atlántica o plan fala dos anteditos 2 metros de elevación do nivel do mar froito de tremores de elevada magnitude no Banco de Gorringe, un lugar no Atlántico a uns douscentos quilómetros ao suroeste do Algarve onde, nunha liña que se estende desde as illas dos Açores ata Xibraltar, chocan as placas tectónicas da Península Ibérica e África. Alí é onde os expertos coinciden en situar a orixe do maremoto que en 1755 arrasou Lisboa con ondas de ata 20 metros e que tamén deixou pegada en Galicia, segundo as testemuñas recollidas polo goberno de Fernando VI.

O plan asigna “un determinado nivel de alerta e un tempo de chegada do maremoto a cada unha das localizacións posiblemente afectadas”

O plan sinala que “as maiores elevacións asociadas á chegada dos maremotos á costa española produciríanse na costa occidental andaluza e en Canarias, con valores máximos que poderían chegar a superar os 8 metros”. O documento tamén indica que “no proceso de identificación de fallas púxose de manifesto que os períodos de recorrencia estimados presentan grandes diferenzas, con fallas como a do Banco de Gorringe, con valores entre 1.000 e 2.000 anos, en contraposición a outras fallas fronte á costa mediterránea con períodos de recorrencia de varias decenas de miles de anos”.

Exemplo de alerta dun posible terremoto no golfo de Cadiz © BOE

O plan establece un sistema de simulacións numéricas que a partir da intensidade e localización do tremor asigna “un determinado nivel de alerta e un tempo de chegada do maremoto a cada unha das localizacións posiblemente afectadas”. O documento establece varios tipos de mensaxes dirixidos á rede de protección civil que pode emitir a rede sísmica estatal tras detectar un tremor nalgún punto do mar:

  • Mensaxe de alerta: “Cando se agarda unha altura de onda na costa maior de 0,5 metros ou unha altura vertical máxima en terra maior de 1 metro”
  • Mensaxe de aviso: “Cando o maremoto esperado presenta unha altura de onda nalgún punto da costa entre 0,2 metros e 0,5 metros ou unha altura vertical máxima en terra menor de 1 metro”.
  • Mensaxe de información: “Non hai risco de maremoto. Considérase que non hai risco de maremoto se non se esperan alturas de onda na costa maiores de 0,2 metros ou unha altura vertical máxima en terra maior de 0,5 metros”.
  • Mensaxe de cancelación: “Cancela a alerta de maremoto iniciada por unha mensaxe de aviso/alerta anterior”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.