O PSdeG cre "unha tomadura de pelo" que o Sergas ofreza agora 17,5 millóns para os centros de saúde

Xoaquín Fernández Leiceaga, en rolda de prensa © PSdeG

O PSdeG pídelle á Xunta que dea un "paso adiante" para actuar contra o conflito e a deterioración na sanidade galega. O seu portavoz parlamentario, Xoaquín Fernández Leiceaga, reclamou "un cambio substancial nos orzamentos de sanidade" e medidas concretas que non se limiten a "anuncios previos ás eleccións destinados a ser esquecidos". Así, precisamente, cualificou de "tomadura de pelo" o anuncio feito polo conselleiro, Jesús Vázquez Almuíña, hai tan só unhas semanas, do incremento dos fondos destinados a equipar centros de saúde unha partida que, como destacou Praza.gal, fora recortada durante seis anos pola Xunta

Leiceaga pide a Feijóo "un cambio substancial nos orzamentos de sanidade" e medidas concretas que non se limiten a "anuncios previos ás eleccións destinados a ser esquecidos"

Almuíña anunciou que se ían triplicar os fondos dun plan de necesidades que estará dotado con 17,3 millóns de euros para dous anos (2019 e 2020). Máis de 8, aclarou logo no Parlamento, serán dedicados ao equipamento, case 3 a reformas nos centros de saúde, mentres que uns 6 millóns serán destinados á dotación de equipos informáticos.

Leiceaga considera que esta cantidade, "a investir en dous anos", é unha contía "absolutamente insuficiente" ao superar por pouco os 8 millóns anuais. Almuíña, hai dúas semanas na súa comparecencia na Cámara, admitía que eses fondos non existiran durante anos.  

Non aclarou o conselleiro, no entanto, por que poucos meses despois de presentar os Orzamentos, o Goberno anuncia un incremento en tal cantidade dunha partida que suma só 800.000 euros nas contas para este exercicio. Tampouco como ou cando vai levar a cabo esta importante modificación orzamentaria. 

O plan de necesidades sufriu un recorte de case o 100% entre 2011 e 2017 e un lixeiro aumento só elevou a partida ata os 800.000 euros neste 2019

O caso é que a Xunta recortou durante anos os fondos destinados a este plan de necesidades, ata deixalos en mínimos de 100.000 euros tanto nos Orzamentos de 2016 como nos de 2017. En total, e desde que Feijóo chegou á presidencia, o Goberno galego dedicou un total de 7,21 millóns de euros a esta partida entre 2010 e 2019, case 800.000 euros menos dos que o bipartito dedicou en catro anos, entre 2006 e 2009. Uns 720.000 euros de media cada exercicio por parte do Executivo popular fronte aos case 2 millóns do Executivo de coalición de PSdeG e BNG.

Leiceaga reclámalle agora ao presidente da Xunta un “cambio de raíz” na súa política sanitaria "con financiamento suficiente para reverter os recortes dos últimos dez anos, estabilidade laboral para rematar coa precariedade e planificación fronte a unha década de improvisación". O voceiro socialista adiantou que na vindeira sesión de control a Feijóo do mércores solicitará un “acordo amplo” incorporando as peticións das asociacións.

O PSdeG reclama a Feijóo que dea cabida á participación dos grupos parlamentarios na reforma sanitaria, incorporando as propostas das asociacións

O PSdeG reclama a Feijóo que dea cabida á participación dos grupos parlamentarios na reforma sanitaria, incorporando as propostas das asociacións. Propuxo incorporar a xerencia propia de Atención Primaria, a fixación de tempos de atención aos pacientes, un número máximo de consultas que sexa viable ou un contrato para o persoal estatutario e eventual.

A Xunta, segundo dixo, "debe garantir que os Puntos de Atención Continuada (PAC) teñan dotación suficiente para evitar a desatención e consecuencias fatais para os pacientes”, ademais de habilitar un mínimo de probas comúns na Atención Primaria. En definitiva, reivindicou máis profesionais da sanidade e máis autonomía á Atención Primaria.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.