O Sergas suma a maior cifra de positivos da COVID nun mes e a taxa de probas positivas apunta a empeoramento

Cartel lembrando a distancia de seguridade na feira de Carballo, o pasado 27 de decembro de 2020 © Concello de Carballo

Os protocolos para abordar o coronavirus sitúan entren 5 e 10 días o limiar máis frecuente dende que unha persoa se contaxia da COVID-19 e o seu caso pode entrar no rádar do sistema sanitario, xa for por desenvolver síntomas da enfermidade ou porque os desenvolve alguén da súa contorna. Daquela, estes son días de comezar a detectar os posibles efectos epidemiolóxicos dos encontros ligados á Noiteboa e Nadal. E os primeiros sinais non son favorables.

No inicio dos días nos que cabe agardar que comecen a aflorar os contaxios do Nadal, o Sergas suma 484 positivos, a maior cifra en 24 horas dende finais de novembro

O Servizo Galego de Saúde engade este 30 de decembro ao seu cómputo un total de 484 novos positivos (441 deles, diagnósticos mediante PCR), os rexistrados entre as seis da tarde do luns, día 28, e a mesma hora do martes 29. É a maior cifra rexistrada nunha xornada en algo máis dun mes (o 25 de novembro, Sanidade engadiu 531 casos) e apunta a un empeoramento que tamén reflicten outros indicadores, como a taxa de test PCR que dan positivo. [A Xunta permite saltar os peches da COVID polo Aninovo, volve pedir non facelo e muda horarios na hostalería]

Como amosa o gráfico sobre estas liñas, a media diaria a sete días de novos diagnósticos xa volve repuntar por riba dos 300 e, alén de oscilacións diarias, a tendencia é ascendente. Mentres, Sanidade agrega tamén outros seis falecementos ata un total de 1.386. Ningunha destas mortes se corresponde coas últimas vinte e catro horas, senón que todas elas corresponden a días previos e cando menos unha, ao mes de novembro.

Positividade á alza en todas as áreas sanitarias

A positividade media das probas PCR xa traspasou o limiar do 5% que a OMS sinala para dar por controlada a pandemia nun territorio

Esta tendencia ao empeoramento rexístrase nun contexto no que o número de probas PCR procesadas polo Sergas remonta, pero segue lonxe das cifras récord dos días previos ao Nadal. Entre as seis da tarde do luns e a mesma hora do martes foron procesadas 6.448 (a xornada previa foran menos de 4.000) e no último día completo dispoñible, o luns 28, foron algo máis de 4.300. 

Ao contrario que noutras ocasións, o incremento no número de PCR non trae consigo un descenso da porcentaxe das que dan positivo. Así se observa na positividade media a sete días, un indicador que suaviza os efectos de variacións bruscas nalgún día puntual. Como amosa o gráfico baixo estas liñas, a tendencia é á alza en todas as áreas sanitarias e a positividade media para o conxunto de Galicia xa abandonou o 5% que a Organización Mundial da Saúde ten como referencia para dar por controlada a pandemia nun territorio.

Estes malos sinais nas taxas de positividade obsérvanse, do mesmo xeito, nos datos de incidencia acumulada a 14 días. Para o conxunto de Galicia, cos datos do último día completo dispoñible este indicador volve subir un chisco e achégase aos 190 casos novos por cada 100.000 habitantes en dúas semanas. Por áreas sanitarias, a incidencia acumulada a 14 días máis elevada segue sendo a de Santiago-Barbanza, que supera os 280.

Sobre o mapa, as incidencias máis elevadas e, en xeral, tamén as evolucións máis preocupantes continúan en puntos da Costa da Morte e da Barbanza, en Verín e a súa contorna, no Eume ou en concellos occidentais da Mariña. Na banda contraria, 82 concellos sen ningún caso rexistrado nos últimos catorce días, unha cifra que así e todo, tende a reducirse.

A situación xeral tamén se reflicte nas cidades e só unha, Lugo, segue polo momento coa tendencia descendente, chegando aos 83 casos por cada 100.000 habitantes no día previo á fin do seu confinamento perimetral. Na banda elevada está Santiago, que ademais nesta xornada abandona a lixeira tendencia descendente cunha repunta na incidencia a 14 días que a sitúa en 221 casos novos por cada 100.000 habitantes. Destaca ademais nesta xornada outra repunta, a da Coruña.

Mentres todo isto sucede, a situación nos hospitais continúa estancada. Tras tres días de incrementos no número de persoas ingresadas con test positivo do coronavirus chegaron dous de lixeiras diminucións e a media do último mes rolda os 370 ingresos. O total agora está en 337, con 55 (-1) persoas na UCI e 282 (-9) en unidades ordinarias. En calquera caso, o propio Sergas admite que, como no caso do resto de indicadores, cómpre agardar os efectos do Nadal, que no caso da hospitalización tardarán aínda algúns días máis en ser percibidos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.