O Supremo confirma as condenas por matar a Samuel Luiz e a absolución doutro acusado

Vista de apelación contra a sentenza polo asasinato de Samuel Luiz, o pasado abril no Tribunal Superior de Xustiza © TSXG

A Sala Penal do Tribunal Supremo confirma as condenas de entre 20 e 24 anos de prisión impostas ao tres autores do asasinato a golpes do mozo de 24 anos Samuel Luiz na Coruña o 3 de xullo de 2021. Ademais, os maxistrados tamén ratifican a decisión do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) de absolver por falta probas un cuarto acusado, Alejandro Míguez, quen fora condenado como cómplice a dez anos de prisión na sentenza ditada inicialmente por un tribunal do xurado da Audiencia da Coruña.

O Supremo desestima así os recursos de casación tanto das defensas dos tres condenados como da Fiscalía e a acusación particular, estes últimos en contra da absolución de Míguez como cómplice do asasinato por falta de probas. 

Flores en homenaxe a Samuel Luiz no lugar onde foi asasinado, poucos días despois do seu falecemento CC-BY-NC-SA Praza Pública

Deste xeito, as condenas confirmadas e definitivas son de 24 anos de prisión para Diego Montaña. por delito de asasinato coa agravante de discriminación por motivo de discriminación sexual; de 20 anos para Alejandro Freire, por delito de asasinato; e de 20 anos e medio para Kaio Amaral (17 anos por asasinato e 3 anos e medio por roubo con violencia pola subtracción do móbil da vítima). Alén disto, os tres condenados terán que indemnizar a familiares da vítima en máis de 300.000 euros

O Supremo desestima os recursos de casación das defensas dos tres condenados e o da Fiscalía e a acusación particular contra a absolución de Míguez

Segundo os feitos probados, e tal e como relata o Supremo, a agresión grupal desencadeouse nas inmediacións dun pub case ás tres da mañá, cando Diego Montaña, que estaba coa daquela a súa parella sentimental, creu que a vítima os estaba gravando cun teléfono móbil. Dirixiuse a el e díxolle: "Deixa de gravarnos", contestando Samuel que estaba a realizar unha videochamada. Tamén se considera probado que Diego díxolle: "Deixa de gravar, a ver se te vou matar, maricón?", e que iniciou de forma sorpresiva e repentina as puñadas e patadas, sobre todo na cabeza e a cara, "pola súa animadversión cara á condición sexual homosexual que lle atribuíu". Os outros dous acusados sumáronse á agresión. 

A sentenza ratifica o agravante de aleivosía e tamén o de discriminación por motivo de orientación sexual no caso de Diego Montaña

Entre os argumentos para rexeitar os recursos das defensas, o Supremo comparte que no caso concorreron todos os requisitos para apreciar a "agravante de aleivosía", que configura o delito como asasinato. Explica que o ataque a golpes da entidade e violencia do producido resultaba imprevisible. "Foi un ataque sorpresivo (a interacción previa foi meramente anecdótica pola irrelevancia da suposta ofensa), que desde o primeiro momento deixa indefensa a vítima, nunha sorte de inexplicable linchamento", indica a Sala. 

Ademais, engade que foi "algo máis que un abuso de superioridade, o desequilibrio era abafador e a defensa foi anulada desde o primeiro momento". E destaca que a postremeira axuda de dous cidadáns senegaleses á vítima non supón que non se aplique a aleivosía, que esixiría unha defensa do ofendido, non de terceiras persoas. 

Os acusados polo asasinato de Samuel Luiz e os seus letrados, durante o xuízo na Audiencia da Coruñ © TSXG

A sentenza tamén confirma a agravante de discriminación por motivo de orientación sexual a Diego Montaña, e rexeita que poida aplicarse a atenuante de cometerse o feito baixo a influencia de bebidas alcohólicas. En canto aos dous coautores do asasinato xunto a Diego Montaña, a Sala considera que a súa participación ten base razoable e construíuse sobre un conxunto de probas que permiten alcanzar esa convicción. 

O Supremo desestima tamén os recursos da Fiscalía e a acusación particular respecto da absolución de quen a Audiencia da Coruña considerou cómplice. A Sala considera razoable e non arbitraria a conclusión absolutoria do TSXG, que explicou que nin no vídeo reproducido no xuízo nin nas testificais apréciase unha intervención de tipo colaborador nos feitos do devandito acusado, no sentido de facilitar a agresión e dificultar a fuxida.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.