O Tribunal Superior paraliza a explotación dunha mina de feldespato en Muras autorizada pola Xunta

Terreo onde se quere ampliar a mina de San Acisclo (Muras, Lugo) CC-BY-SA Sindicato Labrego Galego

O alto tribunal suspende "de forma inmediata e incondicionada" a execución da resolución da Xunta na que aprobou o proxecto de explotación e o plan de restauración da concesión de explotación de recursos da mina de San Acisclo, "moi próxima ao espazo protexido Serra do Xistral"

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) atende o recurso presentado pola asociación cultural e ambiental Petón do Lobo e acorda a suspensión cautelar do proxecto de explotación da mina de feldespato de San Acisclo, no concello lucense de Muras, que fora autorizada o pasado 19 de decembro polo director xeral de Planificación Estratéxica e Recursos Naturais da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xunta.

A compañía que ía explotar a mina vaticinaba a finais do ano pasado que con esta autorización do Goberno galego tiña a previsión de extraer "arredor de 200.000 toneladas anuais de feldespato", nun xacemento "cunhas reservas probadas de 12 millóns de toneladas valoradas en 660 millóns de euros". 

Zona na que a Xunta autorizou a execución da mina no concello de Muras CC-BY-SA Asociación Petón do Lobo

O feldespato é un mineral estratéxico para a fabricación de azulexos, baldosas cerámicas e para o sector do vidro, entre outras aplicacións, explican nunha nota de prensa con data do 30 de decembro de 2022 da empresa, que detalla que este feldespato, unha vez procesado e refinado, "podería alcanzar un prezo de mercado de 130 euros/tonelada"

Agora o TSXG suspende "de forma inmediata e incondicionada" a execución da resolución da Xunta na que aprobou o proxecto de explotación e o plan de restauración da concesión de explotación de recursos da sección C da mina situada no termo municipal de Muras pola petición do colectivo ambiental Petón do Lobo, que remitiu á xustiza "mapas sobre as zonas protexidas que se localizan a unha curta distancia da explotación da concesión mineira de feldespatos".

O alto tribunal salienta que o defensor autonómico "achegou ao seu escrito de oposición, no que admite que aínda que o lugar onde se localiza o proxecto de ampliación da mina que se autorizou non figura dentro de espazos protexidos, a área de actuación das obras si que está moi próxima ao espazo protexido Serra do Xistral, da reserva da biosfera Terras do Miño, así como dun humidal, ao que engade que existen especies ameazadas de flora e fauna".

A petición da asociación ambiental Petón do Lobo foi acollida polo TSXG, que lembra que "os principios de cautela, prevención e precaución son propios do Dereito da Unión Europea"

Porén, a sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo admite no auto que "non se pode pasar por alto que, tras admitir este informe a proximidade da explotación mineira con espazos ecosistémicos sensibles, terminou por concluír que non é previsible que o proxecto xere efectos significativos". 

Con todo, a resolución xudicial lembra que "os principios de cautela, prevención e precaución son propios do Dereito da Unión Europea, de modo que, ante a mera posibilidade de que se produza un dano irreparable ou de moi difícil ou incerta reparación –aínda adoptando medidas correctoras sobre as zonas protexidas–, debe prevalecer a suspensión da execución da actividade que pode producir ese risco, ao ser prevalecente o interese xeral en manter indemnes eses espazos públicos sobre o particular que ten a promotora da explotación mineira en executar de forma inmediata o proxecto autorizado, por moi lexítimo que sexa o seu dereito". Contra o auto cabe interpoñer recurso.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.