O Tribunal Superior rexeita que os capeláns dos hospitais sexan persoal laboral do Sergas

Capela do Hospital Universitario de Lugo © CYC Construcciones

O TSXG censura a “irregularidade formal” de que o Sergas pague directamente aos sacerdotes e non á Igrexa e lembra “a aconfesionalidade do Estado” 

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de emitir unha sentenza na que rexeita que os capeláns que prestan os seus servizos nos hospitais públicos galegos sexan considerados persoal laboral do Sergas. Así o reclamaban catro sacerdotes da área sanitaria de Ourense amparándose entre outros motivos en que é o Sergas quen vén pagando as súas nóminas, pero o tribunal di que iso non é máis que un incumprimento do acordo entre a Xunta e a Igrexa de 1995 que establece que unha debe pagar á outra e que é a segunda a que elabora as nóminas. Unha “irregularidade formal”, di o tribunal, que non ampara unha pretensión que iría contra “a aconfesionalidade do Estado”.

Segundo os orzamentos da Xunta para este 2021, nos hospitais públicos galegos hai 41 prazas de “capelán” a xornada completa e 11 a xornada parcial que supoñen un desembolso de cartos públicos duns 700.000 euros, cifras similares ás dos últimos anos.

Orzamentos da Xunta deste 2021 para os capeláns da área sanitaria de Ourense CC-BY-SA Xunta de Galicia

Os orzamentos do Sergas para este 2021 recollen uns 700.000 euros para 41 capeláns a xornada completa e 11 a xornada parcial

Na sentenza agora feita pública polo TSXG os maxistrados destacan que a “actividade pastoral” que realizan os sacerdotes é “allea totalmente ao Sergas”. A sentenza salienta que esa actividade “nin coincide coa propia do Sergas -a aconfesionalidade do Estado así o impide- nin o Sergas pode impartir ordes e directrices na súa execución, algo que só cumpre o bispo, que é, ademais, o que designa e cesa aos capeláns”. O tribunal recalca que, “sen dúbida”, as prestacións que derivan da asistencia relixiosa, ao ter natureza espiritual, son “alleas á competencia do Estado e, por iso, a súa fixación corresponde de forma exclusiva ás autoridades eclesiásticas, pois, noutro caso, se estaría a infrinxir o principio de laicidade do Estado”.

O alto tribunal galego avala coa súa sentenza outra previa dun xulgado do Social de Ourense e rexeita a reclamación de catro cregos desa área sanitaria que veñen cobrando 984,63 euros brutos ao mes en 14 pagas que querían que a súa relación co Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) fose considerada de natureza laboral. Os maxistrados subliñan que “en ningún caso” poden ser considerados persoal laboral do Sergas.

A sentenza di que a "actividade pastoral" é "allea totalmente ao Sergas" e non coincide coa súa actividade propia porque "a aconfesionalidade do Estado así o impide"

O tribunal explica na resolución que, na súa condición de sacerdotes da Igrexa Católica, foron designados polo bispo de Ourense para prestar atención pastoral e espiritual aos doentes ingresados no CHUO. Todo iso no ámbito do Acordo sobre Asistencia Relixiosa Católica en centros hospitalarios públicos, asinado polo Estado e a Santa Sede o 24 de xullo de 1985, así como polo Convenio Marco, do 2 de setembro de 1995, entre o Sergas e a representación dos bispos de Galicia. “Trátase dun convenio que, sen dúbida, se pode asimilar á figura da contrata de servizos”, explica o TSXG, á vez que resalta que o responsable do pago dos salarios é o Sergas e que, en base a ese convenio, debería ser a Diocese a que confeccionase e abonase as nóminas. Con todo, indica o TSXG, ata este ano era o Sergas o que abonaba directamente as nóminas aos capeláns algo que, segundo o tribunal, se trataba dunha “mera irregularidade formal” que foi corrixida.

Fragmento da sentenza do TSXG sobre os capeláns dos hospitais públicos CC-BY-SA Praza Pública

Os xuíces aseguran que o feito de que o Sergas pagase os salarios directamente aos sacerdotes, en lugar de pagarllos á Diocese para que esta llos ingresase aos capeláns, “non é máis que un suposto de incumprimento do acordo, pero, en ningún caso, supón a consideración dos capeláns como persoal laboral do Sergas, tendo en conta a inexistencia de fraude na contratación, contando a Administración cunha habilitación normativa expresa”, subliña a Sala do Social do TSXG na sentenza, contra a que cabe presentar recurso ante o Tribunal Supremo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.