O TSXG condena o Sergas por negar o ingreso en psiquiatría a un paciente que faleceu por esquizofrenia: "Abandonárono á súa sorte"

Entrada principal do HULA, en Lugo, en 2013 Dominio Público Ajuanta

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de confirmar a sentenza que condena o Sergas a indemnizar con 40.000 euros á nai dun paciente que sufría esquizofrenia paranoide e que faleceu o 11 de novembro de 2013, cando tiña 33 anos, en Lugo, logo de ser dado de alta no Hospital de Día de Psiquiatría e no Servizo de Psiquiatría do Hospital Universitario Lucus Augusti. Rexeita así o recurso presentado polo Sergas e a aseguradora e confirma a sentenza dun xulgado de Santiago do pasado verán. 

A sentenza asegura que a doutora que atendeu o home "sempre" poñía "en dúbida" as súas patoloxías e que consideraba "finxido" o seu empeoramento

A doutora que o atendeu no Hospital de Día de Psiquiatría de Lugo, segundo a sentenza da sección primeira da Sala do Contencioso-administrativo do TSXG, “sempre viña poñendo en dúbida as patoloxías” do doente. Agora, os xuíces aseguran na resolución que en novembro de 2013 presentaba “un estado de grande alteración”, como consecuencia de ser sometido a un xuízo penal o día 7 dese mes por agresión a un profesional médico, que concluíu cunha sentenza condenatoria de conformidade. 

“O empeoramento que se estaba producindo, e do que o paciente era consciente, foi posto por el, como anteriormente xa fixera en diversas ocasións, en coñecemento da doutora, quen entendeu que todo era finxido para obter un beneficio ante a xurisdición penal (algo ilóxico cando xa recaera sentenza firme)”, salienta o TSXG, nunha sentenza cuxo relato corresponde, dentro dun tribunal de tres xuíces, corresponde a Benigno López, ex-Valedor do Pobo. Nela, destácase que a facultativa “desatendeu a petición de axuda e o internamento que lle solicitaba e procedeu a darlle o alta”.

Persoal médico nun hospital galego CC-BY-SA Xunta

O TSXG di que a doutora "recomendou" a unha compañeira de Psiquiatría que non o internase e que esta fixo caso malia ser diagnosticado cun brote psicótico

“Non satisfeita con tan anómala actitude, contactou telefonicamente co Servizo de Urxencias de Psiquiatría do HULA advertindo a outra doutora da situación do paciente e recomendándolle que, se acudía por alí, non procedese ao seu internamento”, afirman os maxistrados, os cales resaltan que, neses días, a situación psíquica do doente empeorou de forma notable, “o que foi apreciado, tanto polo dono como polo encargado do hostal no que residía”. De feito, o persoal do establecemento alertou á policía o 10 de novembro porque escapou “nun estado psicolóxico de elevado risco”.

Daquela, os axentes localizárono de madrugada cando “vagaba polas rúas de Lugo”. Ese día foi atendido no Servizo de Urxencias do HULA por unha doutora, que lle diagnosticou brote psicótico, derivándoo ao Servizo de Psiquiatría de Urxencias dese centro hospitalario, onde foi atendido por outra facultativa, quen “facendo caso da advertencia e recomendación da súa colega do Hospital de Día de Psiquiatría, fixo caso omiso, tanto do previo diagnóstico da doutora, que derivara ao doente ao seu servizo, como do seu historial médico e dos claros síntomas do seu estado”. 

Limitouse, segundo a resolución, “a mantelo en observación ata a mañá do día 10 de novembro, na que procedeu a dalo de alta, a pesar de que instantes antes intentara agredir un médico e unha enfermeira de urxencias”.

O ditame acusa dúas doutoras de "incumprir as súas obrigas e desatender os protocolos": "Optaron por pechar os ollos, darlle o alta, abandonándoo á súa sorte"

Segundo relata a sentenza, ao día seguinte, o 11 de novembro de 2013, o paciente provocou un novo altercado fronte ao edificio da Xunta en Lugo, pois trataba de lanzarse aos vehículos que circulaban polo lugar, despois de agredir un viandante. A policía logrou reducilo e foi trasladado ao hospital polo 112, onde ingresou en parada cardiorrespiratoria, “como consecuencia da cal faleceu, reflectindo o informe de autopsia, como causa da morte, Síndrome de Delirio Excitado, derivado da esquizofrenia que padecía”, resaltan os xuíces, os cales consideran probado que ambas doutoras, “predispostas pola súa apreciación subxectiva e infundada de que todo era finxido ou esaxerado, incumpriron as súas obrigas e desatenderon o ditado dos protocolos, sen valorar tampouco o historial psiquiátrico do paciente, e optaron por pechar os ollos e darlle o alta, abandonándoo á súa sorte”.

Entrada principal do HULA, en Lugo, en 2013 Dominio Público Ajuanta

“predispostas pola súa apreciación subxectiva e infundada de que todo era finxido ou esaxerado, incumpriron as súas obrigas e desatenderon o ditado dos protocolos, sen valorar tampouco o historial psiquiátrico do paciente, e optaron por pechar os ollos e darlle o alta, abandonándoo á súa sorte

"Manter, como fai o Sergas, que non se probou a necesidade do internamento do doente constitúe unha afronta á intelixencia dun cidadán medio", di a sentenza

“Manter, como fai a administración, que non se probou a necesidade do internamento do doente no presente caso, constitúe unha afronta á intelixencia dun cidadán medio por profano que sexa na materia”, destaca a Sala, á vez que indica que “a relación de causa a efecto entre a situación psiquiátrica do doente, o seu mal diagnóstico, a ausencia de internamento nun centro adecuado a este tipo de pacientes e a súa morte devén indiscutida”.

Con todo, os maxistrados sinalan que “non cabe afirmar con total seguridade que outro fose o resultado de atender correcta e adecuadamente o paciente e de telo internado no centro a véspera do seu óbito”. 

"Supoñer actuacións finxidas ou esaxeradas"

Con todo, recalcan que “é precisamente esa incerteza acerca do que puidese acontecer de actuarse coa dilixencia esixible, de diagnosticarse certeiramente a súa patoloxía, en lugar de supoñer actuacións finxidas ou esaxeradas que a propia vida demostrou inexistentes, de acordarse o seu internamento con tratamento ad hoc e baixo control permanente, o que fai entrar en xogo a doutrina da perda de oportunidade, ante a imposibilidade por esta Sala de apreciar unha infracción da lex artis -pois a sentenza só foi recorrida polo Sergas e pola súa entidade aseguradora-, coa consecuencia a efectos de indemnización que, nese caso, sería procedente”. 

A sentenza dispón así a desestimación do recurso de apelación interposto polo Sergas e a entidade asegura e confirma a sentenza que fora ditada polo Xulgado do Contencioso administrativo número 3 de Santiago no verán de 2021. Contra o fallo do TSXG cabe presentar recurso.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.