O TSXG dá a razón ás caixeiras: o 'cóbado de tenista' xa é enfermidade profesional

Unha caixeira atende unha clienta nun supermercado © Eroski

A epicondilite, doenza coñecida comunmente como cóbado de tenista, é unha inflamación dos tendóns dos músculos extensores do pulso no punto onde estes se unen ao óso do relo. É unha doenza moi habitual entre as caixeiras de supermercado por faceren durante moitos anos movementos repetitivos e forzados ao atender e cobrar á clientela. 

O TSXG recoñece o cóbado de tenista como enfermidade profesional das caixeiras, rematando coa discriminación que sufría este colectivo

Malia esta circunstancia, as mutuas adoitan derivar as baixas provocadas por esta doenza ao Sergas, desbotando que sexan provocadas pola actividade laboral continua. Ata agora. A sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) emitiu unha sentenza favorable a unha traballadora na que recoñece a epicondilite como enfermidade profesional das caixeiras dos supermercados. 

Dependenta dun supermercado CC-BY-NC-SA CIG

Fíxoo logo de que presentase recurso a través da CIG contra Fraternidade Muprespa, Vego Supermercados (grupo ao que pertencen Eroski e Familia), o Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) e a Tesourería Xeral da Seguridade Social. A xustiza aceptou a súa reclamación logo das continuadas queixas de persoal á empresa por non ter implantado "ningún sistema de rotacións e descansos que reduza os riscos de desenvolver esta doenza e evite a frecuencia deste tipo de patoloxías", como explica Raquel López Reimúndez, delegada de prevención do sindicato na compañía. 

O tribunal aceptou a demanda dunha traballadora tras as queixas ao supermercado por non implantar ningún sistema de rotacións ou descansos para reducir os riscos desa doenza

Como explica López, a mutua "deriva por sistema estas baixas ao Sergas e rexeita a evidencia de que son provocadas pola repetición de movementos prolongada no tempo no posto de traballo". Faino, ademais, consolidando unha "discriminación por razón de sexo" plasmada no cadro regulamentario de enfermidades profesionais, que recoñece a condición de enfermidade profesional á epicondilite só en traballos claramente masculinizados como mecánicos, chapistas ou albaneis. A categoría de caixeira non se inclúe no Real Decreto que sinala o cóbado de tenista como enfermidade profesional. 

A delegada de prevención da CIG en Vego Supermercados considera a sentenza do TSXG é "de gran relevancia para o sector", ao estar composto case exclusivamente por mulleres “que acumulan doenzas derivadas do seu esforzo continuado e da ausencia de medidas preventivas, que ademais non son recoñecidas como derivadas do traballo polas mutuas”.

O ditame chegou tras un recurso a través da CIG, que pedirá a todas as compañías do sector "recoñecer por sistema a epicondilite como enfermidade profesional"

Agora, e co aval desta resolución xudicial, a CIG ten previsto solicitar a todas a compañías do sector que "recoñezan por sistema a epicondilite como enfermidade profesional" e intentará estender este recoñecemento tamén a outras doenzas propias do traballo que se fai en caixa, como a patoloxía tendinosa do manguito rotador e o túnel carpiano. A central sindical tamén anima as traballadoras que padecen este tipo de doenzas, pero son tratadas como continxencias comúns, a "reclamar os seus dereitos".

Sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, na Coruña © TSXG

"Discriminadas até na enfermidade"

A traballadora que presentou a demanda, Noelia Gerpe, destaca que a sentenza "recoñece" o que leva anos denunciando a CIG: "As traballadoras somos discriminadas até na enfermidade”. 

"Conseguimos demostrar na vía xudicial que as caixeiras tamén padecemos enfermidades profesionais”, di ante o que cualifica de abandono da administración. A caixera destaca, ademais, que o ditame do Superior implica que, a maiores da mellora económica nas prestacións, as empresas deberán agora "aplicar medidas preventivas eficaces para protexer a saúde das traballadoras”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.