Os casos activos de coronavirus ligados aos centros de ensino superan o milleiro en Galicia

Aula no IES Antón Alonso Ríos de Tomiño © IES Antón Alonso Ríos

Máis coronavirus nos centros de ensino en Galicia, que xa superan o milleiro de casos. En concreto, o total de casos activos de covid-19 sitúase nos 1.086 logo de sumarse nas últimas 24 horas 85 novos positivos.

O total de casos activos de covid-19 nos centros de ensino en Galicia sitúase nos 1.086, con 51 aulas pechadas

Segundo os datos feitos públicos este sábado pola Xunta, son 51 as aulas pechadas e en corentena no país --catro máis--, mentres que continúan totalmente pechados o Punto de Atención á Infancia (PAI) de Boborás, máis a escola infantil Golfiños da cidade de Lugo.

A área de Vigo está xa á cabeza en canto aos contaxios en centros educativos, tras presentar este sábado 272 positivos entre rapazada e persoal --32 máis que este venres-- e 12 clases fechadas, unha máis. Así, o CPR Plurilingüe Apóstolo Santiago de Vigo e o CPR Plurilingüe Lareira de Mos, con cadanseus 12 infectados, sitúanse á cabeza no número de casos non só da área, senón tamén de toda Galicia.

A área de Vigo está xa á cabeza en canto aos contaxios en centros educativos, tras presentar este sábado 272 positivos entre rapazada e persoal

Na área da Coruña, con 173 positivos (+16 con respecto ao venres) e 6 aulas pechadas (+2); e Santiago, con 153 casos (+8) e catro unidades clausuradas (as mesmas), son as seguintes con maior incidencia de Galicia. A primeira mantense en condicións semellantes, aínda que conta con centros que rexistran un número importante de casos como o IES Agra Leborís da Laracha, con oito positivos, ou a escola infantil Vagalume, de Arteixo, con dúas aulas pechadas debido a tres positivos rexistrados nas súas instalacións.

Ademais desta zona, a área de Compostela conta cun importante número de casos no CPR Plurilingüe Compañía de María, con 8; o CEIP Pío XII, con 7; e o CPR Plurilingüe La Salle, con outro sete. Tamén destacan a escola infantil Cativos de Conxo, con dous positivos e tres aulas pechadas, e a escola municipal A Magdalena de Ames, con cinco contaxiados e unha aula clausurada.

Ferrol é outra área na que soben os positivos relacionados con centros educativos, ata os 115 (+4), aínda que as clases clausuradas continúan sendo seis. Os focos máis graves son os do CIFP Ferrolterra e o IES Leixa, ambos na cidade, con sete infectados.

Na área de Lugo, que subiu a 122 contaxios (+19) e seis aulas en corentena (+1), está a escola infantil Golfiños da capital, totalmente pechada tras cinco positivos, e o IES Lucus Augusti suma xa 10 casos activos de COVID-19. Mentres tanto, en Pontevedra ascenderon a 126 os positivos activos (+13), que manteñen sete clases pechadas. O principal foco é o CPR Plurilingüe Sacro Corazón de Jesús, con nove contaxios.

Pola súa banda, Ourense é a única área que baixa no total de casos activos de coronavirus, ata os 125 --un menos--, aínda que as aulas en corentena mantéñense en oito. Aquí destacan o seis positivos do CPR María Inmaculada de Verín, outros tanto no PAI de Boborás --escola infantil pechada-- e os cinco do CPR Plurilingüe A Purísima, na cidade das Burgas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.