Os casos activos e os novos contaxios por COVID manteñen a súa curva descendente en Galicia

Cribado da COVID en Muxía o 12 de febreiro de 2021 © Concello de Muxía

Unha lixeira repunta na presión hospitalaria pola COVID neste luns e unha nova caída nos casos activos, con cinco días seguidos xa de descenso, e nos novos contaxios detectados. A baixada no impacto da pandemia segue asentando en Galicia. 

Os casos activos por COVID sitúanse nos 2.789, 43 menos que o día anterior e case 200 menos que hai unha semana 

Así, e segundo os datos publicados este luns polo Sergas, con rexistros ata as 18 horas do domingo, as infeccións activas de COVID sitúanse en 2.789, que son 43 menos que o día anterior e case 200 menos que hai unha semana, logo de cumprirse precisamente oito días desde a fin do estado de alarma. 

A lixeira repunta na hospitalización deixa o número total de persoas ingresadas por coronavirus en 176, tres máis que na xornada anterior

Ademais, detectáronse na última xornada 107 novos contaxios fronte aos 126 do día anterior, o que confirma un descenso estable e paseniño, cun número de PCR realizadas (6.359) semellante ao da xornada pasada. 

Pola contra, a presión hospitalaria por mor da COVID rexistra un leve ascenso, cun total de 176 persoas ingresadas polo virus, tres máis que o día anterior. Son 37 na UCI --dúas máis que na xornada previa-- e 139 en planta, unha máis. 

Por áreas sanitarias, o número de doentes hospitalizados descendeu nas áreas de Vigo, A Coruña e Ferrol mentres aumentou nas de Santiago, Pontevedra e Ourense, mentres se mantivo nas mesmas cifras en Lugo. 

Do mesmo xeito, o número de casos activos de coronavirus descende en todas as áreas sanitarias agás na de Ourense, onde aumentan nunha ducia, e na de Ferrol, que se mantén sen cambios. 

Por outra banda, Galicia acumula 2.403 persoas falecidas por COVID desde o inicio da pandemia, logo de que a Consellería de Sanidade notificase dúas novas mortes, un home de 80 anos ingresado no CHUVI e unha muller de 87 no CHUAC, ambos os dous con patoloxías previas. Ademais, no último día recibiron o alta 148 doentes en Galicia. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.