O Concello de Vigo anunciou este luns, por sorpresa, unha radical modificación do proxecto de construción do túnel baixo a Porta do Sol, cuxas obras comezaron hai unhas semanas. O túnel, que comeza na rúa Policarpo Sanz e que anteriormente chegaba ata o final da rúa Elduayen, saíndo no Paseo de Alfonso, alonga a súa extensión uns 150 metros, saíndo finalmente na rúa Torrecedeira, pasando polo Barrio do Cura.
O alcalde, Abel Caballero, afirmou que procederá a un modificado do actual contrato para introducir os cambios, aínda que non ofreceu detalles técnicos. A modificación incrementará o custo da actuación en seis millóns de euros (que se sumarían aos 17 millóns xa previstos) e a duración das obras en 15 meses, que se unen aos dous anos xa previstos. O túnel pasaría a medir 550 metros, fronte aos 400 previstos inicialmente.
O grupo municipal da Marea cualificou de “chapuza ilegal” propoñer unha modificación do contrato do túnel ampliando importe e obra
O anuncio do Goberno local foi recibido con críticas por parte da Marea de Vigo, do BNG e de Vigo Histórico, o colectivo que máis se ten mobilizado nos últimos meses contra o proxecto municipal. O grupo municipal da Marea cualificou de “chapuza ilegal” propoñer unha modificación do contrato do túnel ampliando importe e obra e anuncia que votará en contra na mesa de contratación do Concello. Rubén Pérez denuncia que a figura do modificado “só pode ser admitida en supostos excepcionais como contratos menores, negociados sen publicidade e modificacións contractuais, pero nunca nunha obra nova, que tería que ter licitación separado polo seu elevado importe”.
Ademais, a Marea considera “delirante” que unha prolongación dunha infraestrutura "que vai alterar o ámbito aprobado" sexa imputada a custe do Concello "e non mediante convenio urbanístico en todo caso co promotor privado do Barrio do Cura". "Agora asumiremos cos recursos públicos a infraestrutura, un feito que pode ser entendido como dunha deixación interesada da defensa do interese público en aras do privado por parte do Alcalde de ser certo o que plantexou en rolda de prensa”, denuncia.
O BNG criticou "a improvisación do Goberno municipal" e defende que existen "alternativas tecnicamente viábeis que evitarían unha actuación "innecesaria, custosa e agresiva"
Pola súa banda, o BNG criticou "a improvisación do Goberno municipal" e defende que existen "alternativas tecnicamente viábeis que evitarían unha actuación "innecesaria, custosa e agresiva". Xabier P. Igrexas afirmou que o anuncio do concello "supón recoñecer que o túnel deseñado era un absoluto disparate que tronzaba Elduayen e que inviabilizaba a peonalización do Paseo de Afonso".
O Bloque esixe do Concello "transparencia e participación", pedindo que o Goberno local explique "de maneira clara" cal vai ser o custo total do proxecto e como se vai financiar. Así mesmo, demanda que se paralice a execución das obras para "estudar outras alternativas", sinalando que "aínda se está a tempo de evitar unha actuación irreversíbel e que supón tamén importantes riscos en materia de protección do patrimonio histórico".
"Fantasías" e "danos ao Casco Vello"
"Mentres nos entreteñen con estas fantasías, estase a desenvolver a realidade da construción do túnel do Elduayen, un atentado ao patrimonio, ao medio ambiente e a ordenación urbanística da cidade"
Mentres, Vigo Histórico limitouse a cualificar o anuncio do Concello como "fantasía urbanística". A entidade lembrou que a idea ten que pasar aínda por unha serie de trámites, como a elaboración dun proxecto cun estudo de viabilidade técnica, un estudo de impacto sobre o patrimonio e un estudo de impacto medio ambiental, entre outros. E que aínda despois debería superar varias fases como a súa exposición pública, alegacións, aprobación por parte do pleno do concello, licitación e posterior adxudicación a unha empresa.
Polo tanto o colectivo subliña que "mentres nos entreteñen con estas fantasías, estase a desenvolver a realidade da construción do túnel do Elduayen, que estimamos que é un atentado ao patrimonio, ao medio ambiente e a ordenación urbanística da cidade".
Nos últimos días Vigo Histórico presentou un informe sobre o impacto no patrimonio cultural de Vigo da obra de soterramento do tráfico rodado na Porta do Sol. O documento salienta que "realizar un túnel que atravesa e secciona de lado a lado todo o Casco Vello é un asalto ao Patrimonio Cultural dos vigueses. Se realmente se busca unha peonalización da zona vella e unha redución das emisións de CO2, a solución é ben sinxela: peonalizar, sen máis". Ademais, subliña que "a etapa dos 'aeroportos pantasma' rematou; o dispendio vinculado ás ocorrencias dos iluminados xa non é aceptable, por moito que teña financiamento europeo. E aínda máis inxustificable se supón a afectación irreversible ao patrimonio cultural".
"Entendemos como prexudicial e alleo aos tempos (e ás regulacións) unha obra que incrementa a diferenciación e seccionamento, separando irreversiblemente ambos os ámbitos da cidade histórica. A práctica totalidade da rúa queda seccionada polas entradas do túnel, nunha acción que beneficia a un dos límites do BIC (a Porta do Sol) sacrificando o eixo central do mesmo (Elduayen). Esta rúa, pola contra, debería converterse en eixo vertebrador e de encontro antes que límite", afirma o informe.
A obra "destrúe desde o punto de vista físico pero tamén simbólico o tecido social e económico dun espazo tan sensible como é o conxunto histórico", alerta o informe
O texto detalla os posibles que prexuízos que a obra e a propia infraestrutura terían para o patrimonio arqueolóxico da zona (por onde pasa un treito da antiga muralla da cidade), para o patrimonio arquitectónico, e para o Camiño de Santiago, que atravesa esta mesma rúa.
O informe tamén alerta dos prexuízos "sociais" ao Casco Vello e aos seus habitantes, por unha obra que "destrúe desde o punto de vista físico pero tamén simbólico o tecido social e económico dun espazo tan sensible como é o conxunto histórico". "O futuro do proxecto é unha arquitectura danada e un barrio partido, pero sobre todo unha condena lenta pero inexorable ao decaemento da actividade comercial e económica, e ao abandono por parte dos seus habitantes", conclúe o texto.