Comezan as obras do túnel da Porta do Sol de Vigo con críticas ao Concello por ignorar a petición de revisar o proxecto

O túnel de Elduayen levará o tráfico dende o Paseo de Alfonso XII a Policarpo Sanz © Vigo Histórico

Este martes comezaron os cortes de tráfico en Vigo relacionados coas obras de construción dun túnel subterráneo que levará os vehículos entre o a rúa Policarpo Sanz e o Paseo de Alfonso XII, emerxendo na rúa Elduayen e permitindo a peonalización da Porta do Sol. O inicio dos traballos redobrou as críticas dos colectivos contrarios a esta iniciativa, que ten un orzamento de 17 millóns de euros e cuxas obras durarán, en principio, uns dous anos.

As obras durarán dous anos e teñen un orzamento de 17 millóns de euros

Asociación Viguesa pola Defensa do Patrimonio Histórico (Vigo Histórico), a entidade veciñal que dende hai meses vén reclamando unha reformulación do proxecto, que constituirá "unha fenda" que partirá en dúas partes do Casco Vello da cidade e que incrementará a contaminación nun dos espazos con maior importancia patrimonial da urbe, denuncian.

Máis aló das súas críticas á solución escollida, "que vai manter e mesmo incrementar o tráfico a través da zona histórica da cidade", Vigo Histórico denuncia a negativa do Concello a responder aos seus requirimentos legais para a revisión do proxecto. O pasado mes de outubro a entidade interpuxo un recurso ante o Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia, sinalando que o proxecto non se axusta ao PEPRI, non reflicte a realidade do subsolo e das cimentacións dos edificios da rua Elduayen, non cumpre cos requisitos de xustificación da obra e non garante "o respecto ao patrimonio e medio ambiente de todos os vigueses".

Acto de colocación da 'primeira pedra' das obras do túnel da Porta do Sol, a pasada semana © Concello de Vigo

Vigo Histórico denuncia que "no Concello hai silencio e opacidade e moita présa por comezar as obras" e pregúntase "que pasará se o Contencioso admite a trámite o recurso unha vez que as obras estean comezadas"

O Tribunal de Contratación instou ao Concello de Vigo e á Xunta a resolver o fondo do asunto, algo que ata agora non fixo ningunha das dúas administracións. Ante o silencio do Concello, Vigo Histórico presentou catro escritos de reiteración sen obter tampouco resposta, algo ao que está obrigado no prazo máximo de seis meses. Así, este mes de marzo, se non hai resposta oficial e motivada por parte do Concello, a asociación terá dereito de levar o asunto ante o Contencioso Administrativo. "As súas negativas son unha manobra de dilación para que cando o contencioso responda, sexa ao noso favor ou non, a obra estea acabada", destacaba hai unhas semanas Marga Mariño, unha das voceiras da entidade.

A entidade pregúntase "como se poden empezar as obras sen ter resolto este asunto legal". "Se está todo tan ben, se o proxecto é tan bo e cumpre a legalidade, por que non nos contestan ás solicitudes de revisión de oficio?" Se o Concello está tan seguro de que o proxecto cumpre todos os requisitos non ten mais que acudir ao Consello Consultivo de Galicia para obter un ditame que lle resolva favorablemente", sinalan. Vigo Histórico denuncia que "no Concello hai silencio e opacidade e moita présa por comezar as obras" e pregúntase "que pasará se o Contencioso admite a trámite o recurso unha vez que as obras estean comenzadas".

Caballero destaca que obra creará a "gran praza" da que Vigo carece e que co túnel o tráfico no centro da cidade "gañará fluidez"

Dende o Concello de Vigo destácanse en cambio os beneficios da construción do túnel na rúa Elduayen, sinalando que o proxecto "é perfecto, peonaliza a zona e conecta Torrecedeira" e que achega solucións a "unha parte de Vigo que estaba sen facer". No acto de colocación da "primeira pedra" das obras, a pasada semana, o alcalde Abel Caballero salientou que esta "é a obra civil simbolicamente máis importante que se fixo nunca" en Vigo, unha actuación que resolverá unha "lagoa histórica" da cidade ao dotala da "gran praza" cidadá da que carece actualmente. Caballero tamén subliñou que con ela o tráfico "gañará fluidez".

É precisamente a cuestión do tráfico rodado a que máis críticas está a espertar, nun momento en que a maior parte das cidades traballan para a limitación da circulación de vehículos contaminantes nos seus barrios céntricos. De feito, a Lei de Mobilidade Sostible obrigará nesta lexislatura ao establecemento de zonas de baixas emisións en todos os municipios de máis de 50.000 habitantes, unha ZBE que moi probablemente abranguerá a contorna na que se vai construír o túnel. Abel Caballero xa respondeu que a cidade non necesita poñer en marcha unha zona de baixas emisións como Madrid Central porque "todo Vigo é xa Vigo central", o que evidentemente non é certo. O outro gran elemento de crítica é a afección ao patrimonio nun ámbito (a Cidade Vella) que ten consideración de Ben de Interese Cultural e polo que discorre o Camiño de Santiago.

Ilustración que amosa a saída do túnel entre a rúa Elduayen e o Paseo de Alfonso © Vigo Histórico

No 2015 Caballero rexeitaba a posibilidade de construír este túnel: "non é posible nin o permitiría Patrimonio Histórico, non se pode facer un túnel de 14 metros. Non se lle ocorre nin ao que asou a manteiga"

Vigo Histórico reclama a peonalización da Porta do Sol, Elduayen e mais o Paseo de Alfonso XII sen o túnel, sinalando que "a construción desta infraestrutura é totalmente innecesaria para acadar esa peonalización" e que "con estas obras, a nosa cidade camiña na dirección xusto oposta á tomada polas outras cidades da nosa contorna e mais á marcada pola lexislación europea e española, que busca sacar o tráfico do centro das cidades e non facilitar o seu paso".

Tamén critican, neste senso, a incongruencia co feito de que a obra estea cofinanciada con fondos FEDER da Unión Europea para "favorecer unha transición a unha economía baixa en carbono", cando o túnel contribuirá a manter, cando menos, o actual tráfico.

Curiosamente, no ano 2015 o propio Abel Caballero rexeitaba publicamente a posibilidade de construír un túnel no lugar no que se vai levar a cabo agora. Con argumentos moi semellantes aos que agora utiliza Vigo Histórico, o rexedor cualificaba de "ciencia ficción" a idea e afirmaba que "non é posible, nin o permitiría Patrimonio Histórico, non se pode facer un túnel de 14 metros. Non se lle ocorre nin ao que asou a manteiga".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.