Abel Caballero rexeita crear unha zona de baixas emisións porque "todo Vigo é xa ‘Vigo Central’"

Infografía que amosa a saída do túnel entre a rúa Elduayen e o Paseo de Alfonso © Vigo Histórico

Este martes o segundo Consello de Ministros ordinario do Goberno de España da coalición do PSOE con Unidas Podemos aprobou a declaración de emerxencia climática e ambiental. O paquete de medidas inclúe unha lei de Mobilidade Sostible e Financiamento do Transporte Público e o establecemento de zonas de baixas emisións en todos os municipios de máis de 50.000 habitantes. É dicir, haberá áreas restrinxidas para os vehículos nas sete principais cidades galegas, nas que terán prohibido o acceso arredor do 40% do parque móbil (todos os diésel anteriores ao ano 2006 e os gasolina anteriores ao ano 2000).

“Todo Vigo é ‘Vigo Central’ . Na loita contra o cambio climático, esta cidade é pioneira e vangardista”, afirma Caballero

Estas zonas de baixas emisións funcionan xa nunha pequena parte da cidade de Madrid (Madrid Central) e na práctica totalidade da cidade de Barcelona (ZBE) e unha lei establecerá os criterios para fixar as súas dimensións e características. 

Este mércores, preguntado sobre as previsións para a creación desta Zona de Baixas Emisións na cidade de Vigo, o alcalde Abel Caballero afirmou que a cidade “non necesita un ‘Vigo Central’” porque “aquí cumprimos todo marabillosamente” e “todo Vigo é xa ‘Vigo Central’”. O rexedor defendeu que a cidade olívica xa posúe “un modelo que establece en todas partes” as "pautas" que guían as zonas de baixas emisións e a declaración de emerxencia climática, e puxo como exemplos os beneficios fiscais que se outorgan a motos, a instalación de rampas mecánicas alimentadas con enerxía verde ou a construción de carrís bici, ao igual que outras cidades. “Na loita contra o cambio climático, esta cidade é pioneira e vangardista”, concluíu Caballero.

'Enterro' da rúa Elduayen, realizado hai unhas semanas © Vigo Histórico

A zona de baixas emisións que Vigo deberá poñer en marcha pode chocar co actual proxecto de construción dun túnel subterráneo baixo a Porta do Sol

As zonas de baixas emisións, que serán obrigatorias, deberán delimitarse nos centros urbanos das cidades, polo que semella probable que a contorna da Porta do Sol e as rúas adxacentes (Urzaiz, García Barbón, Policarpo Sanz, Elduayen...). A medida pode chocar, polo tanto, co actual proxecto de construción dun túnel subterráneo baixo a Porta do Sol e que, segundo denuncian colectivos como Vigo Histórico ou Greenpeace, pode incrementar a circulación de vehículos nesta zona, en contra do obxectivo das normas impulsadas polo Goberno central, que buscan limitar o tráfico nos centros urbanos. 

Esta contradición foi xa sinalada nos últimos meses por Vigo Histórico, que sinalou que o proxecto impulsado polo Concello de Vigo, que permitirá a peonalización dun treito de 200 metros na Porta do Sol, pero ocupará a totalidade da rúa Elduayen, incrementando previsiblemente o tráfico tamén no Paseo de Alfonso XII, "fai a transición ecolóxica, pero no sentido contrario; o túnel vai manter e mesmo incrementar o tráfico a través da zona histórica da cidade. Reduce as emisións construír un túnel que fomenta o uso do vehículo propio? Nós cremos que non". Tamén Greenpeace criticou que Abel Caballero "ten unha idea desfasada do concepto de 'progreso', máis propia do desenvolvismo dos anos 60 que dedicou a maioría do espazo público ao tráfico"

"Cando a Lei de Transición Ecolóxica en 2023 obrigue a limitar a circulación dos vehículos que máis contaminen, en Vigo teremos un centro con infraestruturas como o túnel, que non poderan usar unha porcentaxe elevada de turismos"

"Cando a Lei de Transición Ecolóxica teña forma e en 2023 obrigue a limitar a circulación dos vehículos que máis contaminen, en Vigo teremos un centro con infraestruturas como o túnel, que non poderan usar unha porcentaxe elevada de turismos. Non sería mellor peonalizar sen coche, en vez de peonalizar cun túnel para coches?", afirmou Vigo Histórico esta semana.

Vigo Histórico continúa esixindo ao Concello de Vigo unha revisión do proxecto e que dialogue coa cidadanía oposta a esta actuación. Nos últimos meses a entidade interpuxo un recurso ante o Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia, chamando a atención sobre "importantísimos defectos na concepción e deseño do túnel". E solicitaron do Goberno municipal unha revisión de oficio do proxecto e tamén lle demandaron ao departamento de Patrimonio da Xunta que intervise ante as afeccións que as obras poden ter para un espazo que conta con protección BIC e polo que transita o Camiño de Santiago.

A rúa Elduayen podería quedar convertida nunha fenda que divida o casco vello © Vigo Histórico

"Se o proxecto é tan bo e cumpre a legalidade, por que non nos contestan ás solicitudes de revisión de oficio? Non contestan porque teñen medo, porque saben que hai algo que se lles pode escapar por algún lado"

"Pedimoslle ao Concello unha revisión de oficio en outubro e aínda non nos contestaron. Só responden as solicitudes de medidas cautelares porque de non facelo poderíase interpretar como silencio positivo, explica Marga Mariño (Vigo Histórico). "Se aos seis meses non contestan, temos a posibilidade de recorrer no contencioso. É unha manobra de dilación para que cando o contencioso responda, sexa ao noso favor ou non, a obra estea acabada", denuncia.

"Cremos que o alcalde ten medo", di Mariño. "Se está todo tan ben, se o proxecto é tan bo e cumpre a legalidade, por que non nos contestan ás solicitudes de revisión de oficio? Non contestan porque teñen medo, porque saben que hai algo que se lles pode escapar por algún lado", conclúe.

De momento, Vigo Histórico continúa coas súas mobilizacións. Hai tres semanas levou a cabo un "enterro simbólico" da rúa Elduayen, chamando a atención sobre o prexuízo que o túnel tería para esta vía e para o Paseo de Alfonso. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.