Unha ducia de consecuencias concretas da declaración de emerxencia climática

Vista da térmica das Pontes e mobilización contra o cambio climático CC-BY-SA M. Pereira e Greenpeace Galicia

O segundo Consello de Ministros ordinario do Goberno de España da coalición do PSOE con Unidas Podemos aprobou a declaración de emerxencia climática e ambiental. É un xesto que ten unha vertente simbólica, como as declaracións de emerxencia climática aprobadas en diversos concellos nos últimos meses, pero que tamén trae consigo diversas consecuencias prácticas. Algunhas, segundo a vicepresidenta para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, mesmo comezarán a ser postas en marcha nos vindeiros tres meses.

A declaración de emerxencia climática aprobada polo Consello de Ministros ten unha vertente simbólica, pero tamén consecuencias prácticas, algunhas delas xa para os vindeiros tres meses

Partindo da base de que "o único camiño posible" ante o quecemento global é "a transformación cara á neutralidade climática", di o texto do acordo, o Executivo central cifra na contorna dos 200.000 millóns de euros -o equivalente a case dúas décadas de orzamentos da Xunta- os investimentos precisos de aquí a 2030 para afrontar este proceso. A declaración estrutúrase en 30 medidas entre as que destacan unha ducia, varias delas con impacto directo en Galicia.

1 | Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética

Boa parte das medidas da emerxencia climática condensaranse nesta lei, que Transición Ecolóxica xa tiña ultimada na anterior lexislatura e que agora prevé enviar ao Congreso "nos primeiros cen días" de mandato. Entre os seus preceptos, avanzan, estará "a obriga de acadar a neutralidade climática a máis tardar en 2050" e para facelo, advirten, cumprirá que nese horizonte o sistema eléctrico sexa "100% renovable" e que o "parque de turismos e vehículos comerciais" non emita dióxido de carbono. O "sistema agrario", advirten, tamén terá que ser "neutro en CO₂ equivalente".

Vehículos nun atasco en Vigo, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Contando estrelas

2 | Tres décadas para a "descarbonización"

Leis como a de cambio climático servirán para "definir a senda da descarbonización a longo prazo" con 2050 como obxectivo. Os guieiros, avanzan, serán o Acordo de París do ano 2012, a normativa da Unión Europea que deriva del e o Plan de Enerxía e Clima do propio Ministerio, concibido para o período 2021-2030.

3-Asemblea Cidadá do Cambio Climático

Transición Ecolóxica avanza a súa intención de "reforzar os mecanismos de participación xa existentes" para concretar as medidas fronte á crise climática para "garantir de forma estruturada a participación cidadá" no proceso. Farao, di, coa creación "dunha Asemblea Cidadá do Cambio Climático".

4 | 'Transición xusta' en comarcas como a das Pontes

A devandita descarbonización terá especial impacto en comarcas que dependen de industrias altamente contaminantes, caso da térmica de Endesa nas Pontes, cuxo proceso de peche xa está en marcha. Transición Ecolóxica di prever "acompañar a transformación do modelo industrial" mediante os "convenios de Transición Xusta" para o persoal e de "medidas de acompañamento ás industrias". Algunhas destas medidas van na liña do reclamado polas persoas expertas que, dende hai tempo, procuran alternativas nas Pontes.

Vista da térmica de Endesa nas Pontes CC-BY-SA luscofusto

5 | Fondos do Pacto Verde Europeo

Os convenios de transición xusta e outras posibles axudas ás contornas máis afectadas polas medidas contra a crise climática, así como os estímulos para impulsar actividades económicas alternativas, están intimamente vinculados ao coñecido como Pacto Verde Europeo. Nos primeiros avances do pacto, a Comisión Europea prevé destinar ao Estado español apenas o 4% do seu Fondo de Transición Xusta, dotado no seu conxunto con máis de 100.000 millóns de euros). A nova ministra de Exteriores, Arancha González Laya, advertía esta semana en Bruxelas da súa intención de opoñerse a ese reparto por consideralo escaso.

6 | Veto (con excepcións) ás subvencións aos combustibles contaminantes

O acordo aprobado no Consello de Ministros indica que, "agás casos xustificados por razóns sociais ou tecnolóxicas", a intención do Goberno de PSOE e UP é "non outorgar novos beneficios fiscais a produtos enerxéticos de orixe fósil", caso do gasóleo ou a gasolina. Ademais, proponse "analiza e no seu caso, revisar os actualmente vixentes".

7 | Fin das prospeccións para buscar petróleo

Ligado á fin dos descontos fiscais aos combustibles fósiles, a declaración de emerxencia climática inclúe a previsión de "non autorizar novas solicitudes de autorizacións de exploración, permisos de investigación ou concesións de explotación de hidrocarburos". Tampouco para "as actividades de fracturación hidráulica de alto volume", o coñecido como fracking,  que en virtude dunha lei da etapa de Rajoy non pode ser impedido polas comunidades autónomas.

8 | Impostos 'verdes'

Segundo esta declaración, a "variable do cambio climático" será "introducida de maneira específica" á hora de deseñar impostos. E serao "tanto dende o punto de vista dos investimentos" como no que atinxe á "progresividade e impacto ambiental do sistema tributario". Será compatible coa "sostibilidade a longo prazo das finanzas públicas", afirma sen especificar o xeito de logralo.

9 | Zonas de baixas emisións nas sete principais cidades galegas

O paquete de medidas inclúe tamén unha lei de Mobilidade Sostible e Financiamento do Transporte Público e, ao seu carón, un plan xa bosquexado polo propio Ministerio para a Transición Ecolóxica na anterior lexislatura: o establecemento de zonas de baixas emisións en todos os municipios de máis de 50.000 habitantes. Esta fixación "urxente", que viña tendo como horizonte o ano 2023, implicará establecer áreas restrinxidas para os vehículos nas sete principais cidades galegas, nas que terán prohibido o acceso arredor do 40% do parque móbil.

Distintivo ambiental nun vehículo ©

10 | Máis superficie mariña protexida

A emerxencia climática atinxe á terra, pero tamén ao mar. O obxectivo fixado, tamén sen desenvolver polo momento, é "acadar o obxectivo do 30% de superficie mariña protexida no 2030" mediante a "planificación, declaración e xestión de áreas mariñas protexidas" da actividade humana. A finalidade, detallan, é "garantir a conservación da biodiversidade mariña".

11 | Novos límites ás construcións na costa

A declaración de emerxencia climática aprobada polo Goberno central inclúe "reconsiderar os réximes xurídicos da costa e do mar" para "integrar" neste "cambio global" a "planificación do dominio público marítimo-terrestre". Unha das materias máis inmediatas é concretar os límites da actual Lei de Costas, que o Goberno de Rajoy deixou na ambigüidade malia ás advertencias do Consello de Estado e que influirá moi directamente nas posibilidades de industrias como ENCE para continuar ou non instaladas na costa.

Factoría de ENCE á beira da ría de Pontevedra, nunha imaxe de arquivo © Ence

12 | Estratexia de protección da costa

A declaración sitúa o ano 2021 como prazo límite para presentar a Estratexia de Protección da Costa. Ese documento, avanzan, incluirá "plans de protección para cada treito da costa". As prioridades, sinalan, serán os "máis afectados polo proceso erosivo", onde se concentrarán os investimentos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.