"Preocúpanos a irreversibilidade desta fenda no Casco Vello de Vigo. Unha vez feita, non haberá volta atrás"

Acción en demanda da peonalización do Paseo de Alfonso XII © Vigo Histórico

O Concello de Vigo proxecta construír un túnel para conectar o tráfico rodado entre a rúa Policarpo Sanz e a rúa Elduayen. A obra, que terá un custo de cando menos 14 millóns de euros, permitirá a peonalización dun treito de 200 metros na Porta do Sol, pero ocupará a totalidade da rúa Elduayen, incrementando previsiblemente o tráfico tamén no Paseo de Alfonso XII. Os grupos críticos coa obra levan meses criticando que a infraestrutura constituirá "unha fenda" que partirá en dúas partes do Casco Vello da cidade e que incrementará a contaminación nun dos espazos con maior importancia patrimonial da urbe.

"O túnel vai manter e mesmo incrementar o tráfico a través da zona histórica da cidade", denuncia Vigo Histórico

A Asociación Vigo Histórico impulsa unha mobilización para deter a obra e para promover a peonalización completa da Porta do Sol, Elduayen e Paseo de Alfonso. Nos últimos meses convocou varias accións informativas na rúa para sensibilizar á poboación sobre os efectos que a obra tería para o centro da cidade e, ademais, interpuxo un recurso ante o Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia, chamando a atención sobre "importantísimos defectos na concepción e deseño do túnel". 

Vigo Histórico denuncia que a actuación "fai a transición ecolóxica, pero no sentido contrario". "O túnel vai manter e mesmo incrementar o tráfico a través da zona histórica da cidade. Reduce as emisións construír un túnel que fomenta o uso do vehículo propio? Nós cremos que non", destacan. A entidade reclámalle "diálogo" ao Goberno municipal e un "necesario debate na cidadanía" para buscar "consensos amplos" entre todos os actores implicados, comezando polos propios veciños e veciñas da zona.

Infografía que amosa a saída do túnel entre a rúa Elduayen e o Paseo de Alfonso © Vigo Histórico

"Coa peonalización da Porta do Sol temos a oportunidade histórica de facilitar a comunicación entre o Casco Vello alto e o Casco Vello baixo. E o que se vai facer é o contrario"

"O que máis nos preocupa é a irreversibilidade desta obra. Unha vez que se faga esta fenda no casco vello, se se chega a facer, vai haber pouca opción de volver atrás", explica Rafael Ferradáns, voceiro da asociación. "En Vigo tivemos o caso do Scalextric, e aínda que era moi rechamante, abondou con derrubalo. En cambio, nunha obra coma esta estamos falando de que as ramplas na rúa Elduayen van ter 70 metros de longo e ata 7 metros de profundidade", di.

Ferradás lembra que "a rúa Elduayen, cando se fixo a finais do século XIX xa supuxo a derruba de moitísimas casas e levou á división do Casco Vello de Vigo en dúas seccións" e sinala que "coa peonalización da Porta do Sol, de Elduayen e do Paseo de Alfonso temos a oportunidade histórica de reverter iso, facilitando a comunicación entre o Casco Vello alto e o Casco Vello baixo". "E o que se vai facer é o contrario", engade.

En efecto, a obra implica a total ocupación da rúa Elduayen, con dúas ramplas sucesivas, de 70 metros de lonxitude cada unha, que abren unha fenda, simbólica e real, nun espazo polo que ademais transita o Camiño de Santiago.  "A execución deste túnel conleva a creación de senllas ramplas de acceso, unhas ramplas que xeran un ‘efecto barreira’ ao non poder cruzarse transversalmente e que, asemade, supoñen un foco de contaminación visual e acústica, debido á reverberación do ruído dos coches no interior do túnel", denuncia tamén Greenpeace.

"A construción do túnel é completamente innecesaria e a demostración témola estes días, porque polo Nadal esta zona está durante un mes cortada ao tráfico ou con tráfico reducido. E non pasa nada, a cidade non colapsa"

As obras, ademais, poden afectar ás cimentacións dos edificios da rúa Elduayen, protexidos por unha declaración BIC e de interese cultural, e mesmo a parte dos seus sotos e outras construcións. "Cando lle fixemos notar isto aos representantes do Concello, a súa resposta foi 'cando cheguemos alá, xa veremos'. Como que xa veremos? Se vai haber unha afectación, iso ten que terse en conta para contactar cos edificios afectados, para pagar expropiacións", di Ferradáns. "Dános a impresión de que o Concello está afrontando esta obra como se fose menor, como se se tratase simplemente de cambiar as lousas dunha rúa, pero isto é moito máis importante, ten un custo de 14 millóns, que probablemente será maior, e ten moitas máis implicacións", engade.

"A construción do túnel é completamente innecesaria e a demostración estase a dar estes días, porque polo Nadal esta zona está durante un mes cortada ao tráfico ou con tráfico reducido. E non pasa nada, a cidade non colapsa", di Rafael Ferradáns. "No noso escrito de denuncia xa advertimos de que o Goberno local está a incorrer nunha ilegalidade, porque entre outras cousas no seu proxecto non xustifica con datos a necesidade do túnel. Queremos que expliquen canto tráfico pasa por aí, e por que non hai maneira de levalo por outro sitio e por que iso xustifica unha obra desta dimensión e deste custo", explica.

A rúa Elduayen podería quedar convertida nunha fenda que divida o casco vello © Vigo Histórico

"Falta moita información entre os veciños de Vigo, e a esta falta de información están contribuíndo varios medios de comunicación"

Nas últimas semanas Vigo Histórico levou a cabo varias accións para sensibilizar á poboación e dar a coñecer a realidade deste proxecto e dos seus efectos. Así, levouse a cabo unha cadea humana entre a estatua do Sireno (na Porta do Sol) e a oliveira que é o símbolo da cidade olívica (no Paseo de Alfonso), puntos de comezo e de remate, ademais, do túnel. O obxectivo era visibilizar a importancia deste espazo, núcleo da cidade, e da necesidade de darlle valor como zona de paseo a pé e non de tránsito de vehículos. Tamén se fixo unha instalación con zapatos e botas pintadas de verde para significar a contradición entre o proxecto e o obxectivo de protexer o medio ambiente e a saúde. E, igualmente, realizouse unha convocatoria para asistir ao solpor dende o Paseo de Alfonso, un dos mellores miradoiros da cidade e que se vería moi afectado pola actuación prevista polo Concello.

"A resposta da cidadanía é boa", comenta Ferradáns. "Hai algún que che responde: “se o Goberno local di que esta é a mellor solución, esta é a mellor solución”. Pero cando a xente se informa minimamente entende as razóns para a mobilización", di, denunciando que "falta moita información entre os veciños de Vigo, e a esta falta de información están contribuíndo varios medios de comunicación".

Co túnel na Porta do Sol, o Paseo de Alfonso XII podería ter que soportar un tráfico moi superior ao actual © Vigo Histórico

Vigo Histórico chama especialmente a atención sobre o carácter "anacrónico" do proxecto, nun momento no que a maior parte das cidades están apostando por peonalizar os seus centros históricos e apostar pola mobilidade sostible fronte ao uso do vehículo privados. Lembran que o anteproxecto da Lei do Cambio Climático e Transición Enerxética, aprobado polo Goberno central en febreiro e pendente da súa tramitación parlamentaria, prevé que a partir do ano 2023 todas as localidade de máis de 50.000 habitantes estarán obrigadas a contar cunha zona de baixas emisións, un espazo no centro urbano no que estará prohibido o acceso e circulación dos vehículos máis contaminantes.

"Facer peonil a Porta do Sol é un punto de inflexión en Vigo. Segundo como se faga, supón seguir orientando a cidade ao tráfico de coches ou modernizala para orientala ás persoas e tamén ao transporte non contaminante"

"Este proxecto vai en contra de todo iso, e hai que lembrar que o alcalde de Vigo pertence ao PSOE e é tamén o presidente da FEMP", di Ferradáns. "Non entendo como no mesmo pleno do Concello se pode aprobar por unanimidade unha declaración de emerxencia climática para a cidade e tamén licitar esta obra, que vai incrementar o tráfico e as emisións contaminantes no centro da cidade", remata. "Facer peonil a Porta do Sol é un punto de inflexión en Vigo. Segundo como se faga, supón seguir orientando a cidade ao tráfico de coches ou modernizala para orientala ás persoas e tamén ao transporte non contaminante. Pedimos unha peonalización mellor", conclúe Vigo Histórico.

Vigo Histórico defende unha maior peonalización do Casco histórico, fronte aos plans do Concello © Vigo Histórico

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.