Os ingresos coa COVID nas UCI galegas superan á primeira vaga tras dispararse dende o inicio do ano

Cribado da COVID-19 no centro de saúde de Padrón CC-BY-SA Foto: Sergas | Montaxe: Praza Pública

Todas as previsións ían na mesma dirección e os datos deste 27 de xaneiro constátano. O pasado martes, 26 de xaneiro, ás seis da tarde, nas unidades de coidados intensivos dos hospitais galegos había 178 persoas ingresadas con test positivo do coronavirus. Son dúas máis que no pico de hospitalización en UCI da primeira vaga da pandemia en Galicia, rexistrado o 3 de abril do ano pasado.

As 178 persoas co coronavirus nas UCI galegas son dúas máis que no pico de abril nestas unidades, que se supera dous días despois de deixar atrás o total de hospitalización da primeira vaga

Dous días despois de superar o nivel máximo de hospitalización daquela primeira vaga, cando faltaban poucas horas para o inicio do novo paquete de restricións do Goberno galego, o total de ingresos ligados á COVID-19 chegou ás 1.271. Son 70 máis que un día antes e 443 máis que o mesmo día da semana anterior, polo que a presión hospitalaria segue á alza e de momento, apenas se aprecia un lixeiro decrecemento do seu incremento.

As cifras de hospitalización son unha magnitude comparable entre esta vaga da pandemia e as dúas anteriores e tamén o son as de mortalidade. Este 27 de xaneiro entran no rexistro oficial da Consellería de Sanidade outros dez falecementos de persoas que se contaxiaran do coronavirus. Tres delas, corresponden ás últimas vinte e catro horas. O total de decesos oficialmente ligados á pandemia en Galicia elévanse así aos 1.659 cunha media dunhas quince mortes diarias na última semana, a máis elevada dende o abril do ano pasado [a serie completa dos datos, nesta ligazón]

Duas semanas por riba dos mil casos diarios detectados

Coa vaga expansiva dos contaxios das semanas do Nadal, Aninovo e Reis aínda golpeando con dureza nos hospitais, nos centros de saúde (os casos activos superan por primeira vez os 21.000) e nas cifras de mortalidade, o Servizo Galego de Saúde segue a realizar cribados que, unidos ao gran número de persoas que son sometidas a probas por padecer síntomas, continúan a manter o volume de novos casos detectados en niveis moi altos. Son xa dúas semanas por riba dos mil casos novos por xornada (das seis da tarde dun día ás seis do seguinte): nas últimas vinte e catro horas, 1.586, dos que 1.297 son diagnósticos mediante proba PCR. 

A evolución en termos de días naturais segue sendo moi semellante. Todos os días dos últimos catorce agás un (o día 17 de xaneiro, con 975) foron rexistrados máis de mil novos casos. No último día completo dispoñible, o luns 25, foron 1.372. Neste contexto, a media de diagnósticos a través de PCR da última semana sitúase en 1.303, outro máximo dende o comezo da pandemia, aínda que o ritmo de incremento deste indicador amosa certos sinais de acougo.

A incidencia en máximos e o que pode estar por vir

A incidencia a 14 días para o conxunto de Galicia supera os 700 casos por primeira vez e os municipios sen positivos nas últimas dúas semanas son xa só 15

Con estas cifras de casos novos das últimas dúas semanas, a incidencia acumulada (casos novos por cada cen mil habitantes) neste período continúa incrementándose. Para o conxunto de Galicia supera por primeira vez os 700 casos tras semanas de extensión que deixan en só 15 os municipios sen ningún positivo rexistrado nos últimos catorce días. A mediados de decembro chegaran a ser máis de cen.[A expansión da COVID por Galicia rebaixou dende decembro de 100 a 16 os concellos libres de contaxios]

Como amosa o mapa baixo estas liñas, comarcas enteiras están moi por riba deses 700 casos que marca o dato global de Galicia. Diversos concellos ourensáns superan os mil e mesmo os dous mil casos por cada cen mil habitantes neste indicador (cómpre ter en conta, non obstante, que a incidencia acumulada tende a dispararse en concellos de moi poucos habitantes). Tamén sucede en municipios da Mariña occidental e do Ortegal ou en puntos do Baixo Miño, entre outros.

Por cidades, as dúas con maior incidencia acumulada a 14 días , Ourense e A Coruña, continúan coa liña ascendente nunha xornada na que, non obstante, hai dúas novidades salientables. Santiago e Vigo diminúen a súa incidencia acumulada por primeira vez dende antes do Nadal. Cómpre agardar, non obstante, para comprobar se este é ou non o primeiro sinal de acougo dunha tendencia descendente nos vindeiros días.

Que é o que pode suceder en próximas xornadas e semanas é, precisamente, unha das grandes preguntas que xorden na sociedade galega ao estrear o novo e estrito paquete de restricións. A comparación dos datos de incidencia acumulada a 7 e 14 días cos de semanas anteriores, a coñecida como "razón de taxas", suxire unha lixeira deceleración do que, non obstante, aínda é un aumento.

A evolución das incidencias acumuladas a 7 e 14 días suxire un freo no seu ritmo de incremento dende mediados de mes

A división dos actuais indicadores cos dos mesmos días das semanas anteriores segue arroxando un resultado superior a 1, o cal quere dicir que a incidencia segue aumentando. Non obstante, non é menos certo que ese ritmo de incremento comezou a trazar unha liña descendente arredor do 14 de xaneiro, no caso da incidencia a sete días, e uns días despois para a incidencia a 14 días. Con oscilacións e variacións como as que amosa a propia gráfica, o certo é que o ritmo acouga ou semella acougar. Tan certo como que ata que este indicador baixe de 1, a incidencia seguirá á alza.

Positividade media estancada entre o 10 e o 11

Todos estes datos rexístranse nun contexto no que Sanidade segue a procesar un elevado número de probas PCR, unha das razóns fundamentais polas cales a actual vaga non é comparable coa primeira (con moitas menos probas), pero si coa do pasado outono. A media diaria de probas PCR procesadas na última semana rolda os 11.500 test, máximos de toda a pandemia [a serie completa de datos, nesta ligazón]

Mentres continúan os cribados en diversos puntos do país (utilizando PCR e tamén test de antíxenos, informa o Sergas), a taxa media de positividade (porcentaxe das probas que dan positivo) a sete días segue estancada entre o 10% e o 11%. Esta taxa non aumenta de xeito significativo dende hai dúas semanas, pero este tamén é o período que leva estancada nos devanditos niveis, que supoñen máis que suplicar o 5% que a Organización Mundial da Saúde ten como referencia para dar por controlada a pandemia nun determinado territorio.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.