Os novos positivos do coronavirus en Galicia volven superar os 250 e o Sergas suma cinco mortes

Unha traballadora sanitaria sométese a un test do coronavirus, nunha imaxe de arquivo divulgada polo servizo de comunicación do hospital de Ourense CC-BY-SA Sergas

A lixeira tendencia á baixa no número de casos diarios da COVID-19 detectados en Galicia semella comezar a chegar á súa fin ou, cando menos, a atenuarse aínda máis. Os datos da Consellería de Sanidade para este 24 de setembro, correspondentes ao día anterior, permiten calcular que os novos positivos computados son 270, o que supón o cuarto día consecutivo á alza e a segunda xornada na que a media semanal de casos diarios tende tamén a subir, volvendo roldar os 240.

O efecto do gran número de altas provoca que os "positivos activos", indicador de referencia para a Xunta, sexan só un máis e queden en 4.461

O balance divulgado pola Xunta este 24 de setembro permite a Sanidade minorar o seu indicador de referencia, o dos "positivos activos", que aumentan en só un caso (ata os 4.461) por efecto do gran número de "curacións" incorporadas (264 para un total de 17.572). Tamén pola suma dos ata cinco falecementos que entran no rexistro oficial, dous deles comunicados xa polo Sergas durante a xornada do mércores. O total é agora de 726.

Todas as persoas falecidas tiñan idade avanzada. Unha delas, un home de 94 anos, vivira na residencia DomusVi de Outeiro de Rei e morreu no hospital Lucus Augusti, onde tamén faleceu outro home de 87 anos con test positivo do coronavirus. Tamén en Lugo, pero no seu domicilio, morreu unha muller de 88 anos. Os outros dous decesos dos que dá conta o Sergas foron un home de 93 anos no hospital de Verín e unha muller de 79, no hospital da Coruña.

As residencias de persoas maiores e con discapacidade continúan a rexistrar novos casos e os 468 que suman (332 persoas usuarias e 136 membros dos seus cadros de persoal) supoñen algo máis do 10% do total de "positivos activos" dos que informa a Xunta. Tras os fortes brotes coñecidos na xornada do mércores -o principal, na residencia da Fundación San Rosendo en Lobeira, con 61 positivos-, Sanidade dá conta dun novo incremento noutro centro da provincia de Ourense, a residencia Las Salinas, que con 7 casos máis -6 de residentes- chega aos 18 -14 de persoas usuarias.

As altas palían a presión hospitalaria

O gran número de altas -e, en menor medida, os falecementos- contribúe este 24 de setembro a paliar outro dos indicadores que concentra maior atención durante a pandemia, o da presión hospitalaria. Sempre segundo o Sergas, os pacientes ingresados con test positivo do coronavirus son agora 234, quince menos que un día antes. O descenso prodúcese integramente en unidades ordinarias de hospitalización, toda vez que nas UCI hai 2 persoas máis con positivo na COVID-19, 34 en total.

Na última semana ingresaron case 170 persoas en Galicia con test positivo da COVID-19, segundo o Ministerio de Sanidade

Como sucede dende o inicio da pandemia, o Goberno galego segue sen informar sobre o número de novas hospitalizacións, toda vez que só dá conta da foto fixa dos centros hospitalarios cada xornada. Segundo o Ministerio de Sanidade, o pasado mércores 23 Galicia rexistraba 166 hospitalizacións de persoas co coronavirus nos sete días previos, 38 deles nas vinte e catro horas previas, nas que se produciran ata 31 altas. A hospitalización, cando menos polo momento, segue lonxe das semanas de abril nas que era detectado un número de casos novos semellante ao actual.

Segundo día con máis PCR dende o comezo da pandemia

O número de casos detectados está intimamente realizado co número de probas feitas e, no que atinxe aos test PCR, os datos deste 24 de setembro apuntan a que o día 23 foi o segundo con máis probas dende o comezo da pandemia, tamén o segundo con máis de 5.700 nun día. Foron, concretamente, 5.716 e o total chega ás 446.098, indica a Xunta. Isto implica que os 270 novos casos equivalen ao 4,7% das probas feitas, tres puntos por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) sitúa como limiar máximo para dar por controlada a pandemia nun territorio determinado.

Cómpre ter en conta, non obstante, que o Sergas non emprega só probas PCR e que a Consellería de Sanidade non informa das cifras dos demais test que fai -por exemplo, probas de anticorpos-. A ausencia dunha serie de datos completa e aberta impide tamén coñecer con exactitude se os novos casos e as novas probas son todas do mesmo día.

A maior incidencia de casos activos segue en Pontevedra-O Salnés

A área sanitaria con maior incidencia é a pontevedresa, pero a peor evolución rexístrase na de Ourense

Por áreas sanitarias -único nivel territorial do que informa a Xunta e só en termos de "positivos activos", o maior número absoluto de casos activos continúa na Coruña (con 1.113, 3 máis) e o efecto das altas provoca fortes descensos nas áreas de Lugo (-39, queda con 659) e Santiago (-25, queda en 608). Pero no que atinxe á incidencia -casos activos por cada 100.000 habitantes-, a máis afectada segue a ser a área de Pontevedra-O Salnés, con 24 "activos" máis e case 260 casos por cada 100.000 habitantes. [O Colexio de Xornalistas insta a Xunta a publicar datos abertos e completos do coronavirus]

A curva máis pronunciada neste indicador é, non obstante, a da área sanitaria de Ourense. Os brotes en residencias de maiores e outros surtos en contornas familiares provocan que trace unha liña á alza practicamente recta nos últimos días, superando en incidencia tanto a Lugo como á Coruña.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.