Os traballadores sociais tamén rexeitan o borrador do Sergas por ser só "un intento de desmobilización"

Acción do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia © COTSG

Os colexios médicos, a enfermaría, os facultativos interinos, o colectivo dos PAC... E agora tamén os traballadores sociais. O borrador impulsado pola Consellería de Sanidade para o novo modelo de Atención Primaria continúa a acumular críticas e rexeitamento entre os profesionais a un día de que remate o prazo para presentar alegacións e cunha posible folga como horizonte máis posible a mediados de marzo. 

O Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia considera o borrador un “intento de desmobilización profesional” e un texto “superficial, inconcreto e lesivo para as persoas usuarias”

Desta vez, o rexeitamento chega do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia (COTSG), cuxa xunta de goberno vén de avaliar o borrador, que considera un “intento de desmobilización profesional” e un texto “superficial, inconcreto e lesivo para as persoas usuarias”. Segundo a entidade, o Sergas convocou os grupos de traballo con colectivos profesionais para logo “pechar o plan sen tempo suficiente para desenvolver unha redacción proveitosa e profesional”. 

“Non afonda nun reforzamento real da Atención Primaria senón que é máis ben unha cuestión de maquillaxe”, di o COTSG nun comunicado, no que fai referencia concreta ao que ten que ver co Traballo Social para sinalar que o enfoque do Sergas “vai en prexuízo, de novo, da cidadanía usuaria do servizo”. “O modelo invisibilízanos como profesionais e, aínda que pode parecer que ten unha filosofía comunitaria, este non vai ser efectivo nin eficiente porque todos os profesionais da saúde, incluídas as e os traballadores sociais, deben estar representados por ser precisos”, explican.

Así, recordan que “en todos os servizos de Atención Primaria sanitaria debe estar representada a figura da ou do traballador social dentro do equipo”. “Así o di a Lei”, indica o COTSG, que aclaran que o motivo é que “nunha sociedade tan avellentada como a galega, potenciar o ámbito sociosanitario é o único camiño cara ao benestar social, e os profesionais de enlace entre a comunidade, o servizo de saúde e os servizos sociais son as e os traballadores sociais”. 

“Nunha sociedade tan avellentada como a galega, potenciar o ámbito sociosanitario é o único camiño cara ao benestar social"

Por todo isto, o Colexio destaca a “importancia” de traballar en equipos multidisciplinares e responder así á “complexidade sociosanitaria actual e ás situacións de vulnerabilidade”. Para o COTSG, os afectados de non apostar por esta vía “van ser só os pacientes senón tamén as súas familias porque a función da ou do traballador social sanitario tamén é apoialos, orientalos, informalos e acompañalos”.

A xunta de goberno do Colexio advirte de que o modelo do Sergas “recolle a creación de diversas prazas pero non de Traballo Social” e reclama a “creación de estruturas adecuadas” para que o seu sector “estea representado na estrutura da Consellería, cunhas xefaturas de servizo que lle dean forma á axenda do traballo social sanitario”. “Para isto teñen que estar ubicadas nunha área asistencial, traballando coas direccións médicas e de enfermería, ao mesmo nivel”, piden, ademais de reclamar ao Ministerio de Sanidade a “aprobación” da carteira de servizos. 

O colectivo de traballadores sociais, que presentará unha batería de emendas ao texto, considera o borrador “tan laxo” que “a súa interpretación vai depender de quen o lea”. Ademais, remarcan que a figura do Traballo Social na Atención Primaria é “tan imprescindible para a comunidade que as cuestións arredor do seu papel e as súas áreas de competencia deben quedar totalmente claras”. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.