Outra operación eleva a 3.000 os quilos de cocaína intervidos nuns poucos días en Galicia

Droga incautada o pasado sábado na Pobra do Caramiñal © Policía Nacional

Tras a incautación de 1,6 toneladas a comezos deste mes a raíz da investigación a un narcosubmarino atopado en Muxía, o sábado foron 1,4 toneladas as interceptadas na Pobra do Caramiñal 

Axentes da Policía Nacional incautaron na madrugada do pasado sábado 1.410 quilos de cocaína nunha operación desenvolvida na Pobra do Caramiñal. Detiveron tres homes, entre os que destacan "o líder do clan dos 'Fanchos'" ao que os investigadores sitúan como "o encargado de coordinar a recepción e custodia da droga". Esta operación chega poucos días despois de que a comezos deste mes outra actuación policial rematase coa detención de 26 persoas, entre elas un garda civil, e a incautación de 1.600 quilos de coca na Costa da Morte a raíz dunha investigación pola aparición en xaneiro do pasado ano dun semisumerxible nunha praia de Muxía. 

Droga incautada e un dos detidos na operación desenvolvida esta fin de semana na Pobra do Caramiñal © Policía Nacional

A operación agora desenvolvida na Pobra contou coa colaboración da Drug Enforcement Administration (DEA) dos Estados Unidos e iniciouse o pasado 20 de agosto, "despois de que os axentes tivesen coñecemento de que dúas embarcacións introducirían unha importante partida de cocaína a través dunha praia da Pobra do Caramiñal". "Segundo as primeiras informacións obtidas, o clan dos Fanchos encargaríase dos labores relacionados coa descarga e posterior custodia do estupefaciente", sinala a policía, que engade que as pescudas centráronse especialmente no líder do clan, ao ser identificado como unha das persoas que coordinaría o alixo. 

A operación agora realizada contou coa colaboración da Drug Enforcement Administration (DEA) dos Estados Unidos e supuxo a detención de tres persoas

O día 21 de agosto, os investigadores detectaron "un primeiro movemento que chamou especialmente a súa atención". Ás 6.55 horas observaron como "un vehículo chegaba ao domicilio do principal investigado" e pouco despois, unha persoa saía da vivenda portando unha mochila, introducíase no vehículo e marchaban adoptando "numerosas medidas de seguridade dirixidas a evitar ser seguidos ou detectados".

Droga incautada o pasado sábado na Pobra do Caramiñal © Policía Nacional

Durante a madrugada do 22 de agosto, o líder do clan, acompañado doutros dous homes, realizou varios desprazamentos desde o seu domicilio ata un alpendre situado fronte á súa propiedade, moi próximo á praia do Conchido. "Os axentes observaron como os tres individuos comezaban a trasladar vultos de gran peso desde o alpendre ata outra vivenda situada no mesmo municipio", sinala a policía, polo que "ante a evidencia de que se estaba producindo o traslado e ocultación do estupefaciente, procedeuse á detención dos tres implicados e ao aseguramento da droga".

Os axentes levaron a cabo rexistros no domicilio do principal investigado, o alpendre e a terceira vivenda á que foran trasladados os vultos. Como resultado foron intervidos 1.410 quilos de cocaína, 100 gramos de heroína e cartos en efectivo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.