Outros 1.300 novos casos manteñen a presión hospitalaria da COVID en Galicia

Atención sanitaria en instalacións de urxencias dun hospital galego CC-BY-SA Xunta

Galicia ten 316 persoas ingresadas por coronavirus nos seus hospitais, 4 delas nas UCI

Galicia conta con 15 persoas hospitalizadas máis con COVID. O influxo da fin de semana, con menos altas, non agocha o incremento constante que nos últimos días sofre a ocupación das UCI por coronavirus. Son, en total, 316 os doentes ingresados, 272 en planta e 44 en coidados intensivos, neste último caso, catro máis que na última xornada. 

Os hospitais galegos non tiñan tantos hospitalizados en UCI por COVID desde o pasado 10 de maio e, en total, hai 89 persoas máis ingresadas por coronavirus que hai unha semana. 

Así empeza Galicia a nova fase de restricións, que volven limitar encontros de non conviventes e que obrigan, por exemplo, desde este sábado a certificar test negativo ou vacina completa para entrar en bares en 60 concellos.

O ritmo de contaxios detectados diarios mantense en máis do milleiro, con 1.300 na última xornada

Todo mentres o ritmo de novos casos detectados non baixo do milleiro diario. Desta vez son 1.300, 129 máis que no día anterior, o que supón unha media a sete días de máis de 1.120 contaxios rexistrados. 

No entanto, as diferenzas por áreas son evidentes. Os casos activos, con 95 infeccións máis e un total de 18.964 en Galicia, mantéñense en aumento nas de Vigo, A Coruña e Lugo, con lixeiras repuntas nas de Santiago e Ferrol pero cun claro descenso nas de Ourense e Pontevedra. 

Así, na área orensá os casos activos de COVID descenden en 112 tras varios días consecutivos caendo, mentres que na de Pontevedra e O Salnés baixan en 68. Na de Santiago o descenso é de 31 e na de Ferrol, 6, mentres que o aumento é importante na de Lugo (+48), pero sobre todo na da Coruña-Cee, con 119 infeccións máis, e na de Vigo, cun incremento de 145. 

Ademais, en Galicia foron confirmados 1.157 postivos por Probas Diagnósticas de Infección Activa (PDIA) no último día --que poden corresponder a casos activos doutras xornadas con novas probas--, que son 27 máis que na xornada anterior. 

Por outra banda, son xa 2.461 as persoas falecidas diagnosticadas con COVID en Galicia desde o inicio da pandemia logo de que este sábado o Sergas notificase un novo falecemento, o dunha muller de 92 anos ingresada no Hospital do Salnés. 

Máis do 71% da poboación diana conta xa coa pauta completa da vacina contra a COVID

En canto á vacinación, máis de 1,9 millóns de persoas en Galicia das máis de 2,4 a inmunizar contan xa polo menos cunha dose da vacina contra a COVID, o 78,57%. Ademais, 1.751.101 xa teñen a pauta completa, o que supón o 71,34% da poboación diana. 

Segundo os datos actualizados este domingo pola Consellería de Sanidade ata o sábado, xa se administraron en Galicia un total de  3.523.442 doses das 3.562.215 recibidas ata agora, que representan 13.018 postas máis, un 98,91% das almacenadas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.