Persoal de Povisa atendeu pacientes no hospital público Meixoeiro mentres o privado tivo en obras a máquina de radioterapia

Acelerador lineal nunha Unidade de Oncoloxía Radioterápica de Galaria © Galaria-Sergas

Desde principios do pasado mes de agosto e ata este mesmo venres, persoal do hospital privado Povisa de Vigo prestou servizo na unidade de oncoloxía radioterápica do hospital público Meixoeiro para atender pacientes que non podían ser tratados no centro xestionado polo grupo Ribera Salud por mor dos traballos de substitución da súa máquina de radioterapia. 

Persoal do hospital Povisa presta servizo na unidade de oncoloxía radioterápica do Meixoeiro pola substitución dunha máquina no centro privado

Froito dun acordo avalado polo Sergas e asinado entre Galaria -empresa pública autonómica de servizos sanitarios- e Povisa o pasado mes de xullo, o hospital privado derivou pacientes ao Meixoeiro, que puxo ao dispor do centro as súas máquinas (aceleradores lineais) para que os seus pacientes puidesen ser tratados durante as obras. Para poder atender todos os doentes, implantouse unha nova quenda de noite e dous técnicos do centro de Ribera Salud tiñan previsto traballar ata este 15 de outubro, data na que se contaba con rematar a instalación da nova máquina. 

Esta decisión -"a de derivar traballadores, non a derivación lóxica e normal de pacientes que o precisan"- provocou o malestar de persoal da categoría de técnicos superiores sanitarios en radioterapia e dosimetría da área sanitaria de Vigo, que acusan o Sergas de "saltar as listas de contratación temporal metendo profesionais dun centro privado a traballar nun centro público". 

Obras na fachada do hospital Ribera Povisa, en Vigo en maio de 2021 © Ribera Povisa

"Hai varias compañeiras que levan meses paradas, que están nas listas e non foron chamadas", denuncian fontes dos traballadores. Ante o acordo asinado entre Galaria e Povisa, o persoal temporal laboral do Sergas na categoría de técnico de radioterapia presentou un escrito á empresa pública demandando explicacións. 

Técnicos de radioterapia denuncian que o Sergas "salta as listas de contratación metendo profesionais dun centro privado a traballar nun centro público"

Máis adiante, e coa entrada de profesionais de Povisa a traballar no Meixoeiro, persoal afectado entregou senllos escritos á área de Recursos Humanos da área sanitaria, á Xerencia e á Comisión Periférica de Seguimento do Pacto de Contratacións, sen que houbese contestación en ningún caso. Neles, lembran que están dispoñibles para traballar malia que Galaria xustificou a entrada de persoal de Povisa no Meixoeiro na ausencia de traballadores nas listas para poder chamalos.  

"Xa que ata o momento Galaria xustificou a mobilidade dos empregados de Povisa para desempeñar as funcións en Galaria alegando que non había persoal dispoñible para a contratación de técnicos superiores en radioterapia e para poder cubrir a quenda de noite e tratar os pacientes derivados desde Povisa, a partir deste momento hai persoal dispoñible para cubrir estes contratos. Polo tanto, procedo a reclamar os contratos que se están cubrindo con persoaal dunha empresa externa á lista de contratación do Sergas", reclamaron co mesmo documento varios profesionais que foron, segundo explican, animados pola xunta de persoal da área sanitaria a presentar a petición. 

O Sergas asegura que "non é certo" que houbese persoal dispoñible nas listas de contratación, malia que profesionais certificaron nun escrito a súa dispoñibilidade

Algunhas das persoas afectadas aclaran que a resposta da coordinadora de servizo ás súas demandas sempre foi aludir ao convenio asinado entre Galaria e Povisa o pasado 29 de xullo. "No caso dos pacientes non nos metemos porque é normal que se trasladen dun servizo privado a outro público por necesidades, pero os traballadores rexémonos por unhas listas de contratación do sistema público do Sergas e un pacto de contratación; non pode haber ningún convenio que non sexa o xa existente nin inventarse outro pasando por riba do acordado no Sergas". 

Preguntada a Consellería de Sanidade sobre estas denuncias, asegura que "a afirmación dos profesionais da lista de contratación de que levan tempo sen ser chamados non é certa". Así, aclara que durante o período vacacional foi habitual a falta de persoal dispoñible comunicada polo servizo de chamamentos da área de Vigo, debido á elevada porcentaxe de persoal desta categoría en situación de incapacidade temporal (máis do 50%), ao que se suma a necesidade de persoal para cubrir vacacións". 

Acelerador lineal nunha Unidade de Oncoloxía Radioterápica de Galaria © Galaria-Sergas

Finalizado o período de vacacións, engade a Consellería, "mantívose a situación de non dispoñibles debido ás oposicións para esta categoría celebradas hai uns días". Ademais, desde o departamento da Xunta aclaran que desde o Sergas deron "resposta con xustificación documental" a varias reclamacións presentadas pola xunta de persoal e Atessga (Asociación de técnicos superiores sanitarios de Galicia). Fontes desta última entidade negan ter recibido resposta ningunha. 

Desde o persoal afectado esgrímense os escritos presentados, nos que se advirte da súa dispoñibilidade para levar a cabo o labor que exerceron técnicos de Ribera Povisa, e negan os argumentos de Sanidade. Ademais, lembran que, no caso de seren certos, o Sergas podería ter tirado de persoal das "áreas sanitarias limítrofes", tal e como especifica o pacto de contratación e como lembra tamén CIG-Saúde, que xa a principios de agosto pedira detalles sobre o pacto entre Galaria e Povisa. Na resposta daquela, nada se dixo da falta de dispoñibilidade de persoal ao sindicato, que insiste en que, de crer o argumento da Consellería, "non faría máis que revelar un grave problema de planificación". 

"Hai máis de quince persoas nas listas de contratación intentando traballar", di persoal afectado, que retruca os argumentos do Sergas

"Non é como din, pero se o fose, estarían recoñecendo que non teñen xente para traballar nunha área na que hai centros de formación profesional específica para a radioterapia, o que suporía que o persoal elixe a privada ou outras opcións por ter mellores condicións laborais", din desde CIG-Saúde. 

Varios dos traballadores afectados retrucan o Sergas. Insisten en que sempre houbo xente nas listas e que é "totalmente falso que máis do 50% do persoal estivese de baixa". Respecto das demandas de días libres para preparar oposicións, ás que tamén alude Sanidade, fontes dos técnicos de radioterapia aclaran que "só foron tres" e que había "xente dabondo nas listas para cubrilas". 

Hospital do Meixoeiro, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA HombreDHojalata

O mesmo persoal afectado, en conversa con Praza.gal, vai máis aló na denuncia e asegura que Galaria está, a tal hora, a "denegar días libres e vacacións para intentar xustificar a falta de persoal que non sucede, así como a súa neglixencia". "Hai máis de quince persoas nas listas de contratación intentando traballar", insisten, tras advertir de que calquera profesional pode comprobalo nas listaxes oficiais. 

Por outra banda, o Sergas aclara que o convenio entre Galaria e Povisa xorde do "plan de modernización do equipamento de alta tecnoloxía asociado á prestación sanitaria de oncoloxía radioterápica", polo que ambas entidades "planificaron conxuntamente a renovación de forma consecutiva de dous aceleradores lineais para substituílos por equipos máis avanzados e coa última tecnoloxía en tratamentos de radioterapia externa, coa finalidade de garantir a asistencia sanitaria da pacientes da área de Vigo". O pacto, di, ten como finalidade "garantir e dar cobertura sanitaria nesta especialidade ás persoas beneficiarias da asistencia sanitaria dispensada con medios públicos, evitando que a área puidese ter dous aceleradores lineais en substitución á vez, polas importantes implicacións asistenciais onde hai unha alta demanda asistencial oncolóxica".

Sanidade aclara que a derivación de persoal de Povisa a Galaria "deu solución a un problema conxuntural" e foi froito dun acordo entre ambas entidades

A derivación de persoal do hospital privado de Ribera Salud ten como obxectivo, insiste Sanidade, "a realización da maior actividade que xera a derivación dos pacientes de Povisa que non poden ser tratados durante a substitución do acelerador". Ademais, aclara que coa derivación de pacientes "deuse solución a un problema de carácter meramente conxuntural" para "non incrementar a lista de espera e garantir unha máis rápida atención dos pacientes oncolóxicos que precisan radioterapia".

Fontes do persoal técnico explican, no entanto, que o persoal de Povisa non só atendeu pacientes derivados do hospital privado, "como así marcaba o convenio", senón tamén do propio Meixoeiro. "É lóxico que así fose porque é o máis operativo; facer o contrario sería un caos, pero Galaria tamén asinou un pacto que sabía que non podía cumprir", rematan.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.