Persoas usuarias de residencias e familias propoñen un "novo modelo" para estes centros trala pandemia

Concentración en Cangas en protesta contra DomusVi © Vellez Digna

Quince organizacións de familiares e  persoas usuarias de residencias de maiores e dependentes constituíron este mércores unha plataforma de ámbito estatal co obxectivo de unir forzas na reivindicación da mellora das condicións do persoal e das persoas residentes. Unha demanda da mellora do funcionamento destes centros que gaña intensidade despois da situación vivida durante a pandemia de COVID, que provocou a morte de milleiros de persoas nestas instalacións entre críticas polo mal funcionamento de moitas das residencias.

Catro das quince entidade que forman a plataforma son galegas

A 'Plataforma Estatal de Organizacións de Familiares e Usuarias de Residencias' nace conformada por entidades de dez comunidades autónomas, entre elas as galegas REDE (Federación Galega de Asociacións de Familiares e Usuarias de Residencias e da Dependencia), ASFAREBA (Asociación de Familiares e Usuarias da Residencia DomusVi Barreiro), PÚBLICAS (Asociación de Familiares e Usuarias do CRAPD e das Residencias Públicas de Galicia) e DOMUSVIRUS (Asociación de Familiares de Vítimas da Xestión da Covid nas Residencias).

Residencia de DomusVi en Cangas, intervida pola Xunta polos contaxios do coronavirus © DomusVi

"As neglixencias e as malas prácticas que se observaron nas residencias desde os primeiros días da hecatombe require dun desagravio por parte da sociedade e un recoñecemento por parte das institucións de que algo non se fixo ben", din

A Plataforma traballará reivindicando a "verdade e xustiza", demandando "unha análise rigorosa" das "circunstancias e feitos" que levaron á morte de decenas de milleiros de mortes nas residencias. Tamén avoga por un "novo modelo" de residencias, sinalando que "trala hecatombe nada debe nin pode ser igual" pois "o sistema fixo augas e a sociedade civil ten que afrontar que novo modelo residencial e de coidados a persoas maiores e dependentes queremos para a nosa vellez"; engaden que "usuarias, familias e traballadoras teñen que ser protagonistas ineludibles do deseño do 'novo modelo' en todos aqueles foros que se establezan".

En Galicia, a Xunta continúa negándose a ofrecer información sobre o número de defuncións que se produciron en cada residencia, a pesar de que estes datos lle foron requiridos polas forzas da oposición no Parlamento e tamén por varias solicitudes a través dos mecanismos previstos na Lei de Transparencia.

A entidade preséntase cun 'Manifesto pola Dignidade" que afirma que "as neglixencias e as malas prácticas que se observaron nas residencias desde os primeiros días da hecatombe con 40.000 falecementos require dun desagravio por parte da sociedade e un recoñecemento por parte das institucións de que algo non se fixo ben". Ademais, conclúe que "se despois disto non aprendemos algo, nin canalizamos os servizos sociais, a asistencia, a protección e as prestacións baixo outro marco, nun novo modelo no que prevaleza ante todo o humanismo, a dignidade, os dereitos, a xustiza, a profesionalidade, a calidade, e a proximidade, este país e a democracia están seriamente enfermos".

Decálogo de medidas

Piden un reforzo do persoal e que a atención médica se leve a cabo a través da sanidade pública

Así mesmo, fixeron público un Decálogo de medidas para transformar o actual modelo de residencias e avanzar cara outro xeito de funcionamento. Entre as medidas, incídense no reforzo do persoal, esixindo o "persoal suficiente para a atención necesaria dos residentes", pois isto "marca a fronteira entre vivir os anos nunha residencia con calidade e dignidade, ou convertelos nun inferno". Reclaman igualmente que "a atención médica e o control da saúde dos residentes deben facerse desde a sanidade pública, sendo os referentes os Centros de Atención Primaria". Demandan tamén "a urxente posta en marcha dun estudo profundo sobre as secuelas da pandemia na poboación maior residencial e a súa incidencia real na deterioración física e psíquica que constatamos".

Reclaman igualmente unha mellora nos servizos de inspección, denunciando que as empresas xestoras actúan con "impunidade", pois "as neglixencias ou vulneracións de normativas non teñen consecuencias"

Reclaman igualmente unha mellora nos servizos de inspección, denunciando que as empresas xestoras actúan con "impunidade", pois "as neglixencias ou vulneracións de normativas non teñen consecuencias". Demandan que as faltas moi graves comporten "a sanción de retirada da xestión" e dean lugar "á exclusión da empresa e responsables directos para futuros concursos de xestión en calquera ámbito da Administración". Piden tamén melloras na alimentación das persoas residentes e que as residencias non superen os 60 usuarios e usuarias, que deben ter "habitacións individuais para procurar o respecto á intimidade e a mellora das súas condicións de vida, ofrecéndolles aos maiores un espazo vital propio".

Instalación da residencia DomusVi en Outeiro de Rei © DomusVi

En canto á participación, din que "as persoas maiores e dependentes e as organizacións dos seus familiares teñen dereito a expresar a súa opinión en todos aqueles foros institucionais onde se vaia a discutir o seu presente e o seu futuro". E esixen "o establecemento de órganos de representación en todas as residencias, con independencia da súa titularidade, pública ou privada, con participación de familiares e residentes".

"O coidado das persoas maiores e dependentes debe entenderse como un servizo público, non como un negocio para enriquecer a empresas do Ibex-35, grupos multinacionais e fondos de investimento", sinala o Decálogo

Finalmente, piden "servizos públicos de xestión pública, porque é a única maneira de evitar a especulación cos dereitos das persoas máis vulnerables", engadindo que "o coidado das persoas maiores e dependentes debe entenderse como un servizo público, non como un negocio para enriquecer a empresas do Ibex-35, grupos multinacionais e fondos de investimento". Rematan sinalando que "a asignación de prazas públicas fóra da contorna social da persoa maior, o distanciamento coas familias e o desterro forzado é unha práctica inaceptable e un caso de tortura lacerante que se enfronta de plano á Declaración Universal dos Dereitos Humanos".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.