Cal é a poboación real dun concello? O número de persoas que nel están empadroadas ou as que efectivamente pasan o tempo nese lugar e fan uso dos seus servizos? O número de persoas que dormen alí? Ou as que pasan o día pero que regresan pola noite a outro lugar? O Instituto Galego de Estatística publica todos os anos a información actualizada sobre a carga de poboación estacional dos concellos galegos, tamén denominada poboación flotante, que achega valiosos datos sobre o tempo que as persoas pasan nun e noutro lugar por razóns de traballo, estudos, saúde, uso de segundas residencias ou turismo e que determina a poboación efectiva que cada localidade soporta.
Os concellos que soportan máis poboación estacional ao longo do ano son Santiago (cun saldo de +44.215), A Coruña (+30.912) e Vigo (+18.863), cunha grande importancia nos tres casos da poboación flotante por motivos de traballo
Os datos, ademais, estrutúranse por trimestres, pois estas cargas poboacionais varían en moitos casos de forma importante ao longo do ano, especialmente no verán -cun maior peso do turismo e as segundas residencias e menor dos restantes conceptos-.
Segundo as cifras que achega o IGE para o ano 2021, os concellos que soportan máis poboación estacional ao longo do ano son Santiago (cun saldo de +44.215), A Coruña (+30.912) e Vigo (+18.863), cunha grande importancia nos tres casos da poboación flotante por motivos de traballo, á que no caso de Compostela se suma a que chega polo turismo e polos estudos, como veremos máis adiante.
O cuarto concello cun maior saldo positivo de poboación flotante non é unha cidade, senón que se trata de Sanxenxo (+14.118), que se sitúa por diante de Lugo, Ferrol, Pontevedra e Ourense. Polo medio cóase, ademais, O Porriño, núcleo industrial ao que se dirixen todas as mañás moitísimos traballadores e traballadoras na área de Vigo e o Baixo Miño.
En termos relativos á súa poboación empadroada, as localidades que soportan unha poboación flotante máis destacada son Carballeda de Valdeorras (+137%) e Mondariz-Balneario (+122%), cuxa poboación real duplica á oficial
Por que destacamos no titular a Santiago e a Sanxenxo como os concellos cunha maior carga de poboación flotante? Santiago é a que presenta un saldo máis positivo de entrada temporal de poboación tres dos catro trimestres do ano (o primeiro, o segundo e o cuarto). A excepción é o terceiro trimestre (o verán), no que é Sanxenxo o que recibe máis poboación externa.
Iso, se falamos en termos absolutos, porque en termos relativos á súa poboación empadroada, as localidades que soportan unha poboación flotante máis destacada son Carballeda de Valdeorras (+137%) e Mondariz-Balneario (+122%), cuxa poboación real duplica á oficial, no primeiro caso por motivos laborais e no segundo polo turismo. A continuación aparece xa Sanxenxo (+81%) e Barreiros (+80%), ambas as dúas polo turismo e as segundas residencias. En San Cibrao das Viñas, Rábade, A Teixeira, Parada de Sil e Bergondo a poboación flotante supera o 50% da poboación total.
Ames, Oleiros, Cambre, Teo, Barbadás, Gondomar, Narón, Moaña, Brión, Redondela, Ponteareas ou Poio son os concellos cunha poboación real máis afastada por debaixo da súa poboación oficial
E, á inversa, cales son os concellos cunha poboación real (medida no tempo efectivo que nelas pasa a xente) máis reducida que a oficial de persoas empadroadas? Pois trátase na súa totalidade de concellos situados ao redor das cidades, nos que milleiros de persoas residen (alí están empadroadas e dormen os máis dos días), pero nos que normalmente non traballan, xa que se desprazan aos centros urbanos para facelo, o mesmo que para estudar, ir ao hospital ou facer compras. Falamos de Ames, Oleiros, Cambre, Teo, Barbadás, Gondomar, Narón, Moaña, Brión, Redondela, Ponteareas ou Poio, cuxa poboación realmente ocupante do seu territorio chegan a reducirse nun 20%.
Indo ao detalle dos datos, vemos que o mapa do saldo de desprazamento de poboación por motivos de traballo incide nesta mesma cuestión, cun pequeno número de concellos receptores de traballadores e traballadoras residentes noutras localidades, destacando entre eles as sete cidades e núcleos industriais ou con polígonos coma O Porriño, San Cibrao das Viñas, Bergondo, Arteixo, Mos, Carballeda de Valdeorras, O Pereiro de Aguiar, Cervo, As Pontes ou Padrón.
En canto ás segundas residencias, os concellos nos que os desprazamentos habituais a estes fogares teñen unha maior incidencia positiva son Lugo, Sanxenxo, Barreiros, Foz, Cangas, Vilagarcía ou Boiro, na súa maior parte localidades turísticas do litoral
En canto ás segundas residencias, os concellos nos que os desprazamentos habituais a estes fogares teñen unha maior incidencia positiva son Lugo, Sanxenxo, Barreiros, Foz, Cangas, Vilagarcía ou Boiro, na súa maior parte localidades turísticas do litoral. Pola contra, Vigo e A Coruña son as localidades que máis poboación oficial perden por esta vía, desprazada a outros concellos, ás veces de orixe (a casa da aldea) ou ben de vacacións.
Cómpre salientar que a gran maioría dos concellos reciben poboación por esta vía, ben procedente das meirandes cidades galegas, ben do resto do Estado, a través de persoas que contan con algunha casa en Galicia.
Nos desprazamentos motivados por estudos ou por saúde non hai sorpresas: os concellos que gañan poboación temporal por este motivo son aqueles que, no caso dos estudos, contan con campus universitarios, ou ben capitais comarcais que acollen institutos de ensino secundario. A lista está encabezada por Santiago e seguen A Coruña, Vigo e as outras catro cidades, todas con campus; a continuación aparecen Betanzos, Pontedeume, Noia Cee ou Coristanco.
No ámbito da saúde, reciben poboación flotante as cidades e vilas con hospitais, comezando pola Coruña, Santiago e Vigo, e seguindo polas outras catro urbes, Burela, Monforte, Cee e O Barco.
A maior parte do litoral é zona de atracción de visitantes, especialmente a Ría de Arousa, A Mariña, O Baixo Miño e a Costa da Morte, pero tamén o é a Ribeira Sacra e os concellos polos que pasa o Camiño Francés, especialmente a propia cidade de Compostela
Finalmente, no que atinxe ao turismo, o mapa divídese en dúas cores, representando os distintos tons de amarelo as zonas con recepción neta de visitantes (as que reciben máis viaxeiros e viaxeiras que viaxes realizan os seus propios residentes. A maior parte do litoral é zona de atracción de visitantes, especialmente a Ría de Arousa, A Mariña, O Baixo Miño e a Costa da Morte, pero tamén o é a Ribeira Sacra e os concellos polos que pasa o Camiño Francés, especialmente a propia cidade de Compostela.
Cómpre ter en conta, iso si, que esta información se presenta en forma de saldo, de xeito que o resto das cidades galegas poden recibir moitos e moitas visitantes, pero os seus habitantes tamén realizan moitos desprazamentos por razóns de ocio.
A cidade de Santiago é o cuarto concello en número de empadroados, por detrás de Ourense. Porén, a súa carga de poboación real, debido a estudantes e traballadores procedentes doutros lugares, supera á da cidade das Burgas
Dende o IGE, que tamén presenta os datos de forma diferenciada por trimestres, destácase que "resulta interesante que, mentres no primeiro, segundo e cuarto trimestres a maioría de concellos teñen un saldo poboacional negativo (233, 214 e 223 concellos con saldo negativo nos correspondentes trimestres), no terceiro trimestre esta situación invértese, pasando a ter un saldo poboacional positivo (270 concellos con saldo positivo)". Unha mostra do moi distinto comportamento que unha parte da poboación ten durante o verán.
O IGE tamén salienta que a consecuencia do peso da poboación flotante, hai concellos que soportan moita máis poboación real que a que teoricamente lles correspondería en base ao seu número oficial de habitantes. Pon o exemplo da cidade de Santiago, cuarto concello en número de empadroados, por detrás de Ourense. Porén, a súa carga de poboación real, debido a estudantes e traballadores procedentes doutros lugares, supera á da cidade das Burgas.
O estudo do IGE debulla finalmente os datos diurnos e nocturnos, que permiten ver o peso que ten a poboación que simplemente pernoita nun determinado lugar, pero que fai unha parte moi importante da súa vida noutro concello
O estudo do IGE debulla finalmente os datos diurnos e nocturnos, que permiten ver o peso que ten a poboación que simplemente pernoita nun determinado lugar, pero que fai unha parte moi importante da súa vida noutro concello. Neste senso, o IGE destaca "o diferente comportamento entre noite e día que amosa o concello de Vigo, xa que nos dous primeiros trimestres presenta un saldo poboacional nocturno baixo e mesmo negativo no cuarto trimestre (poboación de entrada menor que a poboación de saída), e notablemente elevado polo día.
En realidade, nos catro trimestres de 2021 as sete grandes cidades están entre os concellos cun maior saldo poboacional diúrno. Pola contra, os catro concellos que máis poboación perden polo día no ano 2021 son Ames, Oleiros, Cambre e Teo. As razóns fundamentais polas que estes concellos perden poboación polo día son os desprazamentos por motivos de traballo.