Preguntas e respostas sobre os 16 voos en avión privado detectados entre A Coruña e Santiago en 2022

Avión privado no aeroporto de Lavacolla, en Santiago CC-BY-SA Luis Miguel Bugallo Sánchez

A finais do pasado ano, a polémica ergueuse logo de que o Real Madrid viaxase -e volvese- en avión privado ata Valladolid para xogar un partido da Liga de fútbol malia que as dúas cidades están conectadas por un tren de alta velocidade que percorre o traxecto nunha hora. O uso de jets privados para distancias tan curtas xa creara balbordo meses antes cando o adestrador do PSG francés e a súa estrela, Kylian Mbappé, reaccionaran rindo ante unha pregunta sobre a posibilidade de viaxar dúas horas por liña férrea a Nantes en lugar de nunha aeronave do club. 

Greenpeace asegura que a ruta Santiago - A Coruña é a máis curta no Estado que supera os dez voos anuais e cifra en 16 os desprazamentos en 'jet' privado en 2022

A ONG Transport & Environment calcula que os avións privados causan entre 5 e 14 veces máis emisións de CO2 por pasaxeiro que un avión comercial medio e 50 veces máis que os trens. Segundo o último informe de Greenpeace, elaborado pola consultora medioambiental neerlandesa CE Delft, as emisións destas aeronaves duplicáronse en Europa en 2022, causando máis de 3 millóns de toneladas de CO2, equivalente á media anual de 555.000 residentes da UE. A mesma análise advirte que España xa é o cuarto estado comunitario con máis voos neste tipo de aparatos, con máis de 45.000 ao ano, e lembra que máis da metade das viaxes foron curtas ou moi curtas, con alternativas en tren ou barco que non supoñen grandes aumentos na duración. 

Terminal do aeroporto da Coruña CC-BY-SA Bene Riobó

Greenpeace, con todo, sinala un caso extremo no seu informe: o da ruta máis curta da aviación privada con dez ou máis voos ao ano en España: a que une A Coruña e Santiago. Segundo os datos deste estudo, serían 16 voos en 2022 na ruta que une a capital galega coa cidade coruñesa que supuxeron a emisión de 15 toneladas de CO2. Para unha distancia en liña recta entre aeroportos de menos de 45 quilómetros e unha conexión entre cidades que leva unha media hora en tren, con trinta frecuencias de ferrocarril diarias en cada sentido. 

"É improbable, practicamente imposible", din fontes do sector aéreo sobre a posibilidade de que os voos entre Santiago e A Coruña se deban a viaxes de negocio ou de empresarios

"Ir da Coruña a Compostela en avión privado tendo trens que fan o traxecto en media hora é unha barbaridade en plena emerxencia climática", critica Greenpeace Galicia, que lembra, como a propia organización a nivel internacional, que estes jets "están excluídos da lexislación que aborda as emisións de gases de efecto invernadoiro, a pesar de ser o transporte máis contaminante, malgastador de enerxía e menos equitativo por pasaxeiro e quilómetro". 

Pero hai alguén que opte por realizar unha viaxe da Coruña a Santiago ou de Santiago á Coruña nun avión privado? Fontes de persoal do sector aéreo en Galicia, con anos de experiencia, cren que é "improbable, practicamente imposible". "Non lles compensaría, nin por tempo nin economicamente; quen fai uso de jets privados desde Galicia ten a aeronave nun aeroporto que usa como base e desprázase a el desde onde estea, mover un avión de Lavacolla a Alvedro, ou viceversa, non ten sentido", explica unha traballadora que deu servizo durante unha década na aviación privada. 

Voo dun avión privado CC-BY-NC-ND Víctor

"O groso dos avións privados que operan nos aeroportos galegos teñen que ver con viaxes de negocios, con empresas como Inditex, Abanca, Cortizo... Empresas ou empresarios que xa dispoñen de jets ou que os alugan", explican as mesmas fontes, que aclaran que os traxectos non son nunca curtos. Ou polo menos non tan curtos. "Tamén chegan aeronaves privadas de emigrantes galegos en México que veñen a Avión", engade. 

Si que son algo máis habituais, por parte de dirixentes vinculados á banca, as viaxes en jet privado da Coruña a Vigo, segundo confirman fontes coñecedoras destes desprazamentos. Un traxecto que entre aeroportos supón 155 quilómetros e hora e media por estrada. Non son rutas habituais, no entanto, para unir calquera das dúas cidades con Santiago. 

As mesmas fontes atribúen a voos de calibración, de escolas de pilotos ou mesmo médicos estes desprazamentos tan curtos

Daquela, e segunda estas fontes do sector aéreo, a que se deben esas cifras nos aeroportos galegos que, baseadas en datos da consultora especializada en aviación Cirium, advirten de 16 voos entre Santiago e A Coruña en 2022? "Pódense deber a voos de calibración, técnicos, que serven para avaliar os sistemas de navegación ou mesmo os realizados por escolas de pilotos", explican fontes do sector aéreo. 

Tampouco descartan, aínda que o ven improbable, que algún deses desprazamentos se poida deber ao traslado de órganos ou persoal médico para realizar un transplante ou mesmo ao reposicionamento dalgún avión privado que, procedente doutra localidade, acaba modificando o seu aeroporto base da Coruña a Santiago por problemas de espazo no elixido inicialmente. 

"O que parece improbable é que alguén decida, por moitas posibilidades que teña, desprazarse expresamente da Coruña ou de Santiago a unha cidade tan achegada en avión. Custa máis tempo e máis cartos mover unha aeronave así de aeroporto que desprazarse en coche ou tren, obviamente", insisten. 

Aeroporto Rosalía de Castro en Lavacolla (Santiago) © Aena Aeropuertos

Sexa como for, o informe advirte de que España ocupa o cuarto lugar na lista de estados da UE con máis voos en jets privados en 2022, con 45.633, polo que arredor do 8% de todos os voos nestes aparatos en Europa saíron dalgún aeroporto do Estado. 

A análise levada a cabo mostra que os voos privados con saída dende España pasaron de algo máis de 26.000 en 2021 a eses máis de 45.000 en 2022, o que supón un incremento do 74% nun só ano. Ademais, as emisións de CO2 aumentaron dunhas 127.000 toneladas a case 244.000. 

Os países con máis voos en jets privados en Europa en 2022 foron Reino Unido, Francia, Alemaña e España. Os tres destinos máis populares foron Niza, París e Xenebra, mentres que as tres rutas máis transitadas serían París-Londres, Niza-Londres, París-Xenebra, dos das cales teñen conexións alternativas directas en tren de menos de tres horas e media e varios servizos ao día. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.