Peaxes, recorte de trens, coordinación de aeroportos: o debate das infraestruturas volve a onde quedara con Ana Pastor

A daquela ministra de Fomento Ana Pastor nunha imaxe de arquivo co presidente Feijóo © Xoán Crespo

Hai unha década Fomento creou un comité aeroportuario de resultados incertos, suprimiu estacións e servizos ferroviarios e estudou a posibilidade dun AVE de vía única e de cobrar nas autovías

O coronavirus e o inminente remate da liña de AVE coa Meseta están a supoñer a reactivación de diversos debates arredor do futuro das infraestruturas de transporte. O posible cobro por circular por autovías, o recorte de servizos ferroviarios ou o efecto que o tren de alta velocidade poida ter sobre os aeroportos galegos son cuestións que xa estiveron sobre a mesa hai unha década, coincidindo coa chegada da pontevedresa Ana Pastor ao Ministerio de Fomento a finais de 2011, en plena crise económica. Agora, unha crise sanitaria vén provocar unha nova crise económica.

Peaxes nas autovías

Hai anos que a UE vén reclamando unha relación directa entre o custo de mantemento das infraestruturas e os seus beneficios, o que nalgúns países supuxo a implantación dunha taxa especialmente para os vehículos de mercadorías, denominada euroviñeta, ou outro tipo de pagamentos. As crises económicas son eses momentos nos que Bruxelas ofrece axudas pero a cambio pide reformas, e iso traduciuse na recesión de hai unha década en Portugal en que as autovías que se construíran coa denominación Sem Custo para o Utilizador (SCUT) pasasen de repente a ter custo para o utilizador.

Pórticos con cámaras para o cobro de peaxes nas autovías de Portugal © Goberno de Portugal

“Traballamos por un transporte en España que sexa máis eficiente e de calidade e que supoña a menor carga posible ao erario público", dicía a ministra popular hai unha década sobre o posible cobro en autovías 

Iso foi en 2011, e en 2012 sóubose que tamén o Goberno de España estaba a estudar algún tipo de pagamento por uso nas súas autovías para reducir o déficit das contas públicas. “Traballamos por un transporte en España que sexa máis eficiente e de calidade e que supoña a menor carga posible ao erario público; é todo o que podo dicir a día de hoxe”, dicía a daquela ministra Pastor cando estourou a polémica. A economía foi mellorando e aqueles estudos non chegaron a concretarse, pero tampouco se gardaron de todo nun caixón e, como vén de contar a Cadena Ser, en 2018 o PP volveu analizar a posibilidade de cobrar por usar as autovías. 

Agora, cunha nova crise, desta volta derivada da pandemia do coronavirus, a UE pide aos estados que lle digan que van mudar das súas economías a cambio de recibir fondos comuntarios. E entre as moitas outras cousas que propón o Goberno de España está novamente a posibilidade de cobrar polo uso das autovías, medida que non concreta e que responsables do Executivo xa presentan, ante as críticas recibidas, como só estudos previos, argumentos similares aos empregados hai unha década.

Desde a Xunta xa se criticou a proposta ao tempo que se lembran os compromisos aínda non cumpridos con varias autovías estatais prometidas e aínda non rematadas, en particular coa Santiago-Lugo. Una demora que agora ten causa no intento de reducir o seu impacto ambiental pero que se suma a outras anteriores como a decisión tomada hai unha década de ralentizar os seus traballos pola crise económica.

Recortes ferroviarios

O coronavirus levou a implantar limitacións de ocupación en todo tipo de espazos e restricións de movementos que derivaron no recorte de todo tipo de servizos públicos de transporte, fosen en tren, autobús ou avión. Superado o estado de alarma e boa parte das restricións, a Xunta vén ordenar ás súas concesionarias de autobús que repoñan xa todos os servizos -reformulados no fundamental no último ano, polo que non é posible comparar coa situación previa á pandemia- e reclama ao Ministerio de Transportes que faga o mesmo cos ferroviarios.

Mapas oficiais de Renfe en 2003 e 2013 que reflicten o peche de estacións dos últimos anos CC-BY-SA Praza Pública

Hai unha década os recortes de servizos de transporte non eran temporais polo coronavirus senón definitivos porque non resultaban rendibles

Desta volta foi a pandemia o motivo para reducir todo tipo de trens, pero hai unha década o argumento era que non resultaban rendibles economicamente en plena crise, como non o son a gran maioría dos servizos de transporte público aínda que non haxa crise. A decisión tomada en 2012 e concretada en xuño de 2013 foi a de suprimir máis do 10% dos servizos que se prestaban en toda Galicia ao longo de cada semana e pechar completamente 22 estacións, unha medida que a Xunta e o PP galego xustificaron e que o Goberno central popular xestionou pola vía de intentar reducir o impacto mediático das protestas.

Indefinición sobre o AVE

En 2013 Adif estudou facer a maior parte da liña do AVE coa Meseta con vía única

Outra das reclamacións que agora fai a Xunta ao Goberno central é que concrete xa como van ser os servizos de alta velocidade que se van poñer en marcha tras a entrada en operación este ano da liña de AVE coa Meseta. Antes da pandemia había seis servizos diarios de ida e volta a Madrid en Alvia, pero recortáronse coas restricións e aínda que algúns xa se recuperaron, non se sabe cal será a oferta comercial completa cando comece a operar o AVE e se o coronavirus aínda seguirá a afectar á mobilidade. 

Documento de Adif no que en 2013 propuña abrir inicialmente en vía única a maioría do AVE galego © Adif

Porén, a oferta de servizos que se poidan poñer en marcha xa non estará condicionada polo recorte de dúas a unha única vía na gran maioría do trazado da liña que se estudou hai unha década para aforrar en plena crise e que mesmo levou a que en 2015 Pastor inaugurase con esa vía única o treito Olmedo-Zamora.

Coordinación dos aeroportos

A inminente chegada do AVE tamén volve resucitar o debate sobre o seu impacto sobre os tres aeroportos galegos. Hai coincidencia entre os expertos desde hai dúas décadas en que a liña afectará máis directamente ás terminais máis dependentes dos voos con Madrid. Pero o efecto que iso suporá sobre a oferta total de cada aeroporto e do conxunto de Galicia reabre a discusión sobre a falta de coordinación entre as terminais. 

Máis dunha década despois dos primeiros anuncios de coordinación dos aeroportos a Xunta reclama agora ao ministerio un estudo “sobre o impacto que terá a posta en servizo do AVE sobre os aeroportos galegos”.

En 2010 o daquela ministro de Fomento, o socialista lucense José Blanco, xa creara un comité de tipo político para intentar coordinar as rutas que recibían axudas públicas nos tres aeroportos galegos. En 2012 Ana Pastor subiu a aposta e vía decreto-lei instituíu que en cada comunidade autónoma con aeroporto houbese un comité de coordinación aeroportuaria. Ese organismo foi derivando nun perfil máis técnico que o anterior e centrou o seu traballo en coordinar as diversas melloras materiais realizadas nos tres aeroportos galegos e en axilizar as súas tramitacións por parte das diversas administracións implicadas. 

Imaxe de 2013 dunha reunión para intentar coordinar os aeroportos con representantes da Xunta, as cidades e o daquela 'número 2' de Fomento Rafael Catalá CC-BY-SA Xunta de Galicia

Que a coordinación das rutas non ía ser o principal punto forte do comité debeuno sospeitar xa a Xunta cando en 2013, mentres aínda se estaba a poñer en marcha ese foro, encargou pola súa conta un plan estratéxico dos aeroportos galegos por 30.000 euros malia non ter competencias sobre eles. Porén, un ano despois o propio Feijóo cargaba contra Ana Pastor: “O actual Goberno dixo que asumiría a coordinación, e teño que dicir que non están coordinados [os aeroportos]. Se a competencia exclusiva é do Goberno de España, que a exerza; se fose da Xunta, exerceriámola”. Seguindo aquela lóxica, agora, sete anos máis tarde e co Ave a piques de comezar a funcionar, a Xunta “urxe” ao Ministerio de Transportes un estudo “sobre o impacto que terá a posta en servizo do AVE sobre os aeroportos galegos”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.