Premio Dolores Ben a Tereixa Navaza, voz "imprescindible" do xornalismo galego

Tereixa Navaza © AGAPI

A AGAPI destaca que Navaza é "unha imprescindíbel do xornalismo, o primeiro rostro da televisión en galego" e lembra que foi "pioneira na radio e televisión galegas e un dos primeiros nomes femininos que entraron nas redaccións do mundo audiovisual". 

Tereixa Navaza recibe este martes o II Premio de Honra Dolores Ben, galardón que a AGAPI (Asociación Galega de Produtoras Independentes) creou en 2021 para manter viva a memoria de Dolores Ben -presidenta da entidade entre 2007 e 2019- e recoñecer a"s persoas e institucións que encarnan os valores de loita e defensa do ben común que ela mesma representaba". Na súa primeira edición, o pasado ano, o galardón foi para Ana Romaní.

A AGAPI destaca que Navaza (Santiago de Compostela, 1947) é "unha imprescindíbel do xornalismo, o primeiro rostro da televisión en galego" e lembra que foi "pioneira na radio e televisión galegas e un dos primeiros nomes femininos que entraron nas redaccións do mundo audiovisual". "Navaza representa a concepción dun xornalismo implicado coa sociedade do seu tempo", conclúe a entidade.

A entrega do galardón terá lugar en Cinemar Films, estudo cinematográfico de son fundado por Dolores Ben no ano 2006, emprazado no polígono de Novo Milladoiro.

En 1973 iniciou o seu traballo na delegación galega de TVE con Luís Mariñas como director, converténdose no primeiro rostro da televisión feita en Galicia e en galego

Tereixa Navaza comezou a traballar en Radio Galicia SER en 1965, con só 18 anos. En 1970 comezou a dirixir e presentar Horas jóvenes, un programa diario de dúas horas feito case na súa totalidade por estudantado universitario compostelán. Neses anos converteuse na voz de Galicia en programas estatais como Hora 25, Matinal Cadena Ser e Los 40 Principales. Tamén recibiu o Premio Nacional de Radio. 

En 1973 iniciou o seu traballo na delegación galega de TVE con Luís Mariñas como director, compaxinando radio e televisión ata 1980. Como xornalista na televisión pública realizou informativos, magazines, mesas redondas, entrevistas, entre outros contidos, converténdose no primeiro rostro da televisión feita en Galicia e en galego

A transmisión da chegada dos restos de Castelao e a lectura dos comunicados dos traballadores do sector naval en varias manifestacións tiveron consecuencias para ela como profesional

A transmisión da chegada dos restos de Castelao e a lectura dos comunicados dos traballadores do sector naval en varias manifestacións tiveron consecuencias para ela como profesional, pois "sufriu a censura de TVE e foi retirada aos corredores e a ler textos escritos por outros compañeiros", destaca AGAPI. 

En 1994 entrou no Consello de Administración da CRTVG, do que formou parte durante dúas lexislaturas. E en 2002 incorporouse de novo á TVE en Galicia, con Carmen Cafarell como directora xeral. Nesa nova etapa encargouse dun programa de hora e media dedicado á Real Academia Galega no seu centenario e de Arredor de nós, una serie de doce programas dedicados a outros tantos personaxes galegos. Porén, no 2005 foi unha das afectadas polo ERE aplicado en RTVE que afectou a cinco mil profesionais.

O especial que hai uns anos lle dedicou o Consello da Cultura Galega na súa web destacaba que "Tereixa Navaza representa a concepción dun xornalismo implicado coa sociedade do seu tempo; unha información con perspectiva propia, comprometida co movemento feminista e coa defensa dos dereitos das mulleres na procura dunha sociedade máis xusta". Ademais, subliñaba que "como cidadá participou do activismo: leu manifestos, fixo súas as protestas do naval e autoinculpouse en campañas polo aborto e a insubmisión".

En  2016 Navaza renunciou a aceptar o premio que o Goberno galego lle concedera con motivo do 8 de marzo, en protesta pola situación "de decadencia" que vivía TVE e os seus servizos informativos

No ano 2016 Tereixa Navaza renunciou a aceptar o premio que o Goberno galego lle concedera con motivo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller en protesta pola situación "de decadencia" que vivía TVE e os seus servizos informativos. Navaza compartía o galardón con outras mulleres "relevantes no exercicio dunha profesión desenvolvida maioritariamente por homes".

A xornalista explicaba que sería "unha contradición" aceptar o premio na situación de degradación que estaba a sufrir a televisión pública. Criticaba que o Goberno de Mariano Rajoy entrara nos medios públicos "como se fosen a súa propiedade". "E non o son. Son propiedade de todos e todas", destacaba.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.