Récord de positivos e probas da COVID en Galicia nun día coas áreas de Ferrol e Vigo á fronte do empeoramento

Unha traballadora do hospital de Ourense, portando un equipo de protección para tratar pacientes coa COVID, nunha imaxe divulgada polo servizo de comunicación da Área Sanitaria de Ourense CC-BY-SA Foto: Sergas Ourense | Montaxe: Praza Pública

Unha xornada de récord na pandemia, onde a letra miúda é cada vez máis importante. As vinte e catro horas transcorridas entre as seis da tarde do xoves, 29 de outubro, e a mesma hora do venres, día 30, rexistraron niveis máximos de dous indicadores clave que cómpre ler conxuntamente. Nunca antes se rexistrara tal cantidade de novos casos do coronavirus nunha xornada en Galicia, 770 (755, diagnósticos mediante PCR). Pero o Sergas tampouco dera procesado máis de 10.000 test PCR en vinte e catro horas, o cal vén de suceder.

O Sergas nunca rexistrara 770 novos casos da COVID-19 en vinte e catro horas, pero tampouco procesara ata agora máis de 10.000 PCR nunha xornada

O incremento sostido da capacidade de diagnóstico dispara, daquela, as cifras dun día en que o número de casos "activos" do coronavirus chega aos 8.762 e a media diaria de diagnósticos na última semana cruza amplamente a barreira dos 600 casos, como amosa o gráfico baixo estas liñas. É un empeoramento que, no inicio da nova fase das restricións, encabezan as áreas sanitarias de Ferrol e Vigo. [A Xunta estende o confinamento perimetral e o veto ás reunións de non convivintes a toda a Galicia urbana]

Sanidade suma as mortes doutras 8 persoas, tres delas residentes en centros de maiores

Este empeoramento das últimas semanas segue dando lugar a falecementos de persoas que foran diagnosticadas co coronavirus. O cómputo oficial do Servizo Galego de Saúde suma 8 mortes máis que elevan o total a 910. Delas, tres viviran en residencias de maiores: unha muller de 96 anos procedente do centro Os Gozos, da Fundación San Rosendo no Pereiro de Aguiar, e outras dúas de 76 e 86 anos, que foran ingresadas no CHUVI vigués tras infectárense na Residencia Xeriátrica Salvaterra do Miño, intervida pola Xunta esta semana. 

As outras cinco persoas falecidas con test positivo da COVID-19 eran tamén pacientes de avanzada idade que estaban ingresados en diversos centros hospitalarios. Trátase dun home de 81 anos no hospital de Ourense, un paciente de 83 no hospital Quirón da Coruña, un home de 72 anos en Pontevedra, unha muller de 86 no Clínico de Santiago e un home de 82 no hospital de Burela

A positividade nas áreas ferrolá e viguesa, moi por riba do total galego

Arredor do 7,5% das probas PCR realizadas en toda Galicia dan resultado positivo

Dado o récord de probas PCR realizadas nestas vinte e catro horas, ata 10.234, -cómpre ter en conta que os días con máis test da primeira vaga apenas chegaran aos 4.000 e que nos últimos tres días foron procesadas máis de vinte mil-, o número de casos novos cómpre lelo ao carón da porcentaxe de probas que dan positivo. No último día con datos completos, o xoves 29, esa proporción descende un chisco no dato global galego e sitúase na contorna do 7,5%, valor moi semellante ao rexistrado ata as seis da tarde do venres. A Organización Mundial da Saúde sitúa no 5% o limiar para dar por controlada a pandemia nun territorio. [A Xunta reserva 230.000 euros para persoal de "seguimento" da orixe dos contaxios da COVID, que ignora no 65% dos casos]

Pero, como amosa o mapa de calor sobre estas liñas, a proporción de probas positivas e a súa evolución na última semana é dispar en función das áreas sanitarias. Destaca especialmente o dato da área de Ferrol, que durante toda a semana presentou valores de positividade moi superiores ao dato galego e rolda agora o 14%, porcentaxe moi semellante á da área de Vigo.

As taxas de positividade das áreas ferrolá e viguesa case duplican o dato global de Galicia

Mentres, as dúas áreas máis próximas ao 5% sinalado pola OMS son as da Coruña e Lugo e as outras tres (Ourense, Vigo e Santiago) superan o 6%. Destaca, neste sentido, a lixeira melloría da área ourensá nas últimas xornadas, máis aínda tendo en conta que este territorio -que abrangue toda a provincia- é o que vén concentrando restricións para conter o virus máis intensas e durante máis tempo.

En termos absolutos, a área de Vigo é tamén a que suma un maior número de casos novos nesta xornada (215), seguida da Coruña-Cee (131) e Lugo (121). As áreas de Ourense e Santiago quedaron un chisco por baixo do cento, con 92 e 91 novos casos.

Freo na suba de ingresos, forte presión nas UCI ourensás

Este empeoramento xeneralizado dos principais indicadores da pandemia segue tendo o seu reflexo nos hospitais onde, non obstante, o total de persoas ingresadas con test positivo do coronavirus tende, segundo os datos da Xunta, a relaxar o seu incremento nos últimos dous días. Agora son 474, dúas menos que o día anterior, aínda que a carga das UCI segue en máximos da segunda vaga.

Nos últimos días, as cifras de hospitalización de pacientes con COVID-19 en Galicia diferiron entre o Sergas e o Ministerio de Sanidade

O número de pacientes en UCI, precisamente, é un dos indicadores máis preocupantes na área que segue tendo unha maior incidencia da COVID-19, a de Ourense. Son ata vinte as persoas que requiren estes coidados na área ourensá, que xa a pasada semana suspendeu operacións cirúrxicas programadas por esta razón. A maior cifra de hospitalizadas co coronavirus en termos absolutos, non obstante, está agora segundo o Sergas na área da Coruña-Cee, con 96 persoas e hospitalización ordinaria e outras 12 na UCI.

Esta radiografía dos hospitais galegos na pandemia diferiu nos últimos días, non obstante, en función da fonte consultada: a Consellería de Sanidade ou o Ministerio de Sanidade, aínda que o Goberno de España constrúe a súa estatística cos datos que lle remite a Xunta. Nas últimas xornadas, as cifras de persoas en coidados intensivos en Galicia que reflectía o Ministerio veñen sendo maiores que as apuntadas pola Xunta, aínda que nos últimos días esa cifra tende a confluír (o venres, por exemplo, eran 69 segundo a Xunta e 70, atendendo ao Executivo central).

Por outra banda, nas residencias o número de casos activos sitúase agora nos 646, 13 menos que o pasado venres (399 entre persoas usuarias e 247 entre o persoal), fronte aos 659 do pasado xoves. Neste descenso inflúe os 40 residentes do centro dos Gozos, en Pereiro de Aguiar, que se retiran do cómputo ao negativizar, segundo indica a Xunta. Pola contra, son dez máis os traballadores afectados. 

A principal novidade é que 15 usuarios da residencia Nosa Señora dos Anxos de Ribadavia deron positivo, polo que o número de afectados do centro elévase a 35 entre, ademais de seis traballadores. 

A Residencia Nosa Señora Milagres (Barbadás) totaliza 85 positivos, a Residencia Os Gozos (O Pereiro de Aguiar) queda agora en 31 casos e a Residencia de Salvaterra do Miño ten nestes momentos 81 persoas infectadas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.