Redondela declara o 'Ano das Mulleres de San Simón', en homenaxe á rede de apoio aos presos do campo de concentración

Homenaxe nacional ás vítimas do franquismo realizada na Illa de San Simón © IGM

A Illa de San Simón foi entre 1936 e 1943 un campo de concentración polo que pasaron milleiros de prisioneiros republicanos (as cifras móvense entre os 4.000 e 6.000) procedentes de todo o Estado, sobre todo despois da conquista de Asturias e o País Vasco por parte do exército nacional. Moitos morreron alí, polas nefastas condicións de vida ás que eran sometidos. Outros agardaron alí a resolución de supostos procesos xudiciais ou decisións administrativas que os condenaban a penas de prisión ou a morrer fusilados. Na historia da represión, con todo, moitas veces fica fóra a historia das mulleres, que tamén sufriron o castigo por parte das autoridades franquistas.

Este xoves o pleno municipal de Redondela aprobou por unanimidade a declaración do 2020 como 'Ano das Mulleres de San Simón', unha homenaxe que nos vindeiros meses se traducirá na organización dun programa de actos

No caso de San Simón foi determinante o papel das mulleres que apoiaban dende fóra aos presos alí recluídos, redes de solidariedade que tamén lles supuxeron castigos e que non tiveron ata agora o seu xusto recoñecemento. En lugares como Redondela, A Portela, Cesantes, Reboreda, Ventosela ou Cedeira teceuse unha rede de apoio a través das que mulleres voluntarias fornecían de alimento aos esfameados presos, lavándolles a roupa ou facendo de intermediarias coas súas familias, transmitindo as súas cartas e mensaxes.

Este xoves o pleno municipal de Redondela aprobou por unanimidade a declaración do 2020 como 'Ano das Mulleres de San Simón', unha homenaxe que nos vindeiros meses se traducirá na organización dun programa de actos "en memoria das mulleres e homes que colaboraron en mitigar o sufrimento dos presos alí recluídos entre os años 1936 e 1946", segundo se pode ler na declaración aprobada. 

Monolito de homenaxe, en San Simón, "aos homes e mulleres que loitaron pola liberdade, a democracia e os dereitos de Galiza" © IGM

"As mulleres de San Simón", como foron coñecidas popularmente, "teceron unha rede solidaria" que "aliviaba o sufrimento de aqueles defensores do goberno constitucional, inxustamente encarcerados"

O texto subliña que a Illa de San Simón foi "un auténtico campo de concentración" no que foron encarcerados "milleiros de defensores da legalidade republicana". Coñecedoras das terribles condicións que tiñan que soportar os prisioneiros, en Redondela creouse "un entramado de apoio" que constitúe un "episodio heroico aínda pouco estudado e valorado", subliña a declaración institucional.

"As mulleres de San Simón", como foron coñecidas popularmente, "teceron unha rede solidaria" que "aliviaba o sufrimento de aqueles defensores do goberno constitucional, inxustamente encarcerados", di o texto aprobado por todos os grupos, que conclúe que "80 anos despois destes episodios, é necesario un recoñecemento oficial do Concello de Redondela, reescribindo un capítulo exemplar da nosa historia local".

“Xa é hora de rescatar da memoria colectiva esta parte da nosa historia local, que tanto apoio e solidariedade transmitiu a moitos presos e ás súas familias”, sinalaba o BNG

Este recoñecemento fóra impulsado nos últimos anos polo BNG, que presentou varias mocións neste senso, salientando a organización nacionalista o "deber" de "recoñecer o seu compromiso e valentía, en momentos nos que elas mesmas padecían as necesidades por mor da propia Guerra Civil”. “Xa é hora de rescatar da memoria colectiva esta parte da nosa historia local, que tanto apoio e solidariedade transmitiu a moitos presos e ás súas familias”, sinalaba o BNG hai uns meses.

"Os relatos de resistencia e solidariedade teñen, a maior parte das veces, nome de muller. Elas tecían as redes de apoio aos presos, acollían nas súas casas aos perseguidos. E algunhas pagárono coa súa vida", destaca Bará

Estes feitos foron tamén estudados en profundidade por Luís Bará, deputado do BNG no Parlamento galego, que lles dedicou unha parte importante do seu libro Non des a esquecemento. Hai tres anos, en entrevista con Praza.gal, Bará salientaba que o que buscaba era "poñer nomes ás vítimas e ás persoas que, de distinta maneira, resistiron a represión franquista". Bará destaca que "os relatos de resistencia e solidariedade teñen, a maior parte das veces, nome de muller. Elas tecían as redes de apoio aos presos, acollían nas súas casas aos perseguidos, aos fuxidos, ás persoas que participaban na resistencia armada contra o franquismo. E algunhas pagárono coa súa vida".

Bará destacaba, por exemplo, as historias de Emilia Cabaleiro, "á que torturaron, mutilaron e mataron por axudar a catro homes perseguidos"; ou de Josefa Barreiro, que axudara a un militante da CNT; ou de Rosario Hernández, A Calesa, "que segundo a memoria popular foi violada, torturada e mutilada antes de fondear o seu corpo cunha prancha de ferro". Subliñaba a importancia do apoio emprestado aos presos por estas redes de mulleres "que recollían as súas roupas e logo devolvían lavadas e na que mesmo cosían mensaxes de esperanza para tentar paliar todo aquel horror".

Illa de San Simón © Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.