Sentenciado a cen días de cárcere un veciño de Vilagarcía que incumpriu o confinamento polo coronavirus

Xulgados de Vilagarcía © Google

O home xa fora sancionado tres veces durante o estado de alarma, este xoves volveu saír á rúa sen motivo e este venres enfrontouse a un xuízo rápido no que a condena foille condicionada a que non delinca novamente en tres anos

Un xulgado de Vilagarcía condenou este venres a cen días de cadea por un delito de desobediencia a un home de Vilagarcía por incumprir o confinamento establecido polo coronavirus e saír á rúa “sen causa xustificada”. O home xa fora sancionado tres veces durante o estado de alarma, este mércores volveu saír á rúa sen motivo e este venres enfrontouse a un xuízo rápido no que aceptou a condena, que lle foi suspendida e condicionada a que non delinca novamente en tres anos.

Segundo a sentenza, o home, de 47 anos, “e con antecedentes penais non computables a efectos de reincidencia”, fora xa denunciado administrativamente por incumprir o confinamento e saír á rúa sen motivo aparente os días 16, 21 e 23 de marzo.

Este xoves 26, ás 18.30 horas, “a sabendas da vixencia do estado de alarma no territorio nacional, con absoluto menosprezo á limitación da liberdade de circulación que fora imposta e sen causa xustificada, abandonou o seu domicilio” novamente, momento en que catro axentes do Corpo Nacional de Policía o interceptaron.

Control policial do confinamento polo coronavirus © DGT

Este venres o home enfrontouse a un xuízo rápido no que a Fiscalía pediu para el 150 días de prisión, que ao aceptar a condena o acusado foron rebaixados a 100. Ademais, a pena quedou suspendida “por tempo de 3 anos, condicionada a que o acusado non delinca no prazo de suspensión”. 

Un xulgado de Betanzos envía a prisión provisional a unha muller que ademais de incumprir reiteradamente o confinamento lesionou presuntamente a un axente

Tamén este venres foi enviada a prisión provisional por un xulgado de Betanzos unha muller que ademais de incumprir o confinamento os días 21, 23 (en dúas ocasións), 24 e 25, este xoves lesionou a un axente. Os feitos, sinala o auto, "revisten os caracteres dun delito de atentado para o que figura prevista a pena de prisión de 6 meses a 3 anos”. O auto destaca que é “evidente a gravidade desta presunta conduta ilícita, que crea unha gran intranquilidade e desasosego”, á vez que advirte que “se podería repetir, de non adoptarse medidas” como a prisión provisional.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.