Só tres persoas na UCI con coronavirus en Galicia tras tres días sen falecementos

CC-BY-NC-SA Praza Pública

Os datos de novos diagnósticos de coronavirus en Galicia tenden a indicar unha liña moi próxima ao cero. Por segundo día consecutivo, o Ministerio de Sanidade indica que na xornada previa se rexistrou un único diagnóstico en Galicia -o Sergas non ofrece esta información- e o acumulado de positivos da Consellería de Sanidade aumenta en apenas 16 casos, incluíndo resultados de probas PCR e de anticorpos-.

Na última xornada o Ministerio indica que o Sergas reportou un único diagnóstico novo da covid-19 en Galicia 

Son as cifras publicadas este 30 de maio e correspondentes ao día 29, o terceiro consecutivo sen novos falecementos dende o comezo da pandemia no país e no que, segundo o Servizo Galego de Sáude, apenas fican tres persoas en unidades de coidados intensivos con test positivo da covid-19. Non haberá, así e todo, unha cuarta xornada consecutiva sen mortes polo momento xa que Sanidade comunicou fóra do parte diario, xa este sábado, o falecemento dunha muller de 82 anos que estaba ingresada por mor do coronavirus no hospital da Coruña.

Os datos do Ministerio sinalan 77 novos diagnósticos nas últimas dúas semanas en Galicia, só 17 con síntomas iniciados nese período

Os escasos novos diagnósticos da última semana -só 24, informa o Ministerio, seis deles con inicio de síntomas neses sete días- en Galicia e o baixo número acumulado nos últimos 14 días -77, 17 con síntomas iniciados nese período- fai que a incidencia acumulada das últimas dúas semanas da covid-19 sexa tamén moi baixa (2,85 casos por cada 100.000 habitantes). Tamén descende notablemente a media estatal, que está agora en 14,65.

Estes indicadores insírense nunha serie histórica que, non obstante, segue pendente da "validación individualizada" de casos que está a realizar o Ministerio. No caso galego, esta é a única serie histórica dispoñible porque a Xunta desbota publicar a súa, polo que ata que o Ministerio non a publique, non é posible coñecer se houbo variacións de importancia na distribución dos positivos no tempo en aplicación do novo protocolo de datos. [O Estado actualiza a serie histórica completa do coronavirus en Galicia, que a Xunta segue sen divulgar]

Os "positivos activos" que indica a Xunta son 24 menos e as persoas que o Sergas dá por "curadas" chegan ás 9.936; 40 máis

A Xunta, pola súa banda, segue manexando como indicador principal o dos "positivos activos", que continúa descendendo. Este 30 de maio quedan en 749 -24 menos- mentres as persoas que o Sergas dá por "curadas" -incluíndo negativos en test de anticorpos de persoas que antes deran positivo- chegan ás 9.936 -40 máis-. Deste xeito, o número acumulado de persoas que deron positivo pola covid-19 en Galicia chega a 11.300, resultado de sumar todos os positivos que o Sergas reportou nos seus partes diarios. Neste total pode haber casos duplicados, como advertiu o Ministerio, pero a ausencia dunha serie completa galega impide sabelo. 

O número de falecementos ligados ao coronavirus segue, segundo o Sergas, en 615; o 44% deles eran persoas que viviran en residencias de maiores e dependentes

Mentres, o número de falecementos permanece en 615, como nos tres días previos, aínda que cunha variación estatística. O Sergas aclara que "hoxe se coñece" que unha das persoas falecidas no hospital nos últimos días en realidade "procedía dunha residencia". Deste xeito, o número total de persoas falecidas pola covid-19 en Galicia que viviran en residencias de maiores e dependentes chega ás 273. É o 44% do total de falecementos certificados en Galicia pola pandemia. 

No marco da súa revisión de datos, o Ministerio descende a cifra global de persoas falecidas en Galicia ata 609. Segundo indicou o responsable de Emerxencias Sanitarias do Ministerio, o doutor Fernando Simón, esta variación pódese deber a casos duplicados ou ben a falecementos de persoas que tiveran síntomas da covid-19, pero sen diagnóstico ratificado da doenza.

Unha nova hospitalización e só tres persoas na UCI

As persoas hospitalizadas con test positivo son apenas 39; no pico da pandemia eran 1.068

No que atinxe ás novas hospitalizacións, o Ministerio de Sanidade -o Sergas tampouco ofrece esta información- indica que na última xornada se rexistrou só unha en Galicia e son apenas dúas na última semana, ningunha delas na UCI. Nas unidades de coidados intensivos de Galicia chegou a haber 177 persoas con test positivo de coronavirus no pico da pandemia -o pasado 4 de abril- pero, tras descender a cifra en dúas na última xornada, agora só son 3.

Tamén baixou levemente no último día o número de persoas con test positivo ingresadas en unidades hospitalarias ordinarias -en planta-. Agora son 36, unha menos, e o total de persoas hospitalizadas con test positivo -poden seguir no hospital tras daren negativo- queda en só 39. No pico da pandemia, tamén o 4 de abril, chegaran a ser 1.068.

Vinte dos 41 casos positivos que o Sergas indica nas residencias de maiores están nun único centro da Coruña

No que atinxe ás persoas illadas a domicilio con test positivo da covid-19, a cifra tamén baixa e agora son 710, vinte e unha menos que o día anterior. Nelas inclúense 48 persoas que viven en centros de maiores e dependentes, catro menos que o día anterior. 

Nas propias residencias, sen contar persoas ingresadas en hospitais, este sábado prodúcese un leve incremento de persoas con casos positivos, de 39 a 41, polo aumento de dous na residencia DomusVi Matogrande, na Coruña. A residencia que actualmente acumula máis persoas con test positivo da covid-19 é a Santa Teresa Jornet da Coruña, con 20.

Tres activos máis en Vigo, descensos nas demais áreas

O 35% dos positivos activos están agora na área sanitaria de Vigo

Por áreas sanitarias, o único indicador dispoñible segue sendo o dos "positivos activos". Daquela, dado que o Ministerio só chega ao nivel autonómico e a Xunta non o revela, non é posible saber en que áreas se rexistraron os devanditos 77 novos diagnósticos das últimas dúas semanas. No que atinxe aos devanditos casos activos, o 35% dos de toda Galicia sitúanse área de Vigo, que rexistra tres máis na última xornada. 

En todas as demais áreas descende o número a respecto da xornada anterior. O maior descenso é o da área da Coruña-Cee (-9) e o menor, o da área de Pontevedra, cun caso menos que vinte e catro horas antes.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.