Terceiro día sen mortes por coronavirus en Galicia, onde só se rexistrou un ingreso hospitalario pola enfermidade

CC-BY-NC-SA Praza Pública

Dende o comezo da epidemia morreron en Galicia 607 persoas con coronavirus e 2.935 tiveron que ser ingresadas no hospital, 332 na UCI

Galicia tivo este luns unha das xornadas máis favorables en relación co coronavirus dende o inicio da pandemia hai máis de dous meses. En primeiro lugar, non se rexistraron falecementos por terceira vez dende o 15 de marzo. Ademais, o número de positivos detectados por PCR só aumentou en dous, aínda que os tests de anticorpos e outras probas rápidas si recolleron 40 positivos máis. Finalmente, tan só un paciente con coronavirus tivo que ser ingresado no hospital, nunha unidade convencional.

Son os datos que vén de ofrecer o Ministerio de Sanidade, coas cifras transmitidas polo Sergas correspondentes á medianoite pasada. Nesta xornada os indicadores no conxunto do Estado foron tamén moi positivos, con só 295 novos casos e, por terceiro día consecutivo, por debaixo de cen falecementos (83), 56 deles en Cataluña e Madrid.

Ese luns apenas houbo dous novos positivos por PCR. As probas rápidas detectaron outros 40 casos

Con estes datos, a taxa de incidencia acumulada da enfermidade descende en Galicia ata os 6,56 casos por cada 100.000 habitantes nos últimos 14 días, un dato que só é inferior en Andalucía, Canarias, Murcia, Asturias e a Comunidade Valenciana. A incidencia acumulada no Estado español sitúanse nos 18,36 casos, encabezados por Navarra, Castela e León, Madrid e Cataluña.

Dende o comezo da epidemia morreron en Galicia 607 persoas con coronavirus e 2.935 tiveron que ser ingresadas no hospital, 332 na UCI.

A Xunta contabiliza 1.139 casos activos, 35 menos que este luns

A Xunta, en calquera caso, segue a utilizar como principal indicador de referencia o dos "positivos activos", o cal volveu perder nos últimos días validez para observar a tendencia da covid-19 no país, toda vez que volveron ser introducidas dun golpe centos de "curacións" sen referencia temporal, algunhas correspondentes ás primeiras semanas da pandemia, e sen serie histórica publica na que situalas. Partindo deste atranco de base, esta cifra segue baixando e sitúase este 19 de maio nos 1.139 casos, 35 menos que un día antes, mentres que o que o Sergas presenta como "curacións" aumenta en 77, ata as 9.281 -este segundo indicador inclúe tamén negativos en test de anticorpos-.

Galicia supera así o limiar dos 11.000 positivos acumulados dende o comezo da pandemia, nos primeiros días de marzo segundo as cifras oficiais. Mentres, o número de persoas falecidas segue nas devanditas 607.

Os bos datos referentes ás hospitalizacións (só un novo ingreso nas últimas 24 horas) permiten que o número de casos positivos hospitalizados siga en descenso. Hai 15 pacientes de coronavirus na UCI (onte eran 17) e outros 92 en unidades convencionais (onte eran 93). Outras 1.029 persoas pasan o coronavirus nas súas casas, ao presentar síntomas leves.

Nas residencias de maiores os datos tamén manteñen a súa tendencia descendente, con 122 'casos activos' de persoas usuarias e 95 de traballadoras e traballadores. Nos centros de atención á discapacidade hai 33 casos de usuarios/as e 16 de traballadores/as

Redución de positivos activos en todas as áreas agás un leve aumento na coruñesa

A maior incidencia continúa sendo a da área sanitaria ourensá, aínda que moi próxima xa ás da Coruña e Vigo tras as mudanzas das últimas semanas

Por áreas sanitarias, e sempre co atranco engadido de non contar coa referencia de casos novos neste nivel -os datos estatais só chegan ao detalle por autonomías-, case a metade da redución de positivos activos sitúase nesta ocasión na área sanitaria de Ourense, con 17 menos. A continuación, a maior redución é a de Vigo, con 11 menos. Na banda contraria sitúase a da Coruña, segundo os datos do Sergas, con 7 positivos activos máis. No que atinxe á incidencia -número de casos activos por cada 100.000 habitantes-, a maior continúa sendo á ourensá, aínda que moi próxima xa ás da Coruña e Vigo tras as mudanzas das últimas semanas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.