Galicia rexistra só 5 novos casos de coronavirus e ningún ingreso na UCI noutro día de cambios na comunicación dos datos

CC-BY-NC-SA Praza Pública

Galicia rexistrou 5 novos diagnósticos de coronavirus detectados coa proba PCR, a xornada con menos positivos dende o pasado 9 de marzo

Galicia rexistrou 5 novos diagnósticos de coronavirus detectados coa proba PCR, a máis fiable. É o día con menos novos positivos dende o pasado 9 de marzo, igualando o indicador deste sábado. Trátase dun dato moi positivo, que en parte se pode explicar polo efecto da fin de semana, pero que consolida a tendencia á baixa das últimas semanas. Os bos datos galegos coinciden, ademais, cos indicadores ingualmente favorables no conxunto do Estado, con só 285 positivos e 59 falecidos. 

Esta tendencia á baixa en Galicia leva a que a incidencia acumulada da enfermidade se sitúe nos 7,30 casos por cada 100.000 habitantes nos últimos 14 días, moi lonxe xa das cifras que aínda se daban hai unhas poucas semanas. A incidencia acumulada no conxunto do Estado é de 20,02 casos e tan só catro comunidades autónomas (as tres que aínda se atopan en Fase 0 -Madrid, Catalunya e Castela-León- e mais Navarra) están aínda por riba de 30 casos por cada 100.000 habitantes en 14 días. 

Nas últimas 24 horas houbo un falecemento por coronavirus en Galicia, elevando a cifra total ata os 607

Nas últimas 24 horas houbo un falecemento por coronavirus en Galicia, elevando a cifra total ata os 607. Admeais, 8 pacientes tiveron que ser ingresados no hospital, pero ningún na UCI.

Son os datos facilitados polo Ministerio de Sanidade, que a partir deste luns comeza a dar o seu parte diario a media tarde, recollendo todos os datos ata a medianoite do día anterior. Ata agora o Ministerio ofrecía ao mediodía a situación que se rexistrara ata as oito da tarde da xornada precedente.

Cada día coñeceremos dúas series distintas de datos, que terán leves variacións, estando un chisco máis actualizados os ofrecidos polo Ministerio de Sanidade

A Xunta, pola contra, seguirá difundindo o seu informe da situación ao mediodía, como viña facendo, datos que non serán os mesmos que os enviados ese día ao Ministerio, pois non recollerán a situación ata a medianoite, senón a das oito da tarde. Así pois, cada día estaremos coñecendo dúas series distintas de datos, que terán leves variacións, estando un chisco máis actualizados os ofrecidos polo Ministerio de Sanidade. 

Trátase do enésimo cambio na contabilización ou comunicación dos datos vivido nas últimas semanas, unhas continuas modificacións que dificultan o seguimento das series en cada un dos indicadores. A distorsión máis importante produciuse na última semana de abril, coa incorporación dun golpe 3.552 "curacións" sen referencia temporal ningunha. E aínda este sábado a Xunta levou a cabo unha revisión semellante, introducindo medio milleiro de ‘curacións’ sen referencia temporal. A Xunta non contempla publicar unha serie estatística completa sobre o impacto do coronavirus en Galicia e está á cabeza do Estado en opacidade na difusión dos datos sobre o coronavisur.

 

Os datos da Xunta

Trátase do enésimo cambio na contabilización ou comunicación dos datos vivido nas últimas semanas, unhas continuas modificacións que dificultan o seguimento das series en cada un dos indicadores

Nos datos que o Sergas difundiu esta mañá ofrecíase información sobre a situación dos hospitais galegos, nos que hai aínda 17 pacientes con coronavirus nas UCI e outros 93 noutras unidades convencionais.

A Consellaría de Sanidade segue levando tamén o rexistro con "casos activos" de coronavirus (paciente nos hospitais pero tamén casos positivos con sintomatoloxía leve que se atopan nos seus domicilios). Este domingo ás oito da tarde había un total de 1.171, 28 menos que onte. Deles, 110 están nos hospitais e 1.061 nos seus domicilios. O número de 'casos resoltos' medra ata os 9.204.

Dos casos activos, 280 corresponden a residencias de maiores e centros de atención á discapacidade, un dos principais focos da enfermidade en Galicia, e onde se rexistraron 270 falecementos, 44% de todas as mortes por coronavirus en Galicia.

Os datos comunicados polo Sergas permiten tamén coñecer unha estimación dos positivos detectados por proba de anticorpos, que desta volta o Ministerio de Sanidade non ofrece. Neste domingo houbo que sumar 17 positivos máis por esta vía, menos fiable que as PCR e que ademais pode correspondet a probas realizadas con varios días de anterioridade.

Áreas sanitarias

A área viguesa é a que acumula un maior número de casos, pero segue a ser a da Ourense a que presenta unha maior incidencia

Así mesmo, os datos das Consellaría de Sanidade permiten seguir observando a evolución da enfermidade nas sete áreas sanitarias galegas. Dos 1.171 casos activos galegos, 276 son da área da Coruña, 75 da de Lugo, 207 da de Ourense, 57 da de Pontevedra, 339 da área de Vigo, 182 da de Santiago, e 35 da de Ferrol.

A área viguesa é a que acumula un maior número de casos, pero segue a ser a da Ourense a que presenta unha maior incidencia, xusto por diante das áreas de Vigo e A Coruña. As menores taxas de incidencia corresponden a Ferrol, Pontevedra e Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.