Todos os móbiles da Coruña e Arteixo soarán á vez nun simulacro de emerxencia

O 15 de outubro todos os teléfonos móbiles que se atopen na Coruña, Arteixo recibirán unha alerta como parte dun simulacro CC-BY-NC-SA Foto rúa: Concello da Coruña | Montaxe: Praza.gal

O martes 15 de outubro ás 10 horas todos os móbiles que nese momento se atopen nos termos municipais da Coruña e Arteixo recibirán unha mensaxe acompañada dun son agudo e intenso e dunha vibración

O vindeiro martes 15 de outubro ás 10 horas todos os teléfonos móbiles que nese momento se atopen nos termos municipais da Coruña e Arteixo -ademais dalgunha área limítrofe en Oleiros, Culleredo, A Laracha e Carballo- recibirán unha mensaxe acompañada dun son agudo e intenso e dunha vibración, mesmo se os aparellos están configurados para estaren en silencio.

A mensaxe informará de que se trata dun simulacro como parte do plan de emerxencia exterior do parque industrial de A Grela-Bens. Simularase un fallo mecánico nunha cisterna de propano que provoca un incendio con varias persoas feridas e un accidente de tráfico na zona entre un vehículo e unha furgoneta con traballadores. A comunicación incluirá instrucións sobre como actuar e sinalará que se trata unicamente dunha proba. Logo de lelo, as persoas que o reciban deberán premer en 'Aceptar' sen realizar acción adicional ningunha.

Trátase dunha proba do sistema ES-Alert, posto en marcha en todo o Estado hai dous anos e que envía mensaxes por radio a todos os móbiles que se atopen ao alcance das antenas que os emitan

Trátase dunha proba do sistema ES-Alert, posto en marcha en todo o Estado hai dous anos e que envía mensaxes por radio a todos os móbiles que se atopen ao alcance das antenas que os emitan.  É unha ferramenta coa que conta Protección Civil para alertar a poboación de xeito masivo en caso dunha emerxencia, provocada por exemplo por un accidente industrial, un fenómeno meteorolóxico excepcional ou un terremoto. .

Se ben as áreas de posible afección en caso de accidente neste plan se circunscriben ao entorno inmediato das instalacións industriais, optouse por ampliar as zonas de aviso á totalidade dos concellos. Ademais do envío do aviso sonoro e das mensaxes aos móbiles, activarase un sistema de sirenas que instaría á veciñanza do entorno máis próximo a adoptar determinadas medidas de autoprotección en caso de emerxencia real.

Esta é a segunda vez que a Xunta vai probar o sistema ES-Alert para enviar mensaxes instantáneas de alerta a través do 112 Galicia. En outubro de 2022 realizouse un ensaio no concello de Maceda e nos municipios veciños de Baños de Molgas, Esgos e Vilar de Barrio

O simulacro está coordinado pola Xunta en colaboración cos concellos da Coruña e Arteixo e coa empresa Repsol Butano. A proba foi presentada este xoves na Coruña nun acto no que participaron o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o xerente da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), Marcos Araújo.

Esta é a segunda vez que a Xunta vai probar o sistema ES-Alert para enviar mensaxes instantáneas de alerta a través do 112 Galicia. En outubro de 2022 realizouse un ensaio no concello de Maceda e nos municipios veciños de Baños de Molgas, Esgos e Vilar de Barrio. O sistema experimentouse tamén noutras comunidades autónomas, como Canarias e mesmo se puxo en práctica noutras. Por exemplo, empregouse o pasado ano en Madrid ante a previsión de choivas de grande intensidade. 

Presentación do simulacro, este xoves na Coruña © Xunta

Este sistema é considerado máis eficiente que o envío de mensaxes por SMS

Esta proba non se limita a avaliar a eficacia da ferramenta, senón que tamén pretende que a cidadanía se familiarice co seu uso, fortalecendo a capacidade de resposta ante situacións de emerxencia. Este sistema é considerado máis eficiente que o envío de mensaxes por SMS porque emprega un menor largo de banda, non se ve alterado por unha posible saturación da rede telefónica e non é necesario coñecer previamente o número de teléfono para remitilo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.