Este domingo celébrase unha nova edición do Día dos Medios en Galego, unha conmemoración impulsada pola Amega (Asociación de Medios en Galego) que naceu hai tres anos a través dunha declaración institucional aprobada por unanimidade no Parlamento galego. Este texto destacaba a importancia de "visibilizarmos os medios de comunicación que utilizan a lingua galega e poñen o foco na realidade do país". "Apoiándoos estaremos avanzando no camiño de compromiso coa nosa realidade e orgullo polo propio iniciado no Rexurdimento", engadía a declaración.
O lema da edición deste ano é #Moitoquesachar. Porque, en efecto, aínda hai moito que traballar para conseguirmos unha normalización do uso da lingua nos medios de comunicación
Nesta xornada celébrase o aniversario da publicación do Parrafeo Primeiro de O Tio Marcos d'A Portela, o xornal impulsado por Valentín Lamas Carvajal que chegou a vender 4.000 exemplares, converténdose na primeira cabeceira de masas publicada en lingua galega.
Nesta ocasión, a pandemia de Covid-19 impedirá a realización dun acto público coma os organizados nos tres últimos anos en Fene, Pontevedra e Carballo. Porén, a Amega levará a cabo unha celebración na rede, a través dunha retransmisión en streaming, baixo o lema #Moitoquesachar. Porque, en efecto, aínda hai "moito que sachar" para conseguirmos unha normalización do uso da lingua nos medios de comunicación e para "dignificala, visibilizala e facela máis noble aínda", salienta a Amega.
Na actualidade máis de 35 medios de comunicación de distintos soportes forman parte da Amega, unha importante representación das máis de 100 cabeceiras que empregan a lingua propia do país. Entre as persoas que se quixeron sumar á celebración está o catedrático Ángel Carracedo, que achega un artigo no que escribe: "non sabedes que importancia lle dou a que o fagades en galego, porque é a mesma historia: non só e importante para normalizar o uso da nosa lingua, para poñela en valor, senón para achegarse a xente e transmitirlle as novas que lle sexan de interese ou importancia".
Máis do 50% da poboación que é audiencia habitual dos medios de comunicación responde afirmativamente á pregunta de se desexaría máis contidos en galego
Enquisas como as realizadas polo Instituto Galego de Estatística sobre o uso do galego amosan que na sociedade existe unha demanda de contidos en galego nos medios de comunicación. Segundo os últimos datos, correspondentes ao ano 2018, máis do 50% da poboación que é audiencia habitual da televisión, da radio, da prensa impresa e dos medios dixitais, así como lectora de libros, responde afirmativamente á pregunta de se desexaría máis contidos en galego, unha porcentaxe que medrou ao redor de seis puntos dende a enquisa anterior, correspondente ao ano 2013.
O castelán é maioritario na consulta habitual de información en todos os soportes
Porén, a realidade é moi distinta, e o castelán é maioritario na consulta habitual de información en todos os soportes, especialmente na información en internet e nos xornais impresos. A maior proporción de consumo de contidos en galego dáse na televisión, segundo o IGE, e non chega nin ao 20% da audiencia. Ademais, este consumo mesmo se reduciu entre 2013 e 2018, agás en Internet, onde medrou un chisco.
O IGE tamén incidía neste cativo uso do galego en Internet e nas redes sociais, o que supón un evidente freo para a normalización da lingua, especialmente entre as xeracións máis novas. O 69,47% das persoas entrevistadas afirmaron que navegaban por Internet exclusivamente en castelán e outro 25,46% sinalou que o facía máis en castelán que en galego. Así mesmo, máis da metade dos galegos e galegas que empregan as redes sociais escriben en castelán "sempre" e outro 21% faino "máis en castelán"