Un home asasinou este sábado á súa esposa na parroquia de Crecente do concello lucense da Pastoriza e despois suicidouse. Segundo adiantou o xornal El Progreso, as primeiras fontes indican que o presunto asasino propinou un forte golpe na cabeza á muller e despois, tentou suicidarse por varías vías ata que finalmente o logrou. Fontes da investigación citadas pola Cadena SER apuntan ademais a feridas de arma branca no corpo da muller asasinada.
Os primeiros datos sobre o que semella ser un novo asasinato machista indican que foi unha neta do matrimonio, residente na mesma vivenda, quen atopou á muller asasinada. Ambos roldaban os 80 anos de idade. Durante a xornada do domingo desenvolveranse as dilixencias policiais e xudiciais encamiñadas a esclarecer concretamente o xeito en que aconteceron os feitos.
Dende poucas horas despois do achado do corpo sen vida da muller asasinada sucedéronse as mostras de dor e condena, a comezar polo propio Concello da Pastoriza. A Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta emitiu tamén este domingo un comunicado de condena, que lembra as vías para a denuncia da violencia de xénero, como os teléfonos 016 e 900 400 273. Tamén amosaron as súas condolencias os presidentes dos gobernos galego e central e as principais forzas políticas.
A muller asasinada na Pastoriza eleva a 62 as asasinadas en Galicia dende o inicio da estatística oficial; institucións e forzas políticas reiteran a súa condena
Na madrugada do sábado ao domingo, a Delegación do Goberno central para a Violencia de Xénero constatou que está a "recompilar información sobre unha nova vítima mortal por violencia de xénero na provincia de Lugo". A muller da Pastoriza elevaría a 62 as asasinadas en Galicia dende o inicio da estatística oficial, que se remonta ao ano 2003 e que só inclúe as vítimas cando os asasinos son as súas parellas ou ex-parellas, segundo a lei vixente.
O movemento feminista galego avanzaba na noite do sábado a convocatoria de mobilizacións de repulsa deste asasinato. Atendendo ao protocolo habitual, estas concentracións contra a violencia machista impulsadas dende estes movementos desenvolveranse en vilas e cidades este luns, 27 de xaneiro. A Marcha Mundial das Mulleres está a actualizar no seu Facebook as horas e lugares das convocatorias.
Ao tempo, a asociación lucense contra a violencia machista Si, hai saída subliña que, alén de "expresar a nosa máis enérxica condena e a nosa dor polo crime machista" da Pastoriza, "non podemos deixar de lanzar unha chamada de atención". As mostras de dor tras un novo asasinato, consideran, "de nada servirán se non se toman medidas contundentes" tanto no eido da "concienciación" como na "revisión dun sistema" de protección ás vítimas "que, por máis que se tente facer ver o contrario, claramente está fallando"