Milleiros de persoas, durante o día e, sobre todo, nas mobilizacións feministas do serán, fixeron visible este luns en Galicia o rexeitamento a todas as violencias machistas. A cor lila do movemento feminista anegou concentracións e manifestacións, pero tamén fachadas de edificios oficiais ou centros educativos, en moitos dos cales volveron estar moi presentes as cores escuras da campaña En negro contra as violencias machistas, a campaña agora impulsada por case 140 concellos que evoca a memoria das mulleres asasinadas e clama pola fin da violencia de xénero.
Unha trintena de localidades galegas acolleron mobilizacións contra a violencia machista, secundadas por milleiros de persoas
Unha trintena de mobilizacións e concentracións impulsadas polo movemento feminista nas sete cidades e nas principais vilas do país fixeron visible na rúa o rexeitamento ás agresións de xénero. "Rebelión, desobediencia, contra a súa violencia", "se é machista non é xustiza", "basta xa, nin unha máis; non queremos nin unha menos" foron algunhas das consignas escoitadas nas protestas impulsadas por plataformas como a Marcha Mundial das Mulleres e a Plataforma Feminista Galega, ademais de diversos colectivos locais e sectoriais, e apoiadas polas forzas políticas da oposición galega -nalgunhas participaron tamén membros do PP- e as principais centrais sindicais, como a CIG, CC.OO. e UGT.
Entre os manifestos lidos nestas mobilizacións destaca o da Marcha Mundial das Mulleres, que neste 2019 se mobilizou baixo o lema Se é machista non é xustiza. Durante as protestas, a plataforma pediu non ficar "nun feminismo cómodo que mire ao lonxe as grandes transformacións lexislativas, ignorando a súa aplicación e as consecuencias que esta ten para a vida das mulleres". Neste sentido, o manifesto pide unha aplicación efectiva dos "avances formais que o feminismo organizado impulsou e conseguiu trasladar ás institucións en materia de violencia machista.
Actos por toda Galicia
Antes das manifestacións do movemento feminista, múltiples puntos de Galicia acolleron actos institucionais e reivindicativos contra a violencia machista, dende os concellos ata os centros educativos e de traballo. No eido municipal volveron ter especial protagonismo os actos vinculados á campaña En negro contra as violencias machistas, a acción impulsada dende 2015 polo Concello de Santiago que nesta ocasión chegou xa a 138 municipios galegos e a tres das catro deputacións -todas agás a de Ourense-.
Entre os principais actos de Galicia en negro neste 25N estivo a concentración celebrada en Compostela, onde alumnado de centros educativos da cidade expuxo as conclusións dos traballos en materia de igualdade e contra a violencia de xénero viñeron desenvolvendo durante os últimos meses. Noutros concellos, como é o caso de Lugo, a campaña tamén saíu á rúa; na capital lucense celebrouse o Camiño contra as Violencias, que finalizou cun acto reivindicativo e unha representación artística na Praza Maior lucense.