Un terzo da poboación galega respira aire contaminado segundo os novos límites da UE

Coches almacenados nunha empresa de desmantelamento de vehículos © desguacelorenteyecla.e

860.000 galegos e galegas -o 32% da poboación- estiveron expostos durante 2025 a unha contaminación que excede os novos límites aprobados para 2030 pola Unión Europea

860.000 galegos e galegas -o 32% da poboación- estiveron expostos durante 2025 a unha contaminación que excede os novos límites aprobados para 2030 pola Unión Europea. As áreas urbanas da Coruña e Vigo incumpriron o novo límite legal anual do dióxido de nitróxeno. 

Durante 2025 a calidade do aire en Galicia mellorou con respecto a 2024 e os anos anteriores á pandemia, cunha redución dos niveis de partículas en suspensión (PM10 e PM2,5) e dióxido de nitróxeno (NO2) e unha lixeira repunta do ozono, con porcentaxes de entre o 18% e o 45% de caída respecto das medias do período 2012-2019. Con todo, os datos seguen a exceder os límites legais que se aplicarán en 2030 como moi tarde. 

De feito, se se teñen en conta os valores recomendados pola Organización Mundial da Saúde (OMS), moito máis estritos que os límites legais vixentes e novos, o aire contaminado afectou de novo o ano pasado á totalidade da poboación galega.

Imaxe de arquivo dun atasco na Coruña © Policía Local A Coruña

Ecoloxistas en Acción publicou este luns o informe sobre a calidade do aire correspondente ao pasado ano 2025 A entidade recompilou información procedente de 780 estacións oficial de medición, entre elas 59 galegas

Ecoloxistas en Acción publicou este luns o informe sobre a calidade do aire correspondente ao pasado ano 2025 A entidade recompilou información procedente de 780 estacións oficial de medición repartidas por todo o Estado, propiedade das comunidades autónomas, concellos e Estado central, entre elas 59 galegas. O informe toma como referencia os novos valores límite da Directiva 2024/2881, que deberán alcanzarse antes de 2030.

O cadro xeral que presenta Galicia é o dun territorio con catro principais fontes de contaminación, relacionadas maioritariamente coa transformación e uso de enerxía fósil: algunhas grandes industrias, de biomasa e de gas natural, o tráfico marítimo e o tráfico motorizado urbano.

A organización salienta que malia a leve mellora dos últimos anos, os datos revelan "a magnitude do reto a asumir polas administracións no próximos tres anos para aliñarse coa nova lexislación". A contaminación do aire é a primeira causa ambiental de morte. Segundo a Axencia Europea de Medio Ambiente, en 2023 faleceron prematuramente ata 24.000 persoas no Estado español por enfermidades agravadas pola mala calidade do aire, 500 delas en Galicia. 

Segundo a Axencia Europea de Medio Ambiente, en 2023 faleceron prematuramente ata 24.000 persoas no Estado español por enfermidades agravadas pola mala calidade do aire, 500 delas en Galicia

Considerando a normativa aínda vixente, non houbo poboación que respirase aire contaminado nin superficie exposta a niveis de contaminación que danan a vexetación, por encima dos obsoletos límites legais actuais. Iso si, os niveis de partículas PM10 e NO2 excederon os devanditos límites nas tres estacións da autoridade portuaria de Vigo. Debido ás características climáticas de Galicia (inestabilidade, altas precipitacións e baixa radiación), a formación de ozono é moderada.

Con todo, as partículas PM10 e PM2,5 seguiron afectando principalmente aos núcleos urbanos (A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Santiago e Vigo) e ás zonas industriais (Arteixo e Oural), onde excederon non só os valores medios diarios e anuais recomendados pola OMS para estes contaminantes, senón no caso de Ourense tamén os novos valores límite legais diario e anual aprobados para 2030 pola Unión Europea para as partículas PM2,5 , nun ano en que en Galicia se produciron cinco superacións do limiar de alerta establecido para as partículas PM10 (ningunha do limiar de alerta das PM2.5).

Central eléctrica de ciclo combinado a gas fósil de Sabón, propiedade de Naturgy CC-BY-SA Galiza sen Gas

As partículas PM10 e PM2,5 seguiron afectando principalmente aos núcleos urbanos (A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Santiago e Vigo) e ás zonas industriais (Arteixo e Oural)

Ecoloxistas en Acción realizou en 2023 e 2024 dúas campañas de medición de NO2 nos accesos a algúns dos centros escolares con máis tráfico motorizado das cidades da Coruña e Vigo, co resultado de que a poboación infantil está a miúdo exposta a niveis moi elevados de contaminación, por riba dos rexistrados nas estacións oficiais de control da calidade do aire. O que ademais cuestiona a súa correcta localización, polo que a organización ambiental pediu a súa revisión para as estacións de tráfico.

Vencido hai tres anos e medio o prazo para que todas as cidades de máis de 50.000 habitantes establezan zonas de baixas emisións, tanto para mellorar a calidade do aire como para reducir as emisións de dióxido de carbono (CO2) e así mitigar a crise climática, Ecoloxitas en Acción lembra que "en Galicia tan só A Coruña e Pontevedra cumpriron formalmente esta obriga". Ademais, engade que os concellos da Coruña e Vigo "carecen de protocolos de actuación fronte a episodios de contaminación atmosférica como os que periodicamente as afectan".

Ecoloxistas en Acción salienta que tras o peche en 2020 da fundición de aluminio primario de Alu Ibérica (antiga Alcoa), descendeu abruptamente na estación A Grela da Coruña a concentración do canceríxeno benzo(α)pireno

Ecoloxistas en Acción salienta que tras o peche en 2020 da fundición de aluminio primario de Alu Ibérica (antiga Alcoa), descendeu abruptamente na estación A Grela da Coruña a concentración do canceríxeno benzo(α)pireno  (BaP) ata 0,17 ng/m3, tras achegarse con 0,94 ng/m3 en 2019 ao valor obxectivo anual establecido pola normativa en 1 ng/m3. En cambio, nas estacións Eulogio Gómez Franqueira de Ourense e Campelo e Campolongo de Pontevedra desbordouse con respectivamente 0,25, 0,26 e 0,22 ng/m3 a recomendación de BaP da OMS (0,12 ng/m3). Esta circunstancia "aconsella ampliar as medicións deste contaminante, relacionado coa queima de biomasa en caldeiras e incendios forestais e coa industria metalúrxica", sinala o informe.

Cinco cruceiros no porto da Coruña © Autoridade Portuaria da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.