O 78% da poboación de Ourense non ten acceso a zonas verdes, fronte ao exemplo positivo de Santiago

Algunhas imaxes do informe publicado por Amigas da Terra sobre unha fotografía do Parque Eugenio Granell de Compostela © Montaxe: Praza.gal

Amigas da Terra analizou o acceso a zonas verdes en dez cidades do Estado. Ourense aparece como unha das urbes nas que unha maior proporción dos seus habitantes carece destes espazos nos seus barrios. En cambio, de Santiago destácase a abundancia de áreas naturalizadas

Nos últimos anos popularizouse a regra 3-30-300 para ilustrar o acceso recomendable a espazos verdes para a poboación das cidades. A norma, ideada polo investigador neerlandés Cecil C. Konijnendijk, foi asumida pola OMS, que declarou que "cada habitante debería poder ver tres árbores dende a súa casa, o 30% da superficie de cada barrio tería que estar cuberta por copas de árbores e debería haber un parque de cando menos unha hectárea a menos de 300 metros de cada fogar".

Seguindo este último criterio, o grupo ecoloxista Amigas da Terra, e o Grupo de Investigación en Arquitectura, Urbanismo e Sostibilidade (GIAU+S) da Universidad Politécnica de Madrid, veñen de publicar os resultados dunha pescuda que analizou o acceso a zonas verdes por parte da poboación de dez cidades españolas, entre elas Ourense e Santiago. Ademais, buscaron achar se había diferenzas en función do nivel de renda.

O estudo detecta ademais unha correlación entre maior renda e maior acceso a zonas verdes nalgunhas cidades, como Ourense, Palma ou Badaxoz, de xeito que canto maior poder adquisitivo ten un barrio este conta cunha maior dispoñiblidade destes espazos

A análise emprega como referencia os espazos verdes que teñan unha superficie de, cando menos, unha hectárea (10.000 metros cadrados, cen por cen metros) e busca contabilizar a poboación que vive en seccións censuais situadas a menos de 300 metros en liña recta dalgún destes parques ou prazas. A investigación conclúe que no conxunto das dez cidades estudadas o 60% da poboación non ten unha destas áreas verdes preto da súa casa. 

Porén, hai importantes diferenzas entre unhas e outras cidades e tamén dentro delas, en boa medida en función da súa renda media. Así, en Ourense o 78% da súa poboación, unhas 81.000 persoas, carece de zonas verdes na súa contorna, unha porcentaxe que sitúa a cidade entre as peores do do estudo, canda a Valencia e Badaxoz.

En cambio outras, como Santiago, aparece como exemplo positivo, con moitas zonas verdes e moi accesibles para maior parte da poboación. E aínda que a súa porcentaxe de habitantes sen acceso (55%) é elevado, o informe explica que unha parte importante corresponden a poboación da contorna exterior, próxima a zonas rurais e polo tanto con acceso a espazos naturais.

"Non é posible falar do dereito á natureza sen mencionar o dereito á vivenda", destaca Amigas da Terra, que alerta de que as poboacións máis afectadas pola falta de espazos verdes "son as de menor renda con vidas máis precarizadas"

O estudo detecta ademais unha correlación entre maior renda e maior acceso a zonas verdes nalgunhas cidades, como Ourense, Palma ou Badaxoz, de xeito que canto maior poder adquisitivo ten un barrio este conta cunha maior dispoñiblidade destes espazos. E, sobre todo, os barrios con menor renda, son os que máis lonxe adoitan estar dunha zona verde. 

Con todo, nalgunha das urbes esta tendencia non se dá, sobre todo nos barrios ricos, tamén situados en zonas sen áreas verdes. Segundo o informe, algún destes casos explícase por exemplo pola "gran cantidade de zona verde privada, situada en xardíns de vivendas individuais" nos barrios ricos de Eivisa, o que fai innecesaria a existencia de zonas verdes públicas. Ou, en Madrid, porque as zonas verdes de gran tamaño (por exemplo a Casa de Campo) están situadas máis preto de barrios con menor nivel de renta.

A entidade aposta por levar a cabo "procesos de renaturalización" para incrementar a resistencia da poboación ante os episodios de calor, mellorando a calidade do aire e, consecuentemente, a saúde da poboación, contribuíndo ademais a crear espazos de encontro e ocio colectivo

Amigas da Terra defende o que denomina “dereito á natureza”, sinalando que "todas as persoas teríamos que ter 
o mesmo acceso aos beneficios que producen o resto de especies coas que convivimos". Neste senso, a organización ecoloxista apunta que "non é posible falar do dereito á natureza sen mencionar o dereito á vivenda" e alertan de que as poboacións máis afectadas pola falta de espazos verdes "son as de menor renda con vidas máis precarizadas". "Mentres que os barrios máis ricos adoitan ser máis amplos e verdes, as zonas obreiras teñen menos espazos para o común, e adoitan ter un mantemento de menor calidade", salientan.

A entidade aposta por levar a cabo "procesos de renaturalización" para incrementar a resistencia da poboación ante os episodios e vagas de calor, xerando refuxios climáticos e reducindo a temperatura dos barrios, mellorando a calidade do aire e, consecuentemente, a saúde da poboación, contribuíndo ademais a crear espazos de encontro e ocio colectivo. En todo caso, apunta que este incremento das zonas verdes, que adoita incrementar o valor das vivendas da súa contorna, pode supor a expulsión das personas máis economicamente vulnerables dos seus barrios se á vez non se regulan os prezos da vivenda.

8 de cada 10 ourensán e ourensás, sen zonas verdes

En Ourense os espazos verdes "conforman un sistema fragmentado e pouco continuo", o que fai que case o 80% da poboación non teña unha zona verde preto da súa casa e tan só o 9 % do solo residencial dispoña de cobertura vexetal

As zonas verdes en Ourense, imprescindibles nunha urbe que sofre temperaturas elevadísimas cada verán, localízanse nas ribeiras do río Miño, ademais doutras áreas de menor tamaño e dispersas: o corredor do Barbaña e escasos parques como o Xardín do Posío ou a Alameda. O informe destaca que isto "conforma un sistema fragmentado e pouco continuo" e que aínda que "a proximidade do monte e a interfaz forestal nos bordos da cidade xera unha aparente dispoñibilidade de espazos naturais", con todo isto "non resolve a falta de acceso a zonas verdes nas áreas máis densas do centro urbano".

Ademais de que case o 80% da poboación non ten unha zona verde preto da súa casa, tan só o 9 % do solo residencial dispón de cobertura vexetal, o que a converte na cidade con menor cobertura das analizadas.

O informe identifica catro áreas prioritarias a intervir: os barrios do Vinteún, A Carballeira, O Couto e San Francisco, zonas que se atopan lonxe de espazos verdes e que, en xeral, comparten tamén un baixo nivel de renda.

Varios barrios ourensáns non teñen zonas verdes preto © Amigas da Terra

O informe identifica catro áreas prioritarias a intervir: os barrios do Vinteún, A Carballeira, O Couto e San Francisco, zonas que se atopan lonxe de espazos verdes e que, en xeral, comparten tamén un baixo nivel de renda

En O Vinteún, as actuacións deberían orientarse "cara á creación de corredores verdes que conecten o barrio 
coa contorna natural periférico, buscando unha maior permeabilidade, restauración potencial de ecosistemas 
forestais asociados e integración dos interiores das mazás nunha rede verde". 

Nos barrios máis céntricos -A Carballeira, O Couto e San Francisco- as propostas irían máis dirixidas a itinerarios verdes con conexións, parques de maior entidade, renaturalización de rúas e prazas ou incremento do arboledo viario".

Santiago: exemplo positivo

O documento explica que aínda que o 55% da poboación de Santiago non dispón de espazos verdes suficientes preto das súas casas, os principais déficits "concéntranse en ámbitos periurbanos moi conectados coa contorna natural, tratándose de contornas de alta calidade ambiental"

Pola contra, Santiago aparece no informe como contrapunto positivo. O documento destaca que a capital de Galicia conta cunha infraestrutura verde nucleada en torno aos ríos Sar e Sarela que, ademais, conectan unha ampla serie de "parques urbanos, xardíns históricos e espazos naturais periurbanos", dende a Alameda e Belvís, pasando polo Parque Eugenio Granell ou a Área forestal do Monte Pedroso, o que "garante unha cobertura de zonas verdes de envergadura que alcanza practicamente á totalidade do núcleo principal do municipio".

O documento explica que aínda que o 55% da poboación non dispón de espazos verdes suficientes preto das súas casas, os principais déficits "concéntranse en ámbitos periurbanos moi conectados coa contorna natural, tratándose de contornas de alta calidade ambiental". Ademais, estas áreas "non se concentran en zonas específicas grandes e con baixa renda media por fogar".

En Santiago, en cambio, o informe non destaca ningún barrio de 'acción prioritaria' © Amigas da Terra

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.