Medir a contaminación na Coruña e Vigo a 16 e 25 metros do tráfico: Ecoloxistas en Acción desmonta o sistema

Estacións de medición da calidade do aire dirixidas ao tráfico en Vigo e A Coruña pero situadas demasiado afastadas do tráfico CC-BY-SA Imaxes: Ecoloxistas en Acción | Montaxe: Praza Pública

Un estudo sobre estacións de medición da calidade do aire nas 25 principais cidades españolas invalida os seus emprazamentos, que estarían a enmascarar contaminacións máis elevadas do que rexistran

Ecoloxistas en Acción leva tempo poñendo o foco na mala calidade do aire nas cidades galegas, no caso da Coruña e Vigo con reiterados incumprimentos dos límites de dióxido de nitróxeno (NO2), orixinado polo tráfico motorizado. Pero agora vén de facer público un informe que analiza o emprazamento de estacións de medición nas 25 principais cidades españolas cuxa distancia ao tráfico estaría a enmascarar niveis de contaminación máis elevados que os que rexistran. Nos casos de Vigo e A Coruña, as estacións de medición da calidade do aire de Coia e Riazor, dirixidas especificamente ao tráfico urbano, están a 25 e 16 metros da calzada, moi por riba dos 10 metros recomendados pola normativa europea.

O estudo de Ecoloxistas en Acción analiza diversos requisitos da normativa europea a respecto do emprazamento recomendable das estacións de medición da calidade do aire dirixidas ao tráfico urbano. O resultado é que 19 das 25 estacións analizadas en todo o Estado presentan algún grao de incumprimento. 

Estación de medición de Vigo, en Coia, na ampla avenida de Castelao, a 25 metros da calzada CC-BY-SA Imaxes: Ecoloxistas en Acción | Montaxe: Praza Pública

Dos 14 criterios analizados, a estación de Riazor incumpre catro e só cumpre parcialmente outros cinco, e a de Coia incumpre dous e parcialmente outros cinco

No caso de Vigo a estación de Coia sitúase a carón da moi ampla avenida de Castelao, un espazo aberto con zonas verdes e cos aparatos de medición a 25 metros da calzada. "A súa posición concreta dentro dun espazo aberto e retranqueado respecto ao eixo principal de circulación condiciona de forma significativa a súa capacidade para rexistrar as concentración máximas asociadas ao tráfico rodado", sinala o informe. Esa estación viguesa mesmo estaría o suficientemente afastada como para non detectar tampouco de xeito adecuado a contaminación acústica do tráfico.

Na análise pormenorizada de 14 criterios de macro e micro implantación o informe de Ecoloxistas en Acción conclúe que a estación de Coia incumpre dous criterios e só cumpre de xeito parcial outros cinco.

No caso da Coruña a estación de Riazor, a carón do cruce entre Gregorio Hernández e Peruleiro, sitúase máis próxima á calzada, pero neste caso nun espazo elevado uns catro metros por riba do nivel da rúa e a uns 16 metros do tráfico, o que "reduce a exposición directa e continua ás emisións primarias do tráfico rodado".

Estación de medición da Coruña, a varios metros sobre a calzada na zona de Riazor, no cruce entre Gregorio Hernández e Peruleiro CC-BY-SA Imaxes: Ecoloxistas en Acción | Montaxe: Praza Pública

Na análise de 14 criterios o informe da organización ecoloxista reflicte que a estación coruñesa incumpre catro e só cumpre de xeito parcial outros cinco.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.