Tras unha nova avaría nun convoi convencional, desta volta na liña vella Ourense-Santiago, a operadora tivo que recorrer a un tren paisaxístico, pero a súa reducida capacidade provocou unha revolta no Carballiño
O AVE está a piques de chegar e, coa progresiva apertura de novos treitos, as liñas de longa distancia e do Eixo Atlántico viron aumentar notablemente nos últimos anos o número de servizos e reducirse os tempos de viaxe. Pola contra, no tren convencional, especialmente a partir do gran recorte de liñas de 2013, os servizos empeoraron ao tempo que os convois continuaron a avellentar. Pero non todos, xa que hai un tipo de tren convencional que si aumentou os servizos nos últimos anos, os trens turísticos, dos que xa existen unha ducia en toda Galicia e a un dos cales tivo que recorrer Renfe este domingo para transportar a parte dos pasaxeiros da liña vella entre Ourense e Santiago, principalmente estudantes, ao avariarse o convoi ordinario.
O tren que ía facer o servizo Ourense-Santiago pola vía convencional, especialmente empregado nas fins de semana por estudantes ante o moito máis elevado prezo do Avant que circula pola liña de alta velocidade, non chegou a saír da estación de Ourense e os pasaxeiros foron trasladados a un tren turístico. Porén, a capacidade deste é máis reducida e na parada que fai no Carballiño xa non quedaban asentos para os pasaxeiros que alí agardaban co billete xa comprado. A negativa a viaxar de pé no tren turístico substituto obrigou a Renfe a habilitar un autobús no que transportar a parte da pasaxe.
O presidente de Renfe lamenta que anteriores gobernos desatendesen as liñas de proximidade e media distancia, con trens con máis de 40 anos, e di que traballa para mercar novos convois
A avaría do tren orixinal non é nova e ese tipo de incidentes son frecuentes tanto nesa como noutras liñas nas que aínda se prestan servizos convencionais, como a liña de vía estreita do Cantábrico. Este luns o propio presidente de Renfe, Isaías Táboas, de visita en Arteixo, atribuíu as recorrentes avarías no parque móbil convencional a que o anterior Goberno central do PP deixou desatendidas as liñas de proximidade e media distancia, con trens con máis de 40 anos. Agora, asegurou, traballa en licitar a compra de trens novos para ese tipo de servizos.
Porén, nos últimos anos en Galicia Renfe tamén apostou por outro tipo de servizos que non son de alta velocidade ou longa distancia senón que empregan as liñas convencionais. Os trens turísticos, que contan con financiamento da Xunta e da Deputación de Ourense, disparáronse ata as doce liñas existentes este ano en días puntuais distintos. Non é que haxa doce trens novos, xa que eses servizos son prestados cuns poucos vellos e pequenos convois reformados que se van desprazando a unha ou outra liña o día concreto en que ten que circular, pero este pasado domingo a súa viaxe entre Ourense e Santiago puxo en evidencia as prioridades das administracións.