Unha cadea humana e de estreleiras homenaxea a Asemblea de Lugo

Cadea humana na muralla de Lugo convocada por Estreleira © Movemento Arredista

"Son chegadol-os tempos d'erguere a y-alma e o pensamento de Galicia, e sobor todo a súa soberanía, compreta e sin cativeces. N-isto non caben discusións: Galicia ten direito, un direito fundamental, a ser dona ausoluta de si mesma. Con vountade ceibe faremos nupcias d'amore con outras soberanías, contr'as que non vai nin quér ire a soberanía nosa". Así se dirixía "ao pobo galego" o manifesto da Asemblea de Lugo asinado polas Irmandades da Fala o 18 de novembro de 1918.

Este domingo, 103 anos despois, en Lugo unha cadea humana de estreleiras percorreu a muralla da cidade nunha acción convocada polo proxecto Estreleira na que participaron multitude de asociacións e colectivos para conmemorar a Asemblea de Lugo. Tamén cen anos despois do primeiro izado da bandeira galega nun edificio público, segundo sinalaban no seu chamado á participación na procura de "reafirmar o compromisso do nosso povo na luita por umha Galiza livre e soberana". 

Bandeiras en Lugo polos actos que conmemoran a primeira Asemblea de Lugo © Estreleira

A xornada comezou cunha alborada na muralla de Lugo da man do Quarteto da Gentalha do Pichel e do Quarteto de música tradicional de Trasancos, entre outras bandas. Xa con todas e todos unidos na cadea se despregaron "as bandeiras da Estreleira, do Reino Suevo, do Antigo Reino e a da Sereia de Castelao" pola muralla. 

Conduciron o acto de peche o músico Xurxo Souto e a actriz Isabel Risco, que foi a encargada da lectura do manifesto. A música tamén chegou da man da Quenlla e mais das regueifeiras Lupe Blanco, Séchu e as crianzas da Semente.

As Irmandades da Fala, centradas na defensa da lingua, da cultura e da identidade galega deron un paso máis coa celebración da que foi a I Asambleia Nazonalista. Alí se acordaron solucións "aos problemas que interesan dun xeito fondísimo a vida nacional da Galicia" dende o teatro Lugo-Salón.

Naquela primeira Asemblea de Lugo consideraron urxente a "autonomía integral para Galicia" e, dado que o país tiña "todas as caracterísitcas esenciais de nacionalidade", decidiron "nomearse" para sempre "nacionalistas galegos, xa que a verba rexionalismo non recolle todas as aspiracións nin encerra toda a intensidade dos nosos problemas".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.