Unha iniciativa de ciencia cidadá para seguir as bolboretas e detectar cambios nos ecosistemas

Unha bolboreta polyommatus icarus CC-BY-SA Xunta

As bolboretas están consideradas como unha das especies de fauna e flora que requiren dunha atención especial debido á súa importancia ecolóxica, pois constitúen un dos indicadores de biodiversidade máis utilizados a nivel europeo e mundial. O Goberno galego traballa na posta en marcha dunha "rede de seguimento de bolboretas" nos parques naturais Monte Aloia, complexo dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán, e Baixa Limia-Serra do Xurés, tres espazos cunha presenza importante destes insectos de gran interese. 

O seguimento do comportamento das bolboretas serve como "un bo indicador ambiental á hora de detectar posibles cambios nos ecosistemas", salienta a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda que este ano impulsa un programa de seguimento nestes tres parques naturais dos seis que ten Galicia. Un proxecto apoiado nunha rede de voluntariado que xa foi formado o pasado verán por expertos da Sociedade para a conservación e o estudo das bolboretas en España (Soceme).

Bolboreta iphiclides feisthamelii CC-BY-SA Xunta

Unha "rede de voluntarios ambientais" percorrerá uns itinerarios marcados nos parques naturais Monte Aloia, complexo dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán, e Baixa Limia-Serra do Xurés para tomar notas sobre os exemplares e especies presentes

Impartíronse tres cursos formativos dirixidos a persoas interesadas nestes lepidópteros e dispostas a colaborar na elaboración de censos específicos que permitan estudar tendencias e establecer indicadores que poidan axudar á súa conservación, ao tempo que se obtén un coñecemento moi valioso sobre o estado da biodiversidade destes tres espazos naturais das provincias de Pontevedra, A Coruña e Ourense. 

A formación incluíu obradoiros de identificación de bolboretas, polo que a Consellería traslada que xa conta cunha "rede de voluntarios ambientais" dispostos a participar na elaboración dos primeiros censos. Para logralo, definiranse en cada parque diferentes percorridos, de entre un e dous quilómetros e escollidos pola representatividade deste grupo biolóxico, co fin de que cada 15 días as persoas que colaboran no proxecto realicen o traxecto tomando notas sobre os exemplares e especies que avisten.

Esta iniciativa de ciencia cidadá precisa de máis persoas voluntarias, polo que a Xunta avanza que repetirá as formacións para captar a máis interesadas. Así mesmo, a partir deste xaneiro haberá folletos divulgativos coas variedades de bolboretas máis presentes e características nos centros de interpretación de Monte Aloia, Corrubedo e Xurés para seren repartidos entre os visitantes. 

O programa de seguimento de bolboretas do Goberno galego está cofinanciado nun 80% polos fondos europeos FEDER. A previsión é contar cos primeiros censos a partir da primavera deste ano que comeza.

Exemplar de bolboreta lycaena tityrus CC-BY-SA Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.