Unha praga de pulgas obriga a desaloxar unha área do Hospital Álvaro Cunqueiro

Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo © Sergas

Unha trintena de pacientes foron trasladados dunha zona da segunda planta do Álvaro Cunqueiro por mor dunha praga de pulgas

Unha trintena de pacientes do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo tiveron que ser trasladados logo de detectarse a presenza de pulgas nunha parte da segunda planta do recinto, a 2B, onde os servizos de Traumatoloxía e Cirurxía Plástica. 

Foi o pasado sábado á tarde cando un auxiliar de enfermería reparou en que sufrira unha picadura, comprobándose máis tarde que esa zona do hospital sufría unha praga de pulgas que chegou ao complexo dun portador exterior, tal e como confirman fontes do persoal. 

Vista do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e da súa contorna © Sergas

Os pacientes dese corredor 2B foron trasladados ao corredor 2A, que estaba liberado de doentes porque se habilitara espazo por se fose necesario para afectados polo coronavirus. Ao tempo, a empresa encargada da desinsectización do hospital fumigou a zona, que presumiblemente quedou libre de pulgas xa o domingo, aínda que os pacientes afectados mantéñense no mesmo lugar para evitar máis molestias.

O hospital aclara que as pulgas proceden do exterior, polo que o problema é alleo ao complexo vigués, e a zona que foi baleirada continúa aínda pechada para dar marxe á desinsectización, polo que prevé ser reaberta nos vindeiros días. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.