Unha vida post-coronavirus mellor do que foi: A Coruña e Santiago ofrecen apoio ás persoas sen fogar acollidas na pandemia

Momento do peche do albergue habilitado no pavillón de Riazor © Concello da Coruña

Nos primeiros días da crise do coronavirus entre as múltiples situacións que necesitaban unha atención urxente por parte das autoridades estivo a necesidade de facilitar o aloxamento das persoas sen fogar. Nun momento no que era obrigatorio permanecer confinados e confinadas na casa, que podían facer as persoas que carecían dela? Varias cidades e vilas galegas reforzaron os albergues e alternativas habitacionais existentes e puxeron en marcha novos espazos, empregando por exemplo pavillóns deportivos e outros grandes espazos, como na Coruña, Lugo, Vigo ou Vilagarcía.

A Coruña ou Compostela puxeron en marcha mecanismos de apoio para as persoas que pasaron polos albergues, co obxectivo de que non teñan que volver durmir na rúa

Xa en proceso de desconfinamento e de progresivo retorno á normalidade estes dispositivos excepcionais van pechando as súas portas. Pero que sucede nestes casos coas persoas sen fogar? Regresan ás rúas a unha normalidade nada amable? En paralelo co remate destas iniciativas, cidades como A Coruña ou Compostela están a poñer en marcha mecanismos que buscan achegar a estas persoas elementos de apoio e distintos itinerarios de inclusión para evitar que se vexan obrigados e obirgadas a volver a durmir na rúa. Para que a nova normalidade sexa algo mellor que a vella.

Lugo habilitou durante semanas o pavillón dos deportes para acoller as persoas sen fogar © Cruz Vermella

A Coruña

Na Coruña este luns pechou as súas portas albergue habilitado no Pavillón de Riazor, que abrira o pasado 22 de marzo e no que o Concello investiu ao redor de 422.000 euros. Porén, o obxectivo do Goberno municipal herculino é que o apoio emprestado a estas persoas non fique aquí. Realizouse unha "historia social" de todas elas co obxectivo de ofrecerlle "unha saída segundo a súa personalidade e necesidades".

107 persoas foron aloxadas no pavillón de Riazor. O Concello da Coruña quere ofrecerlles "unha saída segundo a súa personalidade e necesidades"

Así, sinala o Concello, algúns "regresaron aos seus municipios de orixe ou reagrupáronse coa familia", mentres que "outras e outros aloxáronse no Fogar de Sor Eusebia ou na institución benéfica social Padre Rubinos e tamén lles proporcionaron a varias persoas usuarias unha vivenda de emerxencia". A Concellería de Benestar Social comprometeuse a lles realizar un seguimento a longo prazo: “Hai unha porcentaxe que están cronificadas/os pola súa situación ou debido ás adiccións que teñen e resulta máis complicado mais traballaremos con todas e todos eles”, sinala.

En total, 107 persoas foron aloxadas no pavillón (outras 13 non chegaron a entrar pero buscóuselles unha alternativa). No tempo no que estiveron alí, déuselles formación e asesoramento laboral e axudóuselles en temas xurídicos e de traballo, así como a confeccionaren os seus currículos.

Instalacións do Seminario de Belvís, en Compostela © Cáritas

Compostela

19 das 21 persoas que pasaron polo albergue posto en marcha polo Concello de Santiago estás a ser realoxados en pisos ou pensións

En Santiago o pasado 24 de marzo o Concello comezou a instalar no Seminario Menor de Belvís a un grupo de persoas sen fogar que habitualmente durmían nas rúas da cidade. En total, foron 21 persoas, que nos últimos días están a abandonar a instalación, pero non o fan da mesma maneira que entraron. A Concellaría de Políticas Sociais facilitoulles alternativas habitacionais para evitar que teñan que volver a durmir nas rúas. Varios pisos de propiedade municipal, pensións cos que o Concello ten convenios, así como outros espazos xestionados por Cáritas e por outras ONG acollerán a 19 das 21 persoas que estas semanas estiveron acollidas en Belvís. 

Dende a Concellaría de Políticas Sociais destácase a boa disposición amosada por todas estas persoas, que previamente se atopaban en condicións de extrema vulnerabilidade e que en moitos casos era renuentes a trasladarse ao Seminario. Ademais do seu traslado a pisos situados en distintos puntos da cidade, dúas das 21 persoas ingresarán nun centro terapéutico de forma voluntaria. 

O Goberno local compostelán destaca que para estas persoas a pandemia foi "un punto de inflexión" nas súas vidas

O seu día a día foi xestionado por persoal de Cáritas a través dun equipo formado por psicóloga, dúas educadoras sociais, psicopedagogo e pedagoga, e coa colaboración de persoas voluntarias. Dende o Concello destácase así mesmo, que as instalacións de Belvís permitiron ofrecer unhas condicións mellores das que poderían ter nun pavillóns, xa que todas as persoas contaron, por exemplo, cunha habitación individual. O Goberno local compostelán destaca que para estas persoas a pandemia foi "un punto de inflexión" nas súas vidas e asegura que se fará todo o posible para que non teñan que volver á rúa.

Albergue instalado no pavillón da Xunqueira, en Pontevedra © Cruz Vermella

Outras cidades

Os pavillóns habilitados en Lugo, Vigo, Pontevedra ou Ourense están a pechar as súas portas, unha vez que se relaxan as normas de confinamento

En Lugo, o Concello habilitou o pavillón deportivo municipal, que nestes dous últimos meses veu funcionando como Fogar do Transeúnte co obxectivo de "poder acoller un maior número de persoas sen teito durante esta pandemia e poder atendelas nas condicións máis idonéas para a súa maior protección". En total, a instalación acolleu a 41 persoas

En Vigo, o Concello habilitou tamén un polideportivo municipal, o do Berbés, para acoller as persoas sen teito, nunha iniciativa na que contou co apoio da Cruz Vermella.

En Ferrol tamén pechará nos vindeiro días o albergue provisional instalado na Casa do Mar. Actualmente conta con cinco usuarios para os que xa se tramitou unha alternativa habitacional.

A cidade de Pontevedra acolleu as persoas sen teito no pavillón da Xunqueira, tamén en colaboración coa Cruz Vermella. Moitos deles comezaron a abandonar as instalacións hai uns días, pero nese espazo quedan aínda unhas 25 persoas. O Goberno local informa de que seguirá activo mentras dure o estado de alarma.

Cruz Vermella colaborou na posta en marcha de sete albergues de aloxamiento temporal para persoas sen fogar © Cruz Vermella Galicia

Cruz Vermella colaborou na posta en marcha de sete albergues de aloxamiento temporal para persoas sen fogar, que en total sumaron 330 prazas

En Ourense, a crise do coronavirus obrigou a buscar un espazo maior que o Fogar do Transeúnte situado na Praza do Trigo, que ata entón viña servindo para acoller as persoas sen fogar. O Goberno local habilitou o pavillón de Oira para acoller as persoas sen teito que resultasen infectadas polo coronavirus e que non presentasen síntomas, ademais de acondicionar os albergues da rúa Barreira e de San Francisco. Este martes comezaron a ser retiradas as camas que foran instaladas en Oira.

En todas estas actividades xogou un papel moi importante a Cruz Vermella, que colaborou na posta en marcha de sete albergues de aloxamiento temporal para persoas sen fogar, que en total suman 330 prazas e coordinouse cos concellos para colaborar na xestión destas instalacións. Así mesmo, subliña a entidade, os seus equipos de atención a persoas sen fogar continuaron realizando saídas de rúa para apoiar as persoas que o puidesen necesitar.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.